Na miña opinión, Böhm-Bawerk é o economista austríaco máis importante logo de Ludwig von Mises. Digo isto baseándome no feito de que as súas obras ofrecen de lonxe o mellor e máis completo desenvolvemento que se pode atopar da lei da utilidade marxinal decrecente e a súa aplicación á teoría dos prezos.[i]

         George Reisman

  Nesta segunda parte dedicada a Böhm-Bawerk centrarémonos nos aspectos da súa obra que mereceron o eloxio de Reisman, concretamente a súa análise do valor, da utilidade marxinal e da determinación dos prezos en A teoría positiva do capital.

O valor.

  Böhm-Bawerk enfatizou o carácter subxectivo do valor, definíndoo como a importancia que un ben ou un conxunto de bens posúen en relación co benestar dun suxeito. Recoñecía que todos os bens teñen utilidade, pero non todos os bens teñen valor. Para que apareza o valor, ademais de utilidade, ten que existir escaseza.

Cando a oferta de bens non é suficiente, e algunhas das necesidades permanecen insatisfeitas, está claro que a perda de ata un único ben supón a perda dunha posible satisfacción, mentres que a adición dun único ben supón a adquisición dunha satisfacción doutro xeito imposible; e, consecuentemente, está claro que algunha gratificación ou forma de benestar depende da existencia dese ben. Do mesmo xeito, está bastante claro que, si hai sobre-abundancia dalgunha clase de bens, non sucede ningún dano si se perde un deses bens- xa que pode ser reemprazado inmediatamente do stock sobre-abundante; tampouco se obtén ningunha utilidade si se engade outro ben dese tipo- xa que non pode ser empregado de ningún xeito útil.[ii]

  Os bens insuficientes son os que hai que economizar e son, xa que logo, bens económicos. Os bens económicos teñen valor, mentres que os bens libres, aqueles sobre-abundantes, non o teñen.

A utilidade marxinal.

  Para entender o concepto da utilidade marxinal, Böhm-Bawerk analiza a utilidade que teñen os bens económicos, aqueles bens con valor e afectados pola escaseza. Böhm-Bawerk pregúntase: ¿entre varias necesidades a satisfacer, cal depende dunha mercancía? Isto respóndese de xeito moi simple cando se coñece que necesidade se vería insatisfeita si esa mercancía non estivese presente: esa necesidade sería a dependente. E así, é fácil mostrar que a necesidade que quedou insatisfeita será sempre a menos importante de todas as necesidades en cuestión, é dicir, de entre todas as necesidades que se satisfixeron grazas ao stock total desa clase de mercancías.

  Segundo Böhm-Bawerk, ninguén sería tan necio como para esgotar os recursos á súa disposición en necesidades triviais e privarse así dos medios para satisfacer as necesidades máis importantes. Pola contra, todo o mundo ten coidado de usar os recursos á súa disposición para prover primeiro as súas necesidades máis importantes, despois as necesidades que van tras estas en importancia, despois, as de terceiro rango, etc., organizando a súa actividade de tal modo que as necesidades menos importantes sexan satisfeitas unha vez xa o estean as máis importantes e aínda queden medios que utilizar. Actuamos do mesmo xeito cando o noso stock sofre un cambio coa perda dun membro.

  As necesidades que son máis importantes que esta “última” necesidade non se verán afectadas pola perda do ben, xa que a súa satisfacción está garantida. Tampouco se verán afectadas as necesidades que son menos importantes que a “necesidade marxinal”, xa que seguirán insatisfeitas. A única necesidade afectada é a última daquelas que, doutro xeito, serían satisfeitas: satisfarase si o ben está aí. Non se satisfará si o ben falta. É a necesidade dependente que estamos buscando.

  Así, segundo Böhm-Bawerk, o valor dun ben está determinado pola súa utilidade marxinal, é dicir, aquela necesidade que quedaría insatisfeita en caso de perder unha unidade do stock dispoñible:

O valor dun ben se mide pola importancia desa necesidade concreta, ou necesidade parcial, que é a menos urxente de entre as necesidades que se satisfán cun stock de bens similares. O que determina o valor dun ben, xa que logo, non é a súa maior utilidade, nin a súa utilidade media, senón a última utilidade […] en cuxa satisfacción podería empregarse razoablemente baixo concretas condicións económicas.[iii]

  Así pois, a utilidade marxinal económica dun ben é a utilidade que se atopa na marxe do economicamente permisible.

