SOBRE AS MIGRACIÓNS NA SOCIEDADE ANÁRQUICA

– Alejandro Hermida Artiaga –   

  Para estudalos procesos migratorios no marco dunha sociedade rexida pola orde espontánea, en primeiro termo teremos que asumir unha serie de presupostos de partida:

  • A inexistencia dun ente político, monopolizador da violencia e redistribuidor coactivo da riqueza. Isto é, o Estado.
  • A ausencia dun territorio, característica inherente ao propio Estado, e das fronteiras que o delimitan. Ademais, a carencia tanto de solos e de terreos, como de vías de comunicación e infraestruturas para o transporte de titularidade pública.
  • A prevalecía da propiedade privada, calquera que sexa as súa forma, como eixo fundamental da organización social.

  Fixados os anteriores presupostos de partida, pasaremos agora ao estudo dos fenómenos migratorios no seo dunha hipotética sociedade anárquica, establecendo para iso ademais unha comparativa con estes movementos na sociedade estatalizada.

  Coa desaparición do Estado, a máis da eliminación da propiedade pública e das fronteiras políticas xeográficas que delimitan os seus territorios, eliminaríase tamén o coñecido como Estado de Benestar. De seu, este feito provocaría a consecuente desaparición dalgúns poderosos incentivos aos movementos migratorios. Factores de expulsión dos lugares de orixe e factores de atracción nos destinos, relacionados co Estado, quedarían borrados en tanto que se suprimiría a oferta de subsidios, servizos e outros elementos propios do asistencialismo estatal. Como resultado, a conflitividade derivada da loita polos recursos públicos con orixe na redistribución coactiva da riqueza, tamén entre inmigrados e nacionais, con orixe no acceso a devandito asistencialismo e a contribución pecuniaria ao seu mantemento, desaparecería.

  Doutra banda, a idea de nacionalidade ou cidadanía, así como o principio de territorialidade carecerían de valor práctico nunha sociedade de orde espontánea. Conceptos enfrontados como nacionais e estranxeiros ou migración interior e exterior, non polarizarían xa a orientación dunhas políticas públicas que en todo caso, atoparíanse aquí totalmente ausentes. En substitución da territorialidade imporíase un novo criterio que viría rexer a mobilidade xeográfica: a propiedade. E polo tanto, a condición de propietario e de non propietario pasarían a ser os roles contrapostos nos desprazamentos xeográficos. Cabe entón exporse se os conceptos “migración”, “inmigrante” e “emigrante”, entre outros relacionados, responden realmente á natureza dos movementos producidos nunha sociedade anárquica. O feito de que tal terminoloxía vaia conceptualmente asociada a unha realidade protagonizada pola multitude de estados do mundo e que a migración implique traspasar límites fronteirizos entre os mesmos convida á dúbida en canto á súa validez nun escenario de anarquía. Porén, estariamos a entrar no terreo da linguaxe, susceptible doutro debate máis profundo e diferente ao aquí proposto.

  Os roles de propietario e non propietario marcarían a dirección das migracións nunha sociedade articulada ao redor da propiedade privada. Implicarían a liberdade do individuo para saír da súa propiedade, así como a liberdade de admisión e exclusión por parte do propietario ou novos propietarios do lugar de destino. Resulta interesante observar que o transporte en todo caso tería que transcorrer a través de vías de comunicación e infraestruturas de propiedade privada. A pesar da liberdade de partida, o emigrado necesariamente tería que viaxar por medio de diferentes terreos, construcións e outros bens inmobles de titularidade privada, baixo as premisas do respecto á propiedade allea e a aceptación voluntaria das regras que poderían rexelas. Unha das cales podería ser por exemplo, o pago polo tránsito sobre a súa superficie.

