//A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL E A TEORÍA AUSTRÍACA DA ESTRUTURA DE CAPITAL. PRIMEIRA PARTE – Óscar Rodríguez Carreiro

A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL E A TEORÍA AUSTRIACA DA ESTRUCTURA DE CAPITAL. PRIMEIRA PARTE.

 

– Oscar Rodríguez Carreiro –   

  A teoría austríaca da estrutura de capital foi desenvolvida por autores como Carl Menger en Principios de Economía Política, Böhm-Bawerk en A teoría positiva do capital, Mises en A acción humana, Hayek en Prezos e produción ou Rothbard en O home, a economía e o Estado. Segundo esta teoría, o proceso que dá lugar á creación e acrecentamento da riqueza maniféstase na decisión dos individuos de consumir menos no presente co obxectivo de consumir máis no futuro, é dicir na baixada da preferencia temporal, cuxo corolario é a baixada dos tipos de interese e o aumento do aforro, o que produce a acumulación de capital e acaba levando ao alargamento da estrutura de produción (que consiste na creación e uso de novos bens de capital en novas etapas de produción en procesos que supoñen máis tempo pero que teñen unha produtividade maior). Un papel decisivo está reservado aos empresarios, que son os que organizan a produción seguindo as directrices dos consumidores. A intervención estatal só presenta trabas e impedimentos a este proceso.

  A teoría austríaca da estrutura de capital permítenos entender o proceso de industrialización, que non consiste senón nun caso específico de alargamento da estrutura de produción, e dótanos coa capacidade de explicar satisfactoriamente o fenómeno histórico da Revolución Industrial.

 

  1. A Revolución Industrial.

  A Revolución Industrial supuxo a transición a novos procesos de manufactura no período comprendido entre a segunda metade do século XVIII e o inicio do século XIX.[i] Aínda que as datas concretas son asunto de disputa, e, en definitiva, convencionais, adóitase falar de 1760 como o ano de inicio e dos anos 1820 ou 1840 como as datas de finalización. Entre os cambios sucedidos durante a Revolución Industrial cóntanse a xeneralización do uso de máquinas nos procesos de produción, o emprego de novos métodos químicos de manufactura, o desenvolvemento de novos métodos de produción de ferro, a mellora da eficacia no uso da enerxía hidráulica, o uso do vapor como fonte de enerxía, o desenvolvemento de máquinas-ferramenta e a substitución da madeira e outros biocombustibles polo carbón.

  Fálase, tamén, dunha segunda Revolución Industrial comprendida entre os anos 1840-1870 cuxas principais características consistirían no aumento do uso do vapor como fonte de enerxía para medios de transporte (locomotoras e barcos), a manufactura a gran escala de máquinas-ferramenta e a maior escala da utilización da maquinaria.

  Dentro dos cambios que tiveron lugar na esfera económica hai que mencionar tamén dous procesos relacionados coa Revolución Industrial pero que non estaban directamente ligados á industria e que se adoitan denominar a Revolución Agrícola e a Revolución dos Transportes. En canto á Revolución Agrícola, cara a 1750 déronse cambios que estimularon a produción agrícola e permitiron un aumento significativo do output. Os cambios máis importantes foron o auxe do cerramento de terras, o aumento da superficie cultivable por medio do drenaxe de zonas pantanosas, a deforestación e o acondicionamento de páramos, e a introdución de novas técnicas agrícolas, como o novo sistema de rotación de cultivos Norfolk, a aplicación mellorada e máis extensiva de esterco como fertilizante e o uso de maquinaria como a sembradora de Jethro Tull.

  A Revolución dos Transportes supuxo a mellora da infraestrutura de transporte en Gran Bretaña, o que inclúe a creación dunha rede de estradas de peaxe, unha rede de canles navegables e unha rede ferroviaria. A mellora desta infraestrutura permitiu o transporte máis rápido e barato de materias primas e produtos finais.

