COMPETENCIA ENTRE MOEDAS: EXEMPLOS DO SÉCULO XIX

 

 – Joaquín Pérez Cano –   

   INTRODUCCIÓN.

  Neste breve ensaio pretendo poñer de manifesto que o debate existente na opinión pública en relación co sistema monetario que debemos utilizar os cidadáns occidentais -si queremos vivir nunha sociedade libre- non é o correcto. Esquecemos que se pode -e débese – empregar outro tipo de diñeiro, completamente á marxe do sistema monopolista estatal no que nos achamos inmersos actualmente: un sistema que xurda da competencia entre as diferentes moedas (públicas, privadas, fíat ou metálicas). Para iso mostro como se podería implementar este sistema monetario, abrindo o actual modelo á competencia cunha serie de modificacións lexislativas. Do mesmo xeito, presento as probas históricas do século XIX en España, onde se pon de manifesto o feito de que se utilizaban varias moedas nacionais conxuntamente nun país e que estas competían entre elas.

 

  NIN MOEDA NACIONAL NIN MOEDA SUPRANACIONAL

  Fálase a miúdo sobre si deberiamos volver á peseta ou permanecer no euro, pero a verdadeira cuestión a debater é a de si deberiamos ser libres para poder elixir a moeda que quixésemos utilizar, ou si pola contra, deberiamos deixar o diñeiro en mans do estado. A miña postura -seguindo a tradición da escola de economía austríaca- é que o diñeiro é unha mercancía máis, utilizada como medio común de intercambio, e como tal, deberíase ter a liberdade de poder escoller cal é o que queremos utilizar (¿ou debería tamén o estado prover os zapatos que debemos calzar ou o pan que debemos comprar cada día?).

  Historicamente, o diñeiro foi unha mercancía privada, ata que no século XIX foinos arrebatado completamente polo estado. Nun principio, o estado unicamente certificaba o peso e a lei dos metais que se utilizaban como diñeiro, para posteriormente apropiarse da tarefa de determinar a cantidade a emitir nunha nación -coas nefastas consecuencias que isto supuxo en termos de crises e inflación. O diñeiro serve como medio de intercambio, e xa que logo, debe posuír un valor intrínseco para que sexa utilizado como tal (ou que se trate dun documento substituto perfecto do diñeiro), polo que debemos facer que a súa provisión volva ás mans das empresas privadas e arrebatarllo aos gobernos. Resulta ata peor, que se trate dunha entidade supranacional a que dirixa a política monetaria, xa que a moeda dalgúns países sairá prexudicada mentres que a doutros sairá beneficiada por esta. Ao arrebatar o monopolio estatal da emisión de diñeiro ao estado, prevalecerá o dereito de propiedade -tan danado pola inflación e a inobservancia dos Principios Xerais do Dereito- e o diñeiro -moedas ou papel moeda- estará apoiado por unha mercancía con valor intrínseco. Isto non é óbice, para que no mercado sexa posible que circulen billetes emitidos por bancos de reserva fraccionaria, si o público decidise -pola súa conta e risco- utilizalos. Ao proverse o diñeiro libremente no mercado cada persoa tería a posibilidade de escoller o diñeiro que considerase mellor, o cal sería aquel que mantivese ou incrementase o seu poder adquisitivo no tempo.

  Para lograr que se permitise a libre circulación de todo tipo de diñeiro -no noso país- deberíanse derrogar varios artigos do ordenamento xurídico, a saber: o artigo 1170 do Código Civil, o artigo 13.1 do Estatuto dos Traballadores e o artigo 24 do Regulamento Xeral de Recadación. Ao derrogar o citado artigo do Código Civil, permitiríase que as partes pagasen as súas débedas en calquera moeda que libremente pactasen e en caso de non facelo, poderían escoller entre un amplo listado delas, sen ter por que utilizar a “moeda de curso legal”. Así mesmo, a contabilidade das sociedades mercantiles poderíase levar na moeda que os administradores e os socios das mesmas designasen.