  Para ilustrar o concepto da utilidade marxinal, Böhm-Bawerk emprega o exemplo hipotético dun granxeiro que ten cinco sacos de millo. O granxeiro utiliza os sacos para satisfacer as necesidades que considera máis importantes. Necesita un saco para o seu propio sustento. Un segundo saco para manter o seu vigor. Utiliza o terceiro para alimentar aves de curral. Utiliza o cuarto para destilar alcohol. Utiliza o quinto para alimentar loros que mantén como mascotas. ¿Canta utilidade perderá si perde un saco de millo?, pregúntase Böhm-Bawerk. Un único curso de acción é posible: cos catro sacos que quedan, o granxeiro satisfará os catro grupos de necesidades máis urxentes e renunciará a satisfacer a última e menos importante, a utilidade marxinal. Neste caso, alimentar aos loros. O granxeiro valorará cada saco individual do seu stock de acordo con esta utilidade menos importante. Si os sacos son iguais entre eles, cada saco terá esa valoración, posto que para o granxeiro sería indiferente perder un ou outro saco, sempre que perdese un e quedasen catro para satisfacer as outras necesidades máis urxentes.

  Canto máis completa e intensa sexa a necesidade, maior será a utilidade marxinal e viceversa. É dicir, canto máis numerosas e intensas sexan as necesidades que demandan satisfacción e canto menor sexa a cantidade de bens dispoñibles para satisfacelas, máis alto será o rango das necesidades que quedan insatisfeitas e maior a utilidade marxinal. E, en sentido oposto, canto menores sexan as necesidades e máis bens haxa para satisfacelas, as necesidades que quedarán insatisfeitas ocuparán un rango máis baixo e tamén baixará a utilidade marxinal e o valor. Segundo Böhm-Bawerk pódese dicir case o mesmo, só que de xeito máis impreciso, do seguinte xeito: a Utilidade e a Escaseza son os determinantes últimos do valor dos bens.

  Xa que as relacións de necesidades e provisión varían extremadamente entre individuos, o mesmo ben pode posuír un valor subxectivo completamente distinto para diferentes persoas – sen o cal sería difícil entender como podería haber calquera tipo de intercambio. E así, baixo circunstancias similares, as mesmas cantidades de bens poden ter un diferente valor para o rico e para o pobre. Para o rico un valor menor, para o pobre un valor maior. O rico, dispoñendo dunha maior cantidade de bens, pode dedicalos á satisfacción das necesidades menos urxentes, e a satisfacción engadida ou subtraída dependente dun ben particular é de pouca consideración. Para o pobre, que só é capaz de prover para as súas necesidades máis urxentes, a utilidade que depende de cada ben é moito maior.

  Si un ben ten empregos diferentes con diferentes utilidades marxinais, ¿cal deses empregos determina a súa utilidade marxinal? Para Böhm-Bawerk, a resposta é fácil: é sempre a utilidade marxinal máis alta. Como se viu, a utilidade marxinal dun ben é idéntica coa menor utilidade para a que pode ser economicamente empregado. Si varios empregos mutuamente excluentes compiten por un ben, o máis importante de entre eles terá preferencia. Os usos menos importantes serán excluídos e, xa que o ben non pode ser utilizado neses usos, non teñen influencia sobre o establecemento do valor do ben. No caso de bens que permiten empregos ou usos alternativos e poden producir distintas utilidades marxinais neses usos, aquel emprego que renda a utilidade marxinal máis alta converterase no estándar para o valor económico do ben.

Sempre seguimos o mesmo curso de acción; asignamos o noso stock de bens entre os usos concretos que teñen maior importancia na nosa escala, e o último destes determina para nós a utilidade marxinal e o valor do ben.[iv]

O valor dos bens de producción.

  Seguindo a análise mengeriana das distintas ordes dos bens económicos, Böhm-Bawerk analiza o valor dos bens de produción. Do mesmo xeito que facía Menger, Böhm-Bawerk afirma que, ao contrario que os bens de consumo, que serven para satisfacer directamente as necesidades humanas, todos os bens de produción comparten unha característica: só serven para satisfacer as necesidades de xeito indirecto.

  Un ben de produción, do mesmo xeito que calquera outro ben, só ten valor para nós a través do noso recoñecemento de que, da súa posesión ou non posesión, depende unha ganancia ou perda dalgunha utilidade, é dicir, algunha satisfacción dunha necesidade. O seu valor será máis alto cando a satisfacción dependente sexa máis importante, e máis baixo cando o sexa menos. A única diferenza estriba en que, no caso de bens de consumo inmediato, o ben e a satisfacción atópanse un xunto ao outro nunha cadea causal directa, mentres que, no caso dos bens de produción, interponse unha serie máis ou menos longa de membros intermedios, os produtos sucesivos. Destes produtos depende a mesma ganancia para o benestar humano: a utilidade marxinal do produto final.

