Xoán de Lugo (1583-1660) foi o derradeiro representante da Escola de Salamanca, tradición de pensamento que agrupa a un conxunto de autores escolásticos que ensinaron moral e teoloxía nas universidades de Salamanca e de Coimbra. Estes autores anticiparon moitas das contribucións á teoría económica nas que profundaría máis tarde a Escola Austriaca.
Xoán de Lugo naceu en Madrid en 1583. Os seus pais pertencían a familias da nobreza galega. Ingresou na Compañía de Xesús e cursou estudos de Teoloxía en Salamanca. Ensinou filosofía e teoloxía en diversos lugares, entre eles Monforte de Lemos, antes de ser nomeado Cardeal polo Papa Urbano VIII. Morreu en Roma en 1660, ós 76 anos de idade.
Nos seus estudos Xoán de Lugo foi quen de anticipar principios esenciais da Escola Austriaca de Economía, tales como a natureza dinámica do mercado e a imposibilidade do modelo de equilibrio.
A súa obra máis famosa é De Iustitia et Iure, publicada en 1642, na que fai importantes contribucións á teoría económica. Nela explicou cómo o prezo de mercado dun ben se orixina a través da valoración subxectiva da xente e da interacción de multitude de persoas. Como esta valoración non depende de ningunha característica obxectiva do ben en cuestión senón das preferencias dos distintos individuos (coas que podemos concordar ou non) o prezo xusto dun ben será sempre o seu prezo de mercado.
Xoán de Lugo concibía ó ser humano, e a súa liberdade, coma o principal protagonista da sociedade, xa que a orixe dos fenómenos económicos era a interacción das valoracións e escollas humanas individuais.