A VIOLENCIA ASOCIAL E A TEORÍA DE CLASES LIBERTARIA

 

– Daniel Rodríguez Carreiro –   

  Rory Miller é un experto en seguridade e en defensa persoal que escribiu numerosos libros sobre a violencia. Ademais do estudo das técnicas concretas máis efectivas para defenderse dun asalto criminal, Miller realiza nalgún dos seus libros unha análise xeral sobre os distintos tipos de conflito que existen e as motivacións subxacentes a cada un deles.[i] Este é unha análise moi importante posto que a forma máis efectiva de minimizar o perigo varía segundo sexa o tipo de conflito ao que un se enfronte. Así, segundo Miller, os dous tipos principais de conflito que existen son o social e o asocial.

  O conflito social está relacionado coa pertenza a un determinado grupo e sucede no interior do mesmo (no pasado ese grupo constituíao unha tribo ou unha aldea, actualmente pode ser unha empresa, un club deportivo, unha familia, etc.) Neste tipo de situación os problemas que dan orixe ao conflito teñen que ver co status e a estima que un membro en particular ostenta no seo dun grupo. Miller alude á importancia evolutiva que ten para a supervivencia dun individuo a pertenza a un grupo e os mecanismos psicolóxicos inconscientes que promoven o desexo dos membros de evitar a súa expulsión do mesmo. Os principais problemas que poden xurdir están relacionados coa pertenza (quen está dentro do grupo e quen non), a aplicación das normas (como se fan as cousas nun grupo concreto) e a xerarquía (quen ten un maior status social) Para evitar tanto a violencia aberta como o incumprimento das normas que crean a identidade de grupo téndese a desenvolver mecanismos de sanción social que minimizan a violencia. O coñecemento das regras (formais e informais) e a socialización nas mesmas é fundamental para a continuidade da identidade de grupo.

  O conflito asocial é completamente diferente. É un conflito que unha das partes inicia, de xeito utilitario, coa mentalidade dun predador. Cando un cazador persegue a un animal pola súa carne intenta maximizar a súa eficiencia e matalo coa maior rapidez e seguridade posible. A súa intención é extraer recursos da súa presa. Iso é o que fai tamén o criminal asocial que busca conseguir algo da súa vítima. O predador non está condicionado por cuestións sentimentais relacionadas coa pertenza ou o status senón que opera de forma estritamente utilitaria e cerebral buscando a forma máis segura de someter á súa vítima.

  O conflito social, segundo Miller, raramente produce grave violencia. Con todo é o tipo de conflito ao que está afeita a maior parte da xente. Por iso cando alguén sofre un ataque de tipo asocial existe a tendencia a que reaccione empregando as habilidades sociais e os mecanismos de pacificación característicos dun conflito de tipo social. Pero estas habilidades son inapropiadas e contraproducentes neste caso. De feito, o coñecemento das normas sociais será utilizado polo agresor ao seu favor. O predador busca unha vítima pasiva que non se resista, que non pelexe, que sexa predecible. Utilizará todos os recursos á súa disposición (como a intimidación ou a esperanza) para que a vítima manteña a súa mentalidade social e apracible durante o maior lapso de tempo co obxectivo de evitar que se defenda.

  Esta discusión sobre os distintos tipos de conflito e violencia é reseñable para aqueles que están interesados na teoría política libertaria porque ten relación cun aspecto desta tradición de pensamento ao que, ás veces, non se presta suficiente atención: a análise austro-libertaria das clases.

  Moitos autores desta tradición de pensamento destacaron que a posesión e utilización do poder político crea dúas clases diferenciadas con intereses contrapuestos.[ii] Sheldon Richman resume esta idea da seguinte forma:

O poder coercitivo fiscal do goberno crea necesariamente dúas clases: os que crean e os que consumen a riqueza expropiada e transferida por ese poder. Aqueles que crean a riqueza naturalmente queren mantela e dedicala aos seus propios propósitos. Aqueles que desexan expropiala buscan xeitos cada vez máis intelixentes de adquirila sen incitar resistencia. Unha deses xeitos é a difusión dunha elaborada ideoloxía do estatismo, que ensina que o pobo é o Estado e que, polo tanto, a xente págase a si mesma cando paga impostos.[iii]

  Un depredador crea vítimas e estas son inimigos potenciais. O mellor xeito para evitar a resistencia é conseguir a aceptación desa depredación como algo lexítimo, unha aceptación que pode variar desde un apoio entusiasta ata unha resignación pasiva. A maioría da xente debe renunciar á resistencia contra a expropiación para asegurar a tranquilidade dos expropiadores, e unha das mellores formas para conseguir isto é mediante unha elaboración ideolóxica que oculte a existencia de clases con intereses contrapostos.[iv]

  Podemos dicir que, para a teoría de clases libertaria, a ideoloxía estatista busca promover a pasividade, previsibilidade e non resistencia da xente co obxectivo de facilitar a extracción dos seus recursos empregando mecanismos similares aos que Rory Miller concibe como propios da violencia asocial. Para conseguir unha vítima pasiva que non se resista, que non pelexe e que sexa previsible intenta que a vítima da depredación manteña a súa mentalidade social e apracible durante o maior lapso de tempo co obxectivo de evitar que se defenda. E, para iso, o máis útil é propagar a idea de que a súa acción non representa en realidade un exemplo de violencia predadora senón un proceso social onde é a propia xente a que decide voluntariamente que vai facer cos seus recursos.

[i] Rory Miller (2014), ConCom: Conflict Communication. A New Paradigm in Conscious Communication.

[ii] Ver Ralph Raico, “Classical Liberal exploitation theory: a comment on Professor Liggio’s paper”, The Journal of Libertarian Studies, vol. 1, no. 3 (1977) pp.179-183. Como explica Raico, pensadores liberais como Dunoyer ou Richard Cobden desenvolveron, antes que Marx, unha teoría de clases libre dos erros que se derivan da teoría económica marxista.

[iii] Sheldon Richman, Libertarian Class Analysis, https://www.fff.org/explore-freedom/article/libertarian-class-analysis/

[iv] Hans- Hermann Hoppe, “Marxist and Austrian Class Analysis”, The Journal of Libertarian Studies, vol. IX, no. 2 (1990), pp. 79-93.