//DESCENTRALIZACIÓN E LIBERDADE POLÍTICA – Daniel Rodríguez Carreiro

DESCENTRALIZACIÓN E LIBERDADE POLÍTICA

 

    – Daniel Rodríguez Carreiro – 

 

 

  Dicía Paolo Grossi que a actitude mental do xurista moderno, pragado por dous séculos de propaganda da Ilustración tendía a identificar un só dereito cun só Estado,[i] coma se a existencia dun Estado caracterizado pola posesión da idea totalizadora da soberanía fose unha condición imprescindible para a existencia do dereito e a defensa da xustiza.

  Esta idea, non é só propia de xuristas e eruditos senón que é compartida de forma xeral por un gran número de xente nos nosos días. Con todo, forma parte dun prexuízo intelectual que pode ser moi negativo para a promoción da liberdade individual, independentemente da configuración concreta que adopte a idea de soberanía.

  Así, Bertrand de Jouvenel afirmaba que a teoría da soberanía popular, tal e como se veu defendido nos nosos tempos, non é máis que outra versión das teorías do despotismo (o dereito divino dos reis) defendidas nos séculos dezasete e dezaoito.[ii]

  A afirmación principal de ambas teorías é que a vontade do soberano crea a lei para o suxeito, independentemente do contido desa vontade, coa única condición de que emane do lexítimo soberano.

  O rei ou o pobo (a través dos seus representantes) só teñen que formular un decreto para que o suxeito estea obrigado a obedecer a lei.

  Ao atribuír unha soberanía ilimitada e arbitraria, ben sexa á vontade do rei ou á do pobo (a través dos seus representantes), ambas teorías están construídas sobre o mesmo modelo intelectual e confiren o mesmo poder despótico ao soberano: este pode modificar a lei o seu antollo e ten o control sobre todos os ámbitos de actuación dos individuos.

  Este conxunto de ideas foron o produto dunha longa elaboración histórica e eran completamente alleas á mentalidade xurídica da Idade Media.

  A historiadora francesa Regine Pernoud cría que o estudo das ideas políticas e xurídicas deste amplo período da historia europea podía ser moi útil á hora de desprenderse do prexuízo intelectual que supón o mantemento da idea de soberanía e do poder centralizado:

 

“Nos nosos días, en que, como reacción ao poder impersoal da lei e ao poder máis impersoal aínda da colectividade vense desenvolverse aquí e alá tendencias á comunidade, sería moi interesante estudar este “precedente”; non coa intención de imitalo, certamente, senón simplemente por curiosidade histórica e humana; e isto pode permitir, entre outras cousas, rexeitar o reproche de utopía que se opón sempre ás tentativas novas.”[iii]

 

  Dous eran os elementos característicos da orde xurídica medieval que supoñen un rexeitamento frontal á idea de soberanía.

  En primeiro lugar o dereito non se identificaba coa vontade do lexislador: o rei non creaba o dereito e estaba obrigado a gobernar con xustiza, o que significaba que non podía vulnerar lexitimamente os dereitos garantidos aos seus súbditos polos costumes e pola práctica inmemorial.[iv]

  En segundo lugar, durante a Idade Media a creación do dereito estaba marcada por un policentrismo legal moi pronunciado. Existía un conxunto de realidades xurídicas diversas dentro dun mesmo territorio. Cada unha desas realidades representaba un ámbito concreto do xurídico: a comunidade internacional, a comunidade relixiosa, a comunidade política, a comunidade profesional, etc.

  Deste xeito, os reis feudales non posuían ningún dos atributos que se recoñecen como propios dun poder soberano; non podían promulgar leis xerais, non percibían impostos sobre o conxunto do seu reino, nin podían recrutar un exército.

  O policentrismo legal característico da Idade Media dificultaba enormemente a concentración do poder político e foi un elemento imprescindible á hora de configurar as liberdades políticas características da civilización occidental.

  Pero os efectos positivos do policentrismo legal e da fragmentación política non se circunscriben unicamente ao ámbito do dereito senón que tamén se deixan sentir de forma importante na creación e acumulación da riqueza.