  O valor dos grupos de bens de produción é, substancialmente, o mesmo. Este valor está regulado, en última instancia, pola utilidade marxinal do produto final. En primeira instancia, o valor de cada grupo de bens de produción ten a súa medida inmediata no valor do seu produto. Canto máis importante sexa o produto que se fai, maior será a estima concedida á utilidade que prové. A utilidade marxinal do produto final reflíctese no valor dos bens de ordes máis altas. O valor condúcese desde esta utilidade marxinal cara a todos os grupos de bens de produción, pero esta condución faise por etapas. Primeiro, a utilidade marxinal determina o valor do produto final. Despois, fórmase o valor do grupo de bens dos que procede o produto final, é dicir, os bens de segunda orde. Isto, á súa vez, determina o valor do terceiro grupo, os bens de terceira orde que serven para producir os bens de segunda orde. O valor dos bens de terceira orde determina o dos bens de cuarta orde, e así sucesivamente. De etapa a etapa, o nome dos elementos determinantes cambia pero, baixo os distintos nomes actúa a mesma forza: a utilidade marxinal do produto final.

  A lei fundamental da formación dos prezos.

  A continuación, Böhm-Bawerk emprega a análise subxectiva para estudar sistematicamente a formación dos prezos, analizando dita formación nun intercambio illado (aquel no que hai un único comprador e un único vendedor), un intercambio con competición unilateral de compradores (máis dun comprador e un único vendedor), un intercambio con competición unilateral de vendedores (máis dun vendedor e un único comprador) e, finalmente, un intercambio con competición bilateral (máis dun comprador e máis dun vendedor).

  Böhm-Bawerk comeza sinalando que, cando se fan intercambios, búscase “intercambiar de tal forma que aquel que realiza o intercambio gañe máis benestar dos bens que obtén do benestar que perde cos bens que dá; ou, xa que a importancia que os bens teñen para a vida e o benestar está expresada no seu valor subxectivo, intercambiar de tal xeito que os bens recibidos posúan un maior valor subxectivo que os bens dos que se desprende. Un intercambio é economicamente posible só entre persoas que conceden un valor diferente, incluso un valor oposto, sobre o ben e sobre o prezo equivalente”.[v]

  Para alguén que busca unha vantaxe, o intercambio só é economicamente posible cando estima máis o ben que adquire que o que cede. Isto prodúcese con maior facilidade canto menos valor lle conceda un ao ben que posúe e máis valor lle conceda ao ben que desexa. Un home que valora o seu cabalo subxectivamente en 50 libras e valora un bocoi de viño en 10 libras é máis capaz de intercambio que outro que valora o seu cabalo en 100 libras e o bocoi de viño en 5. O primeiro pode proceder ao intercambio si se lle ofrecen seis bocois polo seu cabalo, mentres que o segundo non procederá ao intercambio a menos que se lle ofrezan máis de vinte. Si unha terceira parte valora o seu cabalo en 40 libras e un bocoi de viño en 15, sería capaz de concluír un intercambio si se lle ofrecen tres bocois. De xeito xeral, pódese dicir que será máis capaz de intercambio aquel que conceda menos valor ao seu ben en comparación co que se lle ofrece.

  Böhm-Bawerk ilústrao cun novo exemplo hipotético, o dun campesiño, ao que chama A, que require un cabalo. As súas circunstancias individuais son tales que lle asigna un valor á posesión do cabalo igual a 30 libras. Un veciño, a quen chama B, ten un cabalo á venda. Si as circunstancias de B son tales que considera a posesión do cabalo tanto ou máis valiosa que 30 libras, non pode haber intercambio entre eles. Supoñamos, en cambio, que B valora o seu cabalo considerablemente por debaixo de 30 libras, digamos que en 10. ¿Que ocorrerá? Primeiro, o intercambio ocorrerá con certeza, xa que ambas partes sairán beneficiadas por el. A pregunta é, ¿a que prezo se producirá o intercambio? Ten que ser inferior a 30, ou A non sairía gañando. E ten que ser superior a 10, ou B non sairía gañando. Pero o punto exacto entre 30 e 10 no que se fixará o prezo non se pode determinar de antemán con certeza. Calquera prezo entre eses dous extremos é economicamente posible. Nun intercambio illado (un intercambio entre un único comprador e un único vendedor) o prezo determínase nalgún punto entre a valoración subxectiva do comprador como o límite superior e a valoración subxectiva do vendedor como o límite inferior.