  Todos os cambios rexistrados durante a Revolución Industrial, incluídos a mellora da agricultura e dos transportes, foron posibles grazas ao proceso de acumulación de capital que permitiu alargar a estrutura de produción. Nesta serie de artigos veremos como se verificou historicamente o proceso de creación de riqueza. Deste xeito, veremos como baixaron os tipos de interese, o que é corolario da baixada da preferencia temporal e do aumento do aforro. Este aumento do aforro foi o que permitiu, a través do investimento, alargar a estrutura de produción. Neste proceso, os empresarios xogaron un papel fundamental ao organizar a produción buscando a satisfacción das necesidades dos consumidores, o que, en numerosas ocasións, incluíu o desenvolvemento ou a aplicación comercial de nova tecnoloxía.

  Nesta primeira parte centrarémonos na baixada dos tipos de interese.

 

  1. A baixada dos tipos de interese.

  En relación aos tipos de interese, resulta reveladora unha afirmación do historiador económico Gregory Clark.

 Un cambio sorprendente no sistema económico nos séculos que precederon á Revolución Industrial foi unha baixada moi substancial nos tipos de interese.[ii]

  A sorpresa de Clark ofrece un bo exemplo da necesidade de dispoñer dunha teoría económica previa para poder interpretar os feitos históricos e a esterilidade do enfoque oposto, o de esperar chegar ao descubrimento dalgún tipo de lei por medio da indución a partir dos datos empíricos. Dispoñendo da teoría austríaca da estrutura de produción, o fenómeno da baixada dos tipos de interese non resulta sorprendente. Como vimos, dita baixada é o corolario da baixada da preferencia temporal, o que leva á acumulación de capital e ao alargamento da estrutura de produción.

  A baixada dos tipos de interese, tal e como afirma Hans-Hermann Hoppe, reflicte o progreso xeral da humanidade.

Especificamente, a tendencia cara a tipos de interese máis baixos reflicte o ascenso do mundo occidental […] e a altura sen paralelo da civilización europea do século XIX.[iii]

  O desenvolvemento secular da humanidade está caracterizado por decrecentes tipos de interese. Esta tendencia non foi continua e regular, estivo interrompida frecuentemente por períodos de tipos de interese en aumento, ás veces de séculos de duración. Con todo, tales períodos estaban asociados con grandes guerras ou revolucións, como a Guerra dos Cen Anos durante o século XIV, as Guerras de Relixión desde finais do XVI ata principios do XVII, as Revolucións Francesa e Americana e as Guerras Napoleónicas, a finais do XVIII e principios do XIX.

  En xeral, a longo prazo obsérvase unha baixada gradual nos tipos de interese de préstamos comerciais ao longo dos séculos XIII e XIV, unha época de estabilidade no século XV seguida por unha acentuada subida a finais do XVI, o período de bancarrota das coroas española e francesa. O descenso recuperouse no século XVII, pero agora os tipos de interese máis baixos atópanse en Inglaterra e Holanda, mentres que outrora atopábanse nos Países Baixos españois e en Italia. Os tipos de interese comerciais máis baixos a finais do século XVII son do 2%.[iv]

  En Inglaterra e Holanda, segundo Sydney Homer e Richard Sylla

Hai boas evidencias […] de que os excedentes para o investimento estábanse acumulando rapidamente nos séculos XVI e XVII.[v]

  Debido a iso

No século XVII, desenvolvéronse tipos de interese baixos en Inglaterra e Holanda, mentres os mercados anteriormente dominados polos italianos, incluíndo o de Antwerp, se desorganizaban seguindo os desastres do seu principal debedor, a Coroa española.[vi]

  En Inglaterra, o tipo legal de interese baixou durante o século XVII. Entre 1571-1624 era do 10%, entre 1624-1651 era do 8%, entre 1651-1714, do 6%. Estes tipos non se aplicaban aos préstamos da Coroa.[vii] Non hai moitos datos para esta época para os créditos comerciais a curto prazo. Os ourives pagaban tipos do 4-6% polos depósitos, polo que se pode supoñer que os créditos comerciais a principios de século estarían en torno ao 6%.