 

  O SISTEMA MONETARIO ESPAÑOL NO SÉCULO XIX

  En España, no século XIX permitiuse a utilización de varias moedas de diferentes países circulando conxuntamente dentro do territorio nacional: a moeda francesa utilizábase correntemente en España na época da Guerra da Independencia. Pola Real Orde de 15 de xuño de 1808, fixáronse as equivalencias entre as dúas moedas, segundo o cambio de 5 francos e 33 céntimos polo peso forte de prata de 20 reais de vellón, e de 18 reais e 25 marabedís pola moeda de prata de 5 francos.; segundo esta relación, o napoleón de ouro de 20 francos equivalía a 75 reais e un marabedís. Posteriormente, Xosé Bonaparte promulgou un decreto o 5 de setembro de 1808, polo que se modificaban as tarifas existentes de equivalencias; o napoleón de ouro de 20 francos pasaba a equivaler a 75 reais de vellón; o luís de 24 libras torneas equivalía a 88 reais de vellón e 14 oitavos, e o franco equivalía a tres reais de vellón e 12 oitavos. Aquí cometíase un grave erro ao querer fixar o goberno o tipo de cambio entre as dúas moedas, sen ter en conta o seu contido metálico; por este motivo produciuse a expulsión masiva da “mellor moeda” pola “peor”, manifestándose a chamada Lei de Gresham – a cal só se cumpre cando os tipos de cambio entre dúas moedas foron fixados arbitrariamente polo goberno, sen ter en conta o seu valor intrínseco. Ademais, a mediados do século XIX a relación ouro-prata cambiou (en España a relación legal era 1:16, mentres que en Francia era de 1:15,5 e en Inglaterra era 1:15,2), co que os posuidores de moeda española tiñan poderosas razóns para atesourala e exportala, xa que ao cambiala por ouro no estranxeiro, obtiñan unha cantidade maior de devandito metal que o que obtiñan en España, dada a relación ouro-prata.

  En 1813, trala paz, as Cortes de Cádiz, ante a imposibilidade de retirar da circulación a moeda francesa, autorizaron a súa circulación mediante o Real Decreto de 3 de setembro, segundo as seguintes equivalencias -máis favorables que as de 1808-: o napoleón de ouro de 20 francos equivalería a 75 reais de vellón e o luís de 25 libras tornesas equivalería a 88 reais e 15 oitavos, o napoleón de prata de 5 francos equivalería a 18 reais e 12 oitavos (24 marabedís), e o escudo de 6 libras tornesas equivalería a 22 reais e 3 oitavos. Durante o reinado de Fernando VII, autorizouse a circulación de moeda francesa por Real Cédula de 30 de setembro de 1818, segundo as tarifas de 1813 sempre que “apareza a efixie Real ou o escudo do seu reverso”, noutro caso, debíase admitir só como pasta nas casas da moeda para refundila ao prezo de 20 reais por onza. En 1823, co Decreto da Xunta Provisional de España, dado en Tolosa o 13 de abril, autorizouse de novo o curso da moeda francesa; fixouse o tipo de cambio entre o escudo de 5 francos e o real en 19 reais e 24 marabedís. Este tipo de cambio non tivo en conta o valor intrínseco da moeda, segundo o cal debería ser -como máximo- de 17 reais e 24 marabedís, co cal atesourábase a española e circulaba a francesa.

  A moeda portuguesa foi autorizada a circular polo noso país a partir do Decreto de 15 de agosto de 1801, fixándose unha equivalencia de 1 real igual a 40 reis. Posteriormente, cos Decretos de 14 de agosto de 1818, de 3 de maio de 1825 e 21 de novembro de 1826, só se permitiu o cambio de moeda portuguesa polo seu valor intrínseco. Máis adiante, con motivo das guerras carlistas volveuse admitir a circulación da moeda portuguesa por medio do Real Decreto de 19 de novembro de 1835, cunhas novas equivalencias legais, a saber: un cruzado equivalía a 11 reais e 4 marabedís, unha coroa a 9 reais e 22 marabedís, un tostón de 100 rides a 2 reais e 4 marabedís e 50 rides a un real e 2 marabedís. En vista de que se estaba exportando a moeda nacional -polo seu maior valor intrínseco- e circulaba a moeda portuguesa, decidiuse eliminar as anteriores equivalencias mediante o Real Decreto de 13 de febreiro de 1836, autorizándose a circular ás moedas portuguesas de ouro e prata, pero soamente polo seu valor intrínseco, e procedeuse a retirar as de cobre. Posteriormente volveuse a autorizar a circulación da moeda portuguesa polo Real Decreto de 13 de maio de 1836, a cal durou ata o ano 1855.