  Caben dous tipos de desprazamentos xeográficos con carácter permanente nunha sociedade anárquica. Por unha banda, o desprazamento dun individuo cara a unha propiedade allea, para o que se escenifican dous supostos: que un propietario ou propietarios emitisen unha invitación de entrada e acollida, ou que a persoa coa pretensión de entrar dirixise unha petición ao dono ou os donos da propiedade de destino. Mais os desprazamentos xeográficos tamén poderían producirse entre dúas propiedades dun mesmo individuo, polo que todo posible conflito reduciríase unicamente ao transporte por superficies e infraestruturas privadas na distancia que vai dunha á outra. Volvendo ao primeiro caso, a voluntariedade marcaría tanto os criterios de admisión fixados como requisito de entrada como a aceptación dos mesmos polo solicitante de ingreso, expresados ambos nun acordo contractual tácito ou expreso.

  A vontade de cada propietario para fixar os seus propios criterios abre un abanico de múltiples posibilidades de discriminación, entendida esta como filtro por razóns económicas, raciais, de sexo, culturais ou outras moitas outras. Por iso é que elixir supón tamén discriminar. Mais en todo caso, o fundamental é que o dereito de exclusión é consustancial ao dereito de propiedade. Se unha propiedade perténceme, entón posúoa, úsoa e gusto dela, podendo baixo a condición de propietario dispor cantas barreiras discriminatorias de entrada considere. Observamos entón unha dinámica moi distante á descrita nas actuais sociedades estatalizadas, onde o Estado, como terceiro axente entre dous partes, distorsiona e modifica as posibilidades de fixar e manter límites á propiedade.

  Debemos tamén entender que a propiedade podería expresarse de diferentes xeitos, por exemplo unha única leira rural ou un conxunto de propiedades organizadas como asentamento urbano de maior ou menor tamaño, isto é, unha comunidade ou condominio. Unha vez producida a entrada, o recén chegado, sometido voluntariamente a unha serie de regras, atoparía un forte incentivo á cooperación e integración, máis se cabe se o seu incumprimento supuxese a expulsión fóra dos límites dos devanditos dominios. Ao ser a integración de carácter voluntario e non forzoso tamén se eliminarían posibles friccións entre os anteriores poboadores e os novos, dado o previo e mutuo acordo de convivencia. Ademais, o feito de que os solicitantes de entrada deberían en moitos casos pasar por un filtro de acceso, seguramente propiciaría contornas habitadas por individuos que compartisen unha ou varias importantes características, valores ou preferencias, o que é previsible, actuaría como reforzo da interacción social.

  A persecución do beneficio propio a través da reciprocidade e a ganancia mutua das partes tamén fortalecería a cooperación entre propietarios e non propietarios vinculados de xeito contractual. Polo tanto, a eliminación da coacción estatal co obxectivo de alcanzar a integración forzosa levaría a desaparición dun dos principais, cando non o máis importante, foco de conflitos derivados da inmigración e inducidos polo Estado.

  Para finalizar esta breve análise sobre movementos migratorios, cabe sinalar que nunha sociedade rexida pola orde espontánea non desaparecerían as fronteiras. En troques, os límites entre territorios estatais pasarían a ser agora os límites entre propiedades privadas adxacentes. A consecuencia derivada é que o cruzamento sen autorización dun destes lindes suporía un atentado contra a propiedade privada doutro individuo, que podería exercer o lexítimo e natural dereito á defensa da súa propiedade. Noutra parte, o libre comercio non necesariamente implica a libre migración, posto que a cooperación mercantil entre individuos pode producirse máis alá de en termos de proximidade física. Así por exemplo, puidese darse o caso de que os propietarios dunha comunidade decidisen non aceptar a entrada de novos membros do exterior, pero ao tempo si aceptasen a interacción cos mesmos na distancia a través do comercio ou outros vínculos relacionais.

Bibliografía:

Hoppe, Hans-Hermann. Monarquía, democracia y orden natural. Capítulo 7: Inmigración libre e inmigración forzosa. Capítulo 8: Librecambio y restricciones a la migración.

Rothbard, Murray N. La Ética de la Libertad. Capítulo 15: Derechos humanos como derechos de propiedad.

Von Mises, Ludwig. La acción humana. Capítulo 10: El intercambio en la sociedad.