  En 1630, a Cámara de Londres prestaba a mercadores ao 7% e á Compañía das Indias Orientais ao 6%. En 1640 o tipo de mercado para bos préstamos en Londres era do 8%, o límite legal. En 1688 era do 4-6%, por baixo do límite. Logo das innovacións financeiras de Guillermo III, o Banco de Inglaterra, fundado en 1694, descontaba as facturas de comercio (trade bills) aos seguintes tipos: 1694: 4,5-6%; 1695: 3-6%; 1698: 4,5%; 1699: 4,5%.

  Para os tipos nos depósitos a curto prazo: os ourives pagaban un 6% en 1660; En 1665 pagaban por diñeiro para prestar a Carlos II un 4-6%; En 1690 pagaban por diñeiro para prestar a Guillermo III un 6%.

  En canto ás hipotecas, anualidades e outros préstamos a longo prazo, dise que o máximo legal do 10% representaba o tipo completo de mercado para préstamos cunha seguridade normal. Cara a 1675-1700 parece que o tipo efectivo de mercado estaba por baixo do máximo legal, entón o 6%. En 1666 había máis diñeiro prestado ao 4-4,5% que ao 5% ou o 6%. Nunha demanda xudicial dicíase que en 1687 o 5% era o tipo máis alto pago nas hipotecas. Macaulay, con todo, di que en 1696 o tipo de interese de mercado das mellores hipotecas era do 6%.[viii]

  Durante o século XVIII, continuou o proceso de baixada. Segundo Christophe Chamley, no período de paz que seguiu ás guerras con Luís XIV, o tipo de interese a longo prazo baixou gradualmente dun 8% en 1710 a un 3% a mediados da década de 1730.[ix] Segundo Homer e Sylla, desde 1700 ata metade de século, os tipos baixaron durante a maior parte do tempo, desde un 6-8% a principios de século ata chegar a baixar do 3%. Esta tendencia á baixa rompeuse nos períodos de guerra, especialmente na segunda metade de século, sobre todo con ocasión da Guerra de Independencia americana entre 1775 e 1783 e co inicio das guerras con Francia en 1793.

O século XVIII terminou como empezara, nun período de guerra e de altos tipos de interese. Non sería ata despois do final das Guerras Napoleónicas que Inglaterra experimentaría outra vez un período sostido de tipos de interese baixos.[x]

  Desde 1815, en Inglaterra, e tamén ao longo de Europa e de Occidente, os tipos de interese mínimos baixaron continuamente ata un nivel histórico do 3% de media cara ao cambio de século. A partir de entón volven subir. Os tipos do século XX son universal e significativamente máis altos que os tipos do século XIX, reflectindo o fenómeno da crecente preferencia temporal social.[xi]

  O proceso de baixada dos tipos de interese foi sinalado por T. S. Ashton como o resultado do aumento do aforro que configurou a base que permitiría a Revolución Industrial. 

Sen os novos recursos dificilmente poderíanse realizar as novas invencións e nunca poderían ser aplicadas senón nunha escala limitada. Foi o crecemento dos aforros, e a vontade de poñelos a disposición da industria, o que fixo posible que Gran Bretaña recollese os froitos do seu enxeño.[xii]

  Cara a 1830, “o volume de fondos de inversión crecera sen medida”.[xiii] Este aumento dos aforros non beneficiou unicamente a Inglaterra.