  O seguinte paso é analizar unha competición unilateral de compradores. Seguindo o exemplo anterior, Böhm-Bawerk imaxínase que A1 atópase cun competidor, ao que chama A2, que tamén se quere facer co cabalo. As circunstancias de A2 son tales que valora a posesión do cabalo en 20 libras. ¿Que ocorrerá? Os dous compradores potenciais intentarán convencer a B de que lles venda o cabalo e o medio de persuasión será subindo o prezo. A proposición de ofertas máis altas continuará ata que alcancen a valoración do competidor menos capaz que, neste caso, é A2, quen non pode ir máis aló de 20 libras sen perder no intercambio. Neste punto A2 abandona o intento de compra e déixalle o campo libre ao seu competidor. Isto non quere dicir que A1 vaia a pagar 20 libras. O único que sabemos con certeza é que o prezo non superará as 30 libras e non estará por debaixo de 20.

  Asumamos agora que aparecen outros tres compradores: A3, A4 e A5, e que as súas circunstancias son tales que valoran a posesión do cabalo en 22, 25 e 28 libras respectivamente. Segundo Böhm-Bawerk, resulta fácil observar que, na competición subseguinte, A3 terá que parar nunha oferta de 22 libras, A4 nunha de 25 libras e A5 nunha de 28 libras. O competidor máis capaz segue sendo A1 e o prezo, neste caso, quedará fixado entre 30 libras como o límite superior e 28 libras como o límite inferior.

  Unha vez exposto o exemplo, Böhm-Bawerk expresa o principio xeral que se pode deducir del: nunha competición exclusivamente de compradores (un intercambio no que hai un único vendedor e varios compradores) aquel que conceda maior valor á mercancía será o que efectúe a compra e o prezo atoparase entre a valoración do comprador con éxito como límite superior e a valoración do máis capaz dos compradores sen éxito como límite inferior, entendéndose sempre que o prezo non pode ser máis baixo que o límite inferior marcado pola valoración do vendedor. A competición entre compradores ten o efecto de estreitar cara arriba a esfera dentro da que se determina o prezo. Con A e B, os límites dentro dos que se determinaba o prezo eran 10 e 30 libras; debido á competencia engadida pola aparición de novos compradores, o límite inferior moveuse cara arriba ata 28 libras.

  Nunha competición unilateral entre vendedores sucederá o oposto que no exemplo anterior. O competidor máis capaz, aquel que conceda o menor valor á mercancía da que se quere desprender, será o que consiga vender e o prezo estará nalgún punto entre a valoración do vendedor con éxito como límite inferior e a valoración do máis capaz dos vendedores sen éxito como límite superior. A competencia entre vendedores ten como efecto o estreitamento cara abaixo da esfera dentro da que se determina o prezo.

  Finalmente, Böhm-Bawerk analiza o caso máis común da vida económica: unha competencia bilateral entre compradores e vendedores. Böhm-Bawerk representa esta situación típica cun esquema no que mostra a 10 compradores e oito vendedores, cada un deles desexando comprar ou vender un cabalo, e o grado da valoración subxectiva concedida ao cabalo por cada un dos actores.

A1 valora un cabalo a (e comprará a calquera prezo por debaixo de)-30

A2-28

A3-26

A4-24

A5-22

A6-21

A7-20

A8-18

A9-17

A10-15

B1 valora un cabalo a (e venderá a calquera prezo por encima de)-10

B2-11

B3-15

B4-17

B5-20

B6-21,10

B7-25

B8-26

  A calquera prezo por debaixo de 15 libras todos os compradores poden competir. Por encima dese punto os compradores menos capaces iranse retirando da competición un á un. A 15 libras irase A10, a 17 libras irase A9, a 18 libras irase A8, a 20 irase A7. Á vez que as puxas aumentan, o número de vendedores capaces de vender increméntase. B3 estará disposto a vender por encima de 15 libras, B4 por encima de 17 libras e B5 por encima de 20 libras. Así, redúcese gradualmente a desproporción entre os cabalos demandados e os cabalos ofrecidos en venda; mentres que, a 13 libras hai unha demanda efectiva de dez cabalos pero só dous poden ser vendidos, a calquera prezo por encima de 20 libras só se demandan seis e ofrécense cinco.

