En 1535, o mesmo ano en que Francisco Pizarro funda a actual cidade de Lima e o rei Carlos I, no seu afán expansionista, toma Túnez, nace Luís de Molina no seo dunha familia nobre.[i]

  Fillo de Diego de Orejón e Muela e Ana García de Molina, estuda na súa mocidade literatura latina. Posteriormente marcha cara a Salamanca onde comeza estudos de dereito, os cales abandona, e pasa a Alcalá, onde comeza a estudar dialéctica. No ano 1553 únese á recentemente formada Compañía de Xesús como novizo, onde se ordena sacerdote en 1561.

  A Compañía envíao a Portugal, onde estuda artes en Coimbra e posteriormente pasa a estudar teoloxía, estudos que continuará en Évora. É neste último lugar onde obtén a cátedra de teoloxía e explica e ensina a Suma Teolóxica de Santo Tomas de Aquino.

  Entre 1584 e 1591 dedícase a completar as súas obras en Lisboa. É neste período no que escribe a súa soada Concordia liberi arbitrii cum gratiæ donis, diuina præscientia, prouidentia, prædestinatione, et reprobatione ad nonnullos primæ partis Diui Thomæ (Concordia do libre albedrío cos dons da graza, a presciencia divina, a providencia, a predestinación e a reprobación en relación a algúns artigos da Primeira Parte de Santo Tomas), ou simplemente Concordia, onde establece unha resposta que concilia o libre albedrío defendido pola doutrina católica coa omnisciencia e omnipotencia divina, a través do que denominaba ciencia media.

  Pouco despois regresa a Cuenca onde termina tres dos seis volumes do seu magnum opus, De iustitia et iure onde fai unha defensa da liberdade individual e dos dereitos de propiedade. Os outros tres volumes publícanse postumamente xa que Luís de Molina morre en 1601 á idade de 66 anos na súa cidade de orixe.

 

  Pensamento e obra.

  As achegas intelectuais de Molina son moitas e en diversos campos, como o dereito, a economía e a teoloxía.

  No campo do dereito cabo destacar a defensa do dereito natural e os dereitos de propiedade, onde atacaba a visión “pasiva” de dereitos de propiedade, no cal considérase que un posúe certos dereitos sobre as cousas, xa que se lle deben.

 

 

Cando dicimos […] que alguén ten un ius sobre algo, non queremos dicir que se lle deba nada, senón que ten unha facultade cara a iso, cuxo impedimento causaríalle dano. Deste xeito dicimos que alguén ten un ius cara ás súas propias cousas como consumir a súa propia comida – isto é, que si é impedido estarase incorrendo en danos e inxustizas cara a el – do mesmo xeito que un pobre ten o ius de pedir esmola, un mercador ten o ius de vender as súas mercancías.[ii]

 

  Como vemos, Molina defende unha visión activa da propiedade segundo a cal, o dereito sobre as cousas non é unha demanda de obter algo que se lle debe de antemán, senón é o dereito de poder gozar da propiedade dun libremente, sen ser prexudicado. Mentres que desde un punto de vista pasivo diríase que o pobre ten o dereito a recibir esmolas, Molina dinos que o pobre é libre de pedir esmola, xa que pode dispoñer do seu corpo como desexe, e ao impedirlle facelo caeriamos en inxustiza. Da mesma forma, un comerciante é libre de poñer as súas mercancías en venda, xa que lle son propias.

  Ademais disto, Luís de Molina fixo achegas no campo da determinación de prezos, alegando que o prezo xusto é aquel prezo fixado comunmente polos intervenientes na negociación e que os prezos obedecían a leis de oferta e demanda. É importante apuntar neste sentido que Molina chegou a afirmar que o prezo unitario de venda dun ben sería maior si ese ben se vendese de poucas en poucas unidades por un comerciante polo miúdo, e que sería menor si producísese unha venda a granel antes de chegar ao comerciante polo miúdo.

  Neste campo opúxose fortemente á fixación de prezos por parte dos monarcas, dicindo que os efectos da fixación de prezos serían atroces, levando ás xentes á precariedade e a escaseza, xa que había que respectar o proceso de formación natural que obedece á demanda e oferta dos bens.

  Os esforzos de Molina na análise dos prezos leváronlle tamén a considerar o papel do diñeiro no establecemento de prezos. Neste sentido, escribiu:

 

Así como unha abundancia de bens leva a unha caída de prezos (a cantidade de diñeiro e número de mercadores sendo constante), unha abundancia de diñeiro fai que estes se incrementen (asumindo que a cantidade de bens e mercadores mantense constante). Isto débese a que o diñeiro por si mesmo perde o seu valor para o propósito de compra e comparación de bens. Así vemos que en España o poder adquisitivo do diñeiro é moito máis baixo debido á súa abundancia do que era 80 anos atrás. Unha cousa que podería ser comprada por dous ducados nese tempo agora vale cinco, seis ou ata máis. Os salarios subiron na mesma proporción, e así tamén os dotes, o prezo dos inmobles, os ingresos e outras cousas.[iii]

 

  Ademais de introducir a expresión “permanecendo o resto de cousas igual” (ou ceteris paribus), Molina non só afirma que un aumento da oferta de diñeiro fará que os prezos dos bens suban, senón que di que soben porque o valor deste cae para o propósito de compra e comparación de bens. É dicir, non acepta unha visión mecanicista do proceso, senón que introduce un compoñente teleolóxico, dependente da acción dos homes.