Durante o período 1816-1825 […] Gran Bretaña prestou ao redor de 93 millóns de libras a nacións estranxeiras.[xiv]

  Un elemento que axudou no proceso de baixada dos tipos de interese, ou máis ben que non o prexudicou tanto como podería telo feito, foi que a débeda inglesa non se disparou en exceso. Ao longo da época monárquica a débeda era esencialmente débeda de guerra. Mentres a débeda total tendía a incrementarse, polo menos en tempo de paz os monarcas reducían as súas débedas. No caso inglés, a débeda gobernamental aumentou durante os séculos XVIII e XIX. Era de 76 millóns de libras logo da Guerra de Sucesión española en 1748; de 127 millóns logo da Guerra dos Sete Anos en 1763; de 232 millóns logo da Guerra de Independencia Americana en 1783 e de 900 millóns de libras logo das Guerras Napoleónicas en 1815. Pero polo menos, nos períodos de paz, de 1727 a 1739, de 1748 a 1756 e de 1762 a 1775, a débeda total descendeu. Entre 1815 e 1914 a débeda nacional británica caeu de 900 a menos de 700 millóns de libras.[xv]

[i] Para a Revolución Industrial ver Deane, The First Industrial Revolution. More, Understanding the Industrial Revolution. Lee T. Wyatt III, The Industrial Revolution (Westport y Londres: Greenwood Press, 2009). David S. Landes, The Wealth and Poverty of Nations. Why Some are so Rich and Some so Poor (Nueva York y Londres: W. W. Norton & Co., 1998). Richard Brown, Society and Economy in Modern Britain 1700-1850 (Londres y Nueva York: Routledge, 1991).

[ii] Gregory Clark, “The Interest Rate in the Very long Run: Institutions, Preferences and Modern Growth”, Working Paper, University of California-Davis (abril, 2005): 1.

[iii] “Specifically, the trend toward lower interest rates reflects the rise of the Western World […] and the unparalleled height of nineteenth-century European civilization”. Hans-Hermann Hoppe, Democracy the God that Failed. The Economics and Politics of Monarchy, Democracy, and Natural Order (New Brunswick: Transaction Publishers, 2007), p. 64.

[iv] Sidney Homer y Richard Sylla, A History of Interest Rates (Hoboken: John Wiley & Sons Inc., 2005), p. 140.

[v] “There is good evidence […] that investable surpluses were accumulating rapidly in the sixteenth and seventeenth centurias”. Homer y Sylla, A History of Interest Rates, p. 135.

[vi] “In the seventeenth century, low rates developed in England and Holland, while the markets formerly dominated by Italians, including that of Antwerp, were disorganized following the disasters to their chief debtor, the Spanish Crown”. Homer y Sylla, A History of Interest Rates, p. 137.

[vii] Homer y Sylla, A History of Interest Rates, p. 124.

[viii] Homer y Sylla, A History of Interest Rates, pp. 124-126.

[ix] Christophe Chamley, “Interest Reductions in the Politico-Financial Nexus of Eighteenth Century England”, The Journal of Economic History, 71, 3 (septiembre 2011): 556.

[x] “The eighteenth century ended as it has begun, in a period of war and of high interest rates. It was not until well after the end of the Napoleonic Wars that England again experienced a period of sustained low interest rates”, Homer y Sylla, A History of Interest Rates, pp. 159-160.

[xi] Hoppe, Democracy the God that Failed, p. 65. Robert F Mulligan, “Property Rights and Time”, The Quarterly Journal of Austrian Economics, 10, 1 (Primavera 2007): 36.

[xii] “Without the new resources the inventions could hardly have been made, and could never have been applied on any but a limited scale. It was the growth of savings, and of a readiness to put these at the disposal of industry, that made it possible for Britain to reap the harvest of her ingenuity”. T. S. Ashton, The Industrial Revolution, 1760-1830 (Londres: Oxford University Press, 1948), p. 94.

[xiii] “[…] the volume of investable funds had grown beyond measure”. Ashton, The Industrial Revolution, p. 108.

[xiv] “Over the period 1816-25 […] Britain lent some 93 million pounds to foreign nations”, Ashton, The Industrial Revolution, p. 108.

[xv] Hoppe, Democracy the God that Failed, p. 59.

2017-06-19T22:00:17+02:00

Leave A Comment