  Mentres os compradores en competencia sexan maioría non pode haber un arranxo final. A situación resólvese a partir de 21 libras. A ese prezo A6 deixa de puxar e hai unha demanda de cinco cabalos e unha oferta de cinco cabalos. A puxa entre compradores finaliza e o acordo podería pecharse a 21 libras. Pero os vendedores aínda poderían querer un prezo maior. Nese caso, os compradores terían que seguir puxando máis alto, pero estanse achegando ao límite. Si os vendedores piden un prezo superior a 22 libras, A5 debe abandonar a puxa e entón habería cinco vendedores e catro compradores. Un dos vendedores debería renunciar á venda, pero como a súa valoración subxectiva aínda o permite e ningún quererá abandonar, os cinco vendedores puxarán á baixa entre eles ata que a oferta volva igualar á demanda por baixo de 22 libras. De feito, o prezo debe ir aínda máis baixo, pois no caso dun prezo maior de 21,10 libras, B6 estaría disposto a vender e a oferta volvería superar á demanda. A un prezo por baixo de 21,10 libras o número de competidores en cada lado igualarase e atopouse o prezo ao cal pode cesar a competición. Así, os límites entre os que se pode determinar o prezo estreitáronse entre 21 libras e 21,10 libras.

  O que decide o éxito nunha competición entre compradores e vendedores é, do mesmo xeito que no caso dunha competición unilateral, o grado de “capacidade” para o intercambio. O prezo determínase dentro dunha latitude cuxo límite superior está constituído pola valoración do último comprador con éxito e a do vendedor máis capaz excluído, e o límite inferior pola valoración do último vendedor con éxito e a valoración do comprador máis capaz excluído. O prezo de mercado está limitado e determinado polas valoracións subxectivas destes dous Pares Marxinais.

O prezo, de comezo a fin, é o produto de valoracións subxectivas […] É a relación da valoración subxectiva do ben e o equivalente de prezo o que decide que persoas poden considerar adecuado competir, ben sexa como compradores ou como vendedores; é dicir, decide que partes son “capaces de intercambio”. É a mesma relación a que decide o grado de capacidade de intercambio de cada competidor.[vi]

[i] “In my opinion Böhm-Bawerk is the most important Austrian economist after Ludwig von Mises. I say this on the basis of the fact that his writings provide by far the best and most comprehensive development of the law of diminishing marginal utility and its application to price theory that is to be found anywhere”. George Reisman, “Eugen von Böhm-Bawerk’s ‘Value, Cost, and Marginal utility’: Notes on the Translation”, The Quarterly Journal of Austrian Economics, 5, 3 (otoño 2002): 26.

[ii] “When the supply of goods is not sufficient, and some of the wants which they are adapted to satisfy must remain unsatisfied, it is clear that the loss of even a single good involves the loss of a posible satisfaction, while the addition of a single good involves the acquisition of a satisfaction otherwise impossible; and it is clear, consequently, that some gratification or form of wellbeing depends on the existence of that good. Conversely, it is quite as clear that, if goods of any class are to be had in superfluity, there is no harm done if one of the goods be lost—since it can be immediately replaced from the superfluous stock; nor any utility got if another such good be added—since it cannot be employed in any useful way”. Eugen von Böhm-Bawerk, The Positive Theory of Capital (Nueva York: G. E. Stechert & Co., 1930) p. 136.

[iii] “The value of a good is measured by the importance of that concrete want, or partial want, which is least urgent among the wants that are met from the available stock of similar goods. What determines the value of a good, then, is not its greatest utility, not its average utility, but the least utility which it […] might be reasonably employed in providing under the concrete economical conditions”. Böhm-Bawerk, The Positive Theory of Capital, p. 148.

[iv] We always follow one and the same course; we allocate our stock of goods among the concrete uses which are of most importance on our scale, and the last of these determines for us the marginal utility and the value of the good. Böhm-Bawerk, The Positive Theory of Capital, p. 165.

[v] “[…] to exchange in such a way that the exchanger gains more in well being from the goods he gets than he loses in the goods he gives; or, since the importance that goods have for life and well being is expressed in their subjective value, to exchange in such a way that the goods received possess a greater subjective value than the goods parted with. An exchange is economically posible only between persons who put a different value, even an opposite value, upon the commodity and upon the price equivalent”. Böhm-Bawerk, The Positive Theory of Capital, p. 195.

[vi] “Price, from beginning to end, is the product of subjective valuations […] It is the relation of the subjective valuation of commodity and price equivalent which decides the persons who may consider it worth their while to compete, either as buyers or sellers; that is to say, decides which parties are “capable of exchange”. It is the same relation which decides on the degree of each competitor’s capability of exchange”. Böhm-Bawerk, The Positive Theory of Capital, p. 210.