  A moeda inglesa foi autorizada a circular por España con motivo das guerras napoleónicas de 1813, provisionalmente durante un ano mediante o Decreto de 13 de xuño de 1813. A equivalencia establecida coa moeda española foi de 1 soberano de ouro igual a 93 reais e 12 marabedís. Posteriormente, o Decreto de 25 de outubro de 1835 estableceu as seguintes equivalencias: 1 soberano de ouro era igual a 92 reais e 12 marabedís, unha coroa de prata era igual a 22 reais e 1 shilling a 4 reais e 14 marabedís. Estas equivalencias estaban bastante axustadas ao valor intrínseco de ambas moedas, co cal, a moeda española non desaparecía da circulación. A moeda inglesa estivo circulando por España con estas equivalencias ata o ano 1852.

  Os pesos mexicanos foron autorizados a circular por España a partir do Decreto de 11 de outubro de 1837, sendo valorados polo seu contido metálico e sen permitírselles a admisión nas caixas públicas.

  Polo xeral, ás moedas estranxeiras dábaselles un valor superior ao intrínseco, co que estas desprazaban da circulación á moeda nacional -de maior valor intrínseco-, poñéndose de manifesto a chamada Lei de Gresham. Así mesmo, o goberno español pagaba menos polo metal en pasta que polo metal acuñado, co cal atraíase a moeda estranxeira.

  En España, con motivo das diferentes guerras -Independencia, Carlista e Cantonal- emitíronse moedas á marxe do goberno central. En Girona e Barcelona acuñáronse moedas en 1808 -recollendo todo o ouro e a prata de igrexas e particulares-, cando, ante o sitio das cidades por parte do exército napoleónico había gran escaseza de numerario para levar a cabo a actividade comercial. En Cartaxena, en 1873, con motivo da declaración de Cantón independente, a cidade emitiu moeda de prata de cinco pesetas e de dez reais coa inscrición: “CARTAGENA SITIADA POR LOS CENTRALISTAS, SEPTIEMBRE DE 1873”, e no reverso: “REVOLUCIÓN CANTONAL” e o valor “CINCO PESETAS” ou “DIEZ REALES”. En Oñate (Guipúzcoa), en 1874 e 1875, con motivo da Guerra Carlista, o Rei Carlos VII acuñou moedas de prata de cinco pesetas e de cobre de 10 e 5 céntimos coas lendas: “DIOS, PATRIA Y REY” ou “REX HISPANIARUM” nas de prata, e “POR LA GRACIA DE DIOS REY DE LAS ESPAÑAS” nas de cobre, as cales circularon por todo o País Vasco e Navarra.

  Coa reordenación do sistema monetario iniciada en 1848 xurdiu un problema relacionado coa calderilla (moeda de cobre) que circulaba en Cataluña e cuxo valor intrínseco non coincidía coa castelá (a catalá tiña un valor nominal superior ao valor intrínseco). O 13 de marzo de 1850 ordenouse que a moeda de cobre catalá deixase de circular polas provincias valencianas e só se autorizaba a facelo polas provincias do Principado. O 5 de agosto de 1852, mediante Real Decreto obrígase a recoller todo a calderilla catalana. A Xunta de Moeda fixou un prazo para que os cabezas de familia, que posuísen ata 80 reais en calderilla catalana acudisen a cambialos pola castelá. Posteriormente, fixaríase un prazo -non superior a 10 días- para que aqueles que tivesen máis de 80 reais cambiaran o seu cobre por abonarés, cun importe igual ao nominal que entregasen. Transcorrido este prazo, a calderilla catalana tería unha equivalencia de 8 marabedís as seisenas e 4 marabedís as tresenas e as moedas de catro cuartos. Os abonarés recibidos terían curso legal en Cataluña, do mesmo xeito que o era a calderilla. O goberno, mediante a Real orde de 6 de decembro de 1852, decidiu poñer de novo en circulación a moeda de cobre catalá segundo as equivalencias decretadas en agosto.

