//A TRADICIÓN LIBRECAMBISTA EN GALICIA A TRAVÉS DA PRENSA AGRARIA – Miriam González Francisco

A TRADICIÓN LIBRECAMBISTA EN GALICIA A TRAVÉS DA PRENSA AGRARIA

– Miriam González Francisco –   

  Eran tempos estraños, tempos de decadencia e cansazo, e tamén de “Desastres”, cando o século XX chegou ao noroeste da Península Ibérica. Galicia resentiuse coa crise agraria finisecular e un espírito de renovación e cambio fraguouse a través da publicación de polémicos artigos xornalísticos nas revistas agrarias “La Crónica del Trabajo” (1901) e a que podería considerarse as súa sucesora “Prácticas Modernas” (1903). Os cambios que chegaron co novo século irían acompañados dun movemento intelectual que se podería definir como a variante galega da corrente Regeneracionista.

  A importancia do discurso económico que ambas as publicacións irán configurando terá a súa resonancia na articulación da teoría do nacionalismo galego; os nacionalistas, desde Peña Novo a Risco, asumirán que o librecambismo é “xa non só unha medida necesaria para Galicia, senón, indo máis lonxe, como unha proba da superioridade da agricultura galega sobre o resto do Estado”.[i]

  Dúas ávidas plumas serán o azoute da Restauración e do proteccionismo: Valeriano Villanueva e Bartolomé Calderón, foron as figuras principais de senllas revistas e á beira de José Darío Fernández Crespo, entre outros, formarán a denominada xeración “entre dous séculos”.[ii]

  Este variado grupo de autores, aínda carecendo dunha formación económica en termos académicos, comezará a elaborar unha serie de receitas para superar o “vergoñoso atraso” de Galicia.

  A loita contra o proteccionismo, o centralismo, o caciquismo, e a aposta polo librecambismo serán o estandarte de toda a súa prosa. Cun estilo directo e sen grandes artificios tratarán de chegar ao maior número de lectores posible, pois eles pretendían que a súa revista “resulte boa, práctica e económica a fin de poñela ao alcance de todas as intelixencias e de todas as fortunas”.[iii]

  A principal preocupación destes intelectuais foi a agricultura e a gandería por consideralas a base de toda a vida económica; a súa relación co campo débese á súa posición de propietarios medios e entenden que “en España é a pequena propiedade rural a que traballa, progresa e soporta case a totalidade das cargas do Estado; pola contra é a grande propiedade a que se atopa á altura da explotación agrícola de Marrocos e á cal se sacrifican os intereses económicos da nación”.[iv] Na súa análise sinalan a dicotomía entre as rexións do centro e sur do Estado español e as rexións do terzo norte peninsular: os latifundios, para eles totalmente improductivos, contra os pequenos propietarios, dos cales foron férreos defensores. Aconsellaban liberar á pequena explotación familiar das extraccións coactivas de renda para aumentar o seu propio potencial:

 (…) non pensemos en cambiar a economía rural, deixémola como está e axudemos ao excelente aldeán a sacar da terra un rendemento maior, instruíndoo practicamente nos adiantos agrícolas que son máis facilmente aplicables a este país.[v]

  A súa visión podería compararse á liña seguida por James Scott no seu Eloxio do Anarquismo cando aseguraba que “unha sociedade na que predominen os pequenos propietarios e os pequenos comerciantes achégase máis á igualdade e á propiedade popular dos medios de produción que calquera outro sistema económico concibido ou por concibir”.[vi]

  A súa crítica máis feroz irá dirixida contra o centralismo estatal. Bartolomeu Calderón chega ao rexionalismo a través da crítica do arancel e manterá sempre unha actitude recelosa ante o Estado[vii]:

 Todo o que en España existe de bo é a obra particular do cidadán; pola contra, todo o que depende máis ou menos directamente do Estado, como a Instrución pública en todas as súas formas, o Exército, a Mariña e os arsenais, a recadación de impostos e a administración de xustiza, etc., presentan a mais detestable organización e son o foco dos maiores abusos. O goberno non fixo, non fai, nin fará nunca nada en proveito da nosa desdichada gandería; se desgraciadamente interviñese sería para introducir algún novo erro, crear algún novo vicio e empeoralos si é que eso é posible.[viii]

   A lóxica contra o centralismo estatal fundamentábase en que o control político do Estado se atopába en mans dunha oligarquía que se beneficiaba dos prezos artificiais dos cereais e un sistema fiscal totalmente inxusto que constituía un gran lastre para a economía galega.