  A descentralización que supón a existencia dun gran número de entidades políticas independentes impón serias restricións á capacidade dos gobernos de implementar medidas económicas perxudiciais para a liberdade económica e o crecemento.

  Cando hai múltiples entidades políticas independentes estas vense obrigadas a competir entre elas para atraer o capital e os investimentos. Aqueles que establezan unha política económica máis intervencionista veranse seriamente penalizados posto que os axentes económicos poden optar por desviar as súas actividades cara a aqueles outros países que presenten unha contorna empresarial máis favorable.

  Créase así, polo tanto, unha tendencia ao establecemento de institucións legais e políticas respectuosas cos dereitos de propiedade e favorables á acumulación de capital e ao libre comercio.

  Un gran número de pensadores destacou a importancia deste tipo de competencia institucional na orixe histórica do sistema económico capitalista.[v]

  Así, segundo Ralph Raico, para estes estudosos a clave do desenvolvemento occidental atópase na descentralización política da Idade Media.[vi] Aínda que Europa constituía unha soa civilización (a cristiandade latina), estaba ao mesmo tempo radicalmente descentralizada. Europa comprendía un sistema de xurisdicións e poderes divididos que se atopaban, polo tanto, en competencia uns con outros.

  Roland Vaubel argumentou que a igrexa medieval non só contribuíu á competencia institucional intra-xurisdiccional, proporcionando unha orde institucional alternativa, senón tamén á competencia institucional inter-xurisdiccional asegurando que ningún gobernante podería chegar a ser demasiado poderoso – tanto en Italia como en Europa no seu conxunto.[vii]

  Esta competencia foi fundamental á hora de limitar os actos políticos arbitrarios concernentes á propiedade privada. Jean Baechler, un dos principais estudosos das orixes do capitalismo en Europa, afirmaba que:

 

“A primeira condición para a maximización da eficiencia económica é a liberación da sociedade civil con respecto ao Estado […] A expansión do capitalismo debe as súas orixes e a súa razón de ser á anarquía política.”[viii]

 

  Polo tanto, e, segundo todos estes autores, a descentralización, a fragmentación política e a existencia de diversas fontes de creación do dereito establecen unha tendencia positiva cara á competencia entre sistemas institucionais, a limitación do poder político e o incremento da riqueza e da calidade de vida.

  Estas son ideas que deberiamos ter moi en conta á hora de valorar os fenómenos políticos contemporáneos e ao deseñar estratexias que busquen a promoción da liberdade e a redución do poder arbitrario sobre a vida das persoas.

[i] Paolo Grossi, “Un Derecho sin Estado. La noción de autonomía como fundamento de la Constitución jurídica medieval”, Anuario Mexicano de Historia del Derecho, no. 9, 1997, pp. 167-178.

[ii] Bertrand de Jouvenel, Sovereignty (Indianapolis, IN: Liberty Fund, 1998) pp. 238-239.

[iii] Regine Pernoud, Para acabar con la Edad Media (Palma: José J. de Olañeta, 2010) pp. 62-63

[iv] George H. Sabine, Historia de la teoría política (México, D.F.: Fondo de Cultura Económica, 1945) p. 176

[v] Roland Vaubel, “A History of Thought on Institutional Competition” en Andreas Bergh y Rolf Höijer (eds.) Institutional Competition (Cheltenham: Edward Elgar, 2008) pp. 29-66

[vi] Ralph Raico, “The Theory of Economic Development and the “European Miracle” en Collapse of Development Planning, ed. Petter J. Boettke (New York: New York University Press, 1994) pp. 37-58

[vii] Vaubel, Roland, “Das Papsttum und der Politische Wettbewerb in Europa”, ORDO 56, 2005, pp. 187-192.

[viii] Jean Baechler, The Origins of Capitalism (Oxford: Basil Blackwell, 1975) pp. 77, 113.

 

 

2017-09-20T21:03:04+02:00

Leave A Comment