  No tema de banca tamén tivo importantes achegas que, aínda que erra en canto á polémica da reserva fraccionaria, merece a pena estudar.

  En primeiro lugar, fixo unha defensa da usura, non só aceptando o principio de defensa da mesma polo risco aceptado polo prestamista, senón expandindo esa visión ao introducir tamén para o seu defensa o concepto de lucrum cessans, é dicir o risco de perda de beneficios sobre esa cantidade prestada ao producirse un incumprimento do contrato pola parte do prestatario.

  Con todo, á hora de analizar os préstamos e depósitos irregulares erra, xa que confunde ambos tipos de contrato.

  No seu Tratado sobre os cambios (1597), mantén a doutrina medieval de que o depósito irregular non é senón un contrato de préstamo ou mutuo a favor do banqueiro, que traslada non só a propiedade, senón a dispoñibilidade íntegra do tantundem, polo que o banqueiro pode lexitimamente utilizalo en beneficio propio, en forma de préstamos ou de calquera outro xeito.

 

Porque estes banqueiros, como todos os demais, son verdadeiros donos do diñeiro que está depositado nos seus bancos, no que se diferencian grandemente dos outros depositarios […], de modo que o reciben como un préstamo a título precario e, por conseguinte, a risco seu […] Tal depósito é realmente un préstamo, como se dixo, e a propiedade do diñeiro depositado pasa ao banqueiro, polo que no caso de que pereza perece para o banqueiro.[iv]

 

  Fáisenos aquí evidente a confusión na obra de Molina en canto a ambos tipos de contrato, a cal ademais é bastante estraña, xa que xente como Martín de Azpilicueta ou Luís Saravia da Rúa, xa apuntaran as diferenzas entre ambos e os perigos de mesturalos.

  Froito desta confusión ten que xurdir necesariamente a defensa dunha banca de reserva fraccionaria, a cal obsérvase na obra de Luís de Molina, aínda que hai que dicir que con algúns miramentos, xa que, por exemplo, condena a aqueles banqueiros que comprometen en negocios tal cantidade de investimento que logo se ven impedidos de poder devolver a cantidade depositada en primeiro lugar no momento oportuno.

  En último lugar, unha das maiores achegas de Luís de Molina ao ámbito intelectual foi a redacción da súa Concordia. Na cal intentaba conciliar a omnisciencia e omnipotencia divina co libre albedrío humano.

  Para iso, describiu a forma en que Deus coñece o que farían as persoas en cada situación distinta á actualmente existente. Sabería como actuaría unha persoa de vivir nun sitio ou outro ou cunhas determinadas relacións ou outras. Segundo Molina, Deus sabe como actuaría cada home en cada unha das situacións posibles. A isto chamouno Scientia Media, para colocalo entre a ciencia simple de intelixencia (que é aquela pola que Deus coñece todo o que a potencia divina é capaz de realizar e é, xa que logo, anterior á vontade divina) e a ciencia de visión ou ciencia libre (pola que coñece todo o que existe, e é xa que logo posterior á vontade divina). Coa ciencia media, Deus coñece todo o que un axente libre faría e elixiría.[v]

 

  Conclusión.

  Luís de Molina realizou grandísimas achegas ao pensamento económico e teolóxico, loitando en ambas frontes contra o determinismo. Por unha banda, opoñíase á determinación arbitraria de prezos, e promovía a defensa da liberdade no uso da propiedade, ata en préstamos. E no plano teolóxico loitou a favor do libre albedrío en contra das tendencias reformistas deterministas que atopan a súa paradigma na teoloxía luterana e calvinista. Para iso desenvolveu unha vía de explicación do coñecemento divino que harmoniza a liberdade individual coa omnisciencia e omnipotencia divinas. Por iso, Luís de Molina debería servir como referente dunha loita incansable en todas aquelas frontes onde se poida defender a liberdade.

[i] Para a biografía de Luis de Molina ver Murray Rothbard, Economic Thought Before Adam Smith: An Austrian Perspective on the History of Economic Thought, Volume I (Auburn:Ludwig von Mises Institute, 2006), pp. 114 – 115, e “Biografía de Luis de Molina”, dispoñible en http://www.filosofia.org/ave/001/a154.htm

[ii] “When we say […] that someone has a ius to something, we do not mean that anything is owed to him, but that he has a faculty to it, whose contravention would cause him injury. In this way, we say that someone has a ius to use his own things, such as consuming his own food – that is, if he is impeded, injury and injustice will be done to him. In the same way that a pauper has the ius to beg alms, a merchant has the ius to sell his wares, etc”. Citado por Rothbard, Economic Thought Before Adam Smith, p. 115.

[iii] “Just as an abundance of goods causes prices to fall (the quantity of money and number of merchants being equal), so does an abundance of money cause them to rise (the quantity of goods and number of merchants being equal). The reason is that the money by itself becomes less valuable for the purpose of buying and comparing goods. Thus we see that in Spain the purchasing-power of money is far lower, on account of its abundance, than it was eighty years ago. A thing that could be bought for two ducats at that time is nowadays worth five, six, or even more. Wages have risen in the same proportion, and so have dowries, the price of estates, the income from benefices, and other things”. Citado por Rothbard, Economic Thought Before Adam Smith, p. 116.

[iv] Citado por Jesús Huerta de Soto, Dinero, crédito bancario y ciclos económicos (Madrid: Unión Editorial, 2009), p. 79.

[v] Para unha definición da ciencia media de Molina ver “Dr. William Lane Craig Explains Middle Knowledge”, dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=vxVadW-OqAw&t=145s