  A gran aposta económica deste movemento serán o liberalismo e o librecambismo. Afirmaban que era precisa unha especialización dos diversos territorios do Estado e a supresión dos aranceis. No caso de Galicia poderíase abandonar o cultivo do cereal, que era un cultivo obrigado xa que o custo do mesmo no mercado interior era moi alto debido ao arancel que protexía aos produtores de trigo casteláns (os prezos no mercado internacional da época era asombrosamente baixos), para especializarse na gandería; esa lóxica leváballes a entender que era preciso especializarse nos produtos nos que se fose máis competitivo e así só sobrevivirían as explotacións que estivesen máis capacitadas:

 A competencia comercial, a loita pola vida, daran á agricultura de cada rexión o carácter especial que lle convén segundo a súa natureza e relacións: nós transformaremos a nosa economía rural no sentido da produción animal da cal cambiaremos unha parte contra cereais, viños, etc. Nos mercados de Castela, no mercado inglés e outros (…) Obteremos a nosa prosperidade cando dispoñamos dun réxime político análogo ao dos pobos do Norte (Dinamarca, Inglaterra, Holanda, etcétera) que teñen unha construción análoga á nosa, ou non a obteremos nunca.[ix]

   A separación e limitación do Estado é unha constante nos seus escritos. Consideraban que o papel xogado pola organización estatal era ineficaz e preferían delegar as súas funcións na acción da sociedade civil.[x]

  A historia política de España dos últimos anos demostrou, sen excepción algunha, que a intervención directa do goberno foi sempre funesta a todas as industrias que tocou.[xi]

  A pesar da amplitude de visión demostrada e da súa influencia tanto no movemento agrario como no nacionalismo galego durante os anos trinta, na actual loita pola hexemonía do discurso, estas recomendacións parecen caer en desgraza e non teñen unha gran resonancia nin mediática nin política. Cando Vicente Risco afirmaba na súa Teoría do Nacionalismo Galego que “Galiza é librecambista” continuaba a senda marcada por “Prácticas Modernas”:

 O comercio libre de toda traba adecuada, é a única forma que se presta ao mellor aproveitamento das riquezas naturais de cada país, ao benestar humano e á desaparición das contendas internacionais. O libre cabio é a fórmula económica, internacional, indispensable ao progreso humanitario do mundo.[xii]

 

[i] FERNÁNDEZ PRIETO, Lourenzo; CABO VILLAVERDE, Miguel: “Agrarismo y regeneracionismo en la Galicia de comienzos del siglo XX. El discurso del regionalismo agrícola” en: Agricultura y Sociedad, nº86, Mayo-Agosto, 1998, p.155.

[ii] DURÁN, José A.: Agrarismo y movilización en el país gallego (1875-1912), Siglo XXI, Madrid, 1977, p.119.

[iii] CALDERÓN, B.: “Nuestro objeto”, P.M. nº1, enero de 1903, B. Calderón.

[iv] “La protección de la rutina”,P.M., nº63 B. Calderón.

[v] VILLANANUEVA, V.: “El cultivo del trigo en esta región” P.M. nº18.

[vi] SCOTT, James: Elogio del Anarquismo, Planeta, Barcelona, 2013, p. 139

[vii] CABO VILLAVERDE, Miguel: “Pensamento económico e agrarismo na primeira metade do século XX” en: Documentos de Traballo e Historia, nº3, 1997.

[viii] “La mejora de la ganadería y las corridas de toros” (sin firma, pero con toda seguridade autoría de B. Calderón) C.T. nº18.

[ix] CALDERÓN, B: “Nuestro progreso agrícola depende de nuestra independencia económica” P.M: nº116.

[x] FERNÁNDEZ PRIETO, Lourenzo; CABO VILLAVERDE, Miguel: op.cit. p. 147.

[xi] CALDERÓN, B: “La cuestión pecuaria en el Norte de España”, P.M. nº29.

[xii] CALDERÓN, B: “El arancel y el fomento agrícola” P.M. nº57

2017-04-30T11:53:30+02:00

Leave A Comment