  En canto ao papel moeda, a competencia produciuse unicamente nas cidades de Madrid e Cádiz, entre os bancos de Isabel II e o Español de San Fernando e entre o primitivo Banco de Cádiz, o novo Banco de Cádiz e o Banco Español de Cádiz, Sucursal do de Isabel II, respectivamente.[i] (O Banco de Isabel II -por medio do seu maior accionista, D. José Salamanca, intentou en varias ocasións provocar a creba do Banco Español de San Fernando presentando ao cobro 20 millóns de reais dunha soa vez).[ii] No resto das cidades españolas onde houbo bancos de emisión, a competencia produciuse entre estes e as sociedades de crédito, xa que estas emitían obrigacións ao portador que circulaban como diñeiro.

  En 1851, pola Real Orde de 7 de xaneiro, prohibiuse a circulación por España da moeda de ouro francesa, aducindo motivos de “mingua da nosa soberanía”[iii] e de atentar contra o artigo 45 da Constitución (nese momento circulaba máis moeda francesa no noso país que moeda nacional). Polas mesmas razóns anteriormente citadas, prohibiuse en 1852 -Real Decreto de 17 de xuño- a circulación de ouro británico amoedado, así como das onzas de ouro acuñadas nas repúblicas americanas -Real Orde de 20 de febreiro de 1851-.

 

  CONCLUSIÓNS

  Tralo exposto anteriormente, podemos concluír que debemos perseguir a consecución dun sistema monetario libre si queremos ter un diñeiro con valor estable e que non perturbe o funcionamento da economía de mercado. Para isto debemos arrebatar ao estado o monopolio da emisión de diñeiro. Os pasos necesarios para lograr este obxectivo non son utópicos, nin difíciles de levar á práctica e quedou posto de manifesto como os españois gozaban no século XIX, dun sistema monetario moitísimo mais libre que o que temos nós hoxe en día.

  Desexaría finalizar o meu ensaio cunha frase de Friedrich A. Hayek, na que nos indica cal debería ser a dirección a seguir si queremos vivir nun mundo cada día máis libre: “Espero que non pase moito tempo antes de que a completa liberdade para tratar con calquera tipo de diñeiro que un queira será considerado como o signo esencial dun país libre”.[iv]

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

 

————(1862) “Breve Reseña Histórico Crítica de la Moneda Española”, Imprenta Nacional, Madrid.

Fernández Pulgar, Carlos y Anes Álvarez, Rafael, (1970) Ensayos sobre la Economía Española a Mediados del Siglo XIX, Servicio de Estudios del Banco de España, Ariel, Madrid.

Hayek, Friedrich, (1976) “Choice in Currency”, Institute of Economic Affairs, London.

————(1976) Denationalitation of Money, Institute of Economic Affairs, London.

————(1977) “Toward a Free Market Monetary System”, Journal of Libertarian Studies.

Mateu y Llopis, Felipe, (1946) La Moneda Española, Alberto Martín, Barcelona.

Medioni, María-Alice, (1979) El Cantón de Cartagena, Siglo veintiuno de España Editores, S.A., Madrid.

Paradaltas y Pintó, Francisco, (1847) Tratado de Monedas, Imprenta de Tomás Gaspar, Barcelona

Ruíz Vélez-Frías, Florián, (1977) Los Bancos de Emisión de Cádiz en el Siglo XIX, Universidad de Córdoba, Córdoba.

Sardá, Joan, (1948) La Política Monetaria y las Fluctuaciones de la Economía Española, Altafulla, Barcelona, 1998.

Zumalacárregui, Leopoldo, (1952) El Banco de Isabel II y la Crisis de la Banca de Emisión Española de 1847, Madrid.

[i] Ver Ruíz Vélez-Frías, Los Bancos de Emisión de Cádiz, pp.10-11.

[ii] Ver Zumalacárregui, El Banco de Isabel II y la crisis de la Banca de Emisión Española de 1847, p. 205.

[iii] Breve reseña histórico-crítica de la moneda española, p. 80.

[iv] Hayek, “Choice in Currency”, p. 22 (la traducción es mía).