Coñécese co nome de Escola Austriaca a unha Escola de pensamento económico fundada por Carl Menger no último terzo do século XIX, e da que forman parte autores sobranceiros coma Eugen von Bohm Bawerk, Ludwig von Mises, Friedrich Hayek, Ludwig Lachmann, Murray N. Rothbard ou Jesús Huerta de Soto.
A característica máis destacada da Escola Austriaca é a súa insistencia nun enfoque causal-realista fundado no individualismo metodolóxico. Menger aplicou o concepto de intencionalidade ó valor económico, considerando que éste deriva dun xuízo individual que expresa unha preferencia. É dicir, preferir algo equivale a valoralo, a clasificalo xerárquicamente nunca escala de valores propia.
Seguindo a Menger, os autores da Escola Austriaca consideran que o que move a economía son as accións dos individuos. A partir desta consideración, e a través dun razoamento lóxico-deductivo das súas implicacións, artellan explicacións dos fenómenos económicos do mundo real, tales coma o valor, o intercambio, os prezos, o tipo de xuro e o beneficio empresarial, ata chegar, paso a paso, a unha ciencia xeral da acción humana, que inclúe teorías da estrutura de producción, do diñeiro, da empresarialidade, dos procesos de mercado e dos ciclos económicos.
Un dos precedentes da Escola Austriaca atópase no traballo dos autores da Escola de Salamanca, que escribiron nos séculos XVI e XVII un conxunto de obras que conforman unha visión da orde social que salienta o carácter subxectivo, dinámico e creativo da acción humana.