//O QUE A ANTIGA INDIA PODE ENSINAR Á FRANCIA DE MACRON. Ignacio Almará

O QUE A ANTIGA INDIA PODE ENSINAR Á FRANCIA DE MACRON

 

 

    -Ignacio Almará –   

 

  A saúde pública é a disciplina que se encarga do benestar das poboacións. Polo xeral, enténdese que este servizo á comunidade debe ser ofrecido polo Estado xa que o seu alcance máis aló do individuo faino competencia do órgano que administra as comunidades. Esta filosofía que ampara de bo grado a intervención gobernamental dáse, por exemplo, en aspectos como a rede sumidoiros ou a vacinación.

  Neste artigo centrarémonos neste último aspecto, a vacinación.

  No século XX as campañas de vacinación foron moi abundantes e, en gran parte, foron financiadas con fondos públicos e promovidas polos gobernos. Nos últimos anos, as crises de saúde por enfermidades infecciosas como o ébola ou a gripe A dispararon de novo a preocupación da xente por este problema. É unha opinión xeneralizada a de que é o Estado o que debe encargarse da vacinación, non só do establecemento dos calendarios vacinais (que din de que e cando hai que vacinarse) senón que as vacinas deben ser financiadas a través de fondos públicos obtidos a través de impostos, e está comezando a ser común a defensa da obrigatoriedade das vacinas.

  Mostra disto último é a iniciativa do goberno francés para o ano 2018, a cal propón facer obrigatoria a vacinación de 11 enfermidades ante a preocupación polos aumentos no número de infectados.[i]

  O intervencionismo nesta disciplina non é estraño. Dende hai moito tempo os gobernos veñen financiando a investigación e as campañas de vacinación. Isto, sumado á omnipresente intervención dos políticos en materia sanitaria, fai que a adopción de medidas por parte dos gobernos neste campo non só se entenda como o normal senón tamén como o desexable. Para xustificar esta intervención adóitase defender que a vacinación debe ser materia do ministerio porque transcende ao individuo, que debe ser gratuíta e que se pode chegar a concibir como obrigatoria.

  Resulta, de feito, inconcibible outra abordaxe do problema, xa que non se coñecen, polo menos por parte do público xeral, alternativas á saúde pública controlada polo Estado.

  Con todo, neste artigo intentaremos ofrecer outra perspectiva do problema.

 

  A inmunización a través da historia.

  Clasicamente enténdese que a vacinación comeza co Dr. Edward Jenner, quen se deu conta de que as muxidoiras de vacas non enfermaban co virus da varíola humana. Ante isto dispúxose a realizar un experimento sobre un neno no ano 1796. No experimento, raspou as costras de varíola bovina da leiteira Sarah Nelmes e inoculou o contido purulento das mesmas nos brazos do neno de nove anos James Phipps. Tras isto, o neno sufriu un breve episodio de febre e inquietude e posteriormente recuperouse, quedando inmunizado ante a varíola.[ii]

  Este doutor, discípulo de John Hunter,[iii] foi un dos primeiros en promover a vacinación, e gran parte do tempo fíxoo de forma privada, repetindo a mesma operación que realizara sobre James Phipps nos veciños da súa localidade. Pouco despois, a comunidade médica decatouse do grandioso descubrimento e Jenner comezou a ascender na xerarquía das sociedades científicas da Inglaterra do momento, recibindo, posteriormente, subvencións públicas co fin de continuar as súas investigacións.[iv]

  Con todo, antes de que Edward Jenner presentase o seu celebérrimo traballo, existían outras formas de previr a enfermidade polo virus da varíola.

  A India foi desde tempos inmemoriais berce de descubrimentos e avances médicos. O coñecemento médico tradicional, coñecido como ayurveda polos indios, leva miles de anos evolucionando e, aínda que agora non goza do estatus e rigor científico que ten a medicina occidental, foron moitas as innovacións que os médicos occidentais importaron da India. Entre elas cabe destacar a extracción de cálculos renais, a extracción de corpos estraños, as cesáreas ou a famosa rinoplastia india, intervención de reconstrución nasal a través dun colgallo vascularizado cuxa práctica, aínda que está documentada en Italia no século XVII, non se xeneralizou en Europa ata o século XIX.

  O coñecemento médico indio, ademais, tiña un carácter preventivo, é dicir, buscaba previr a enfermidade e manter a saúde, e por iso centrábase fortemente nos hábitos dietéticos. Con todo, na medicina terapéutica, a que entendemos como máis común en occidente, o ayurveda estruturaba o seu coñecemento nunha forma exactamente igual á actual medicina occidental. O ayurveda dividíase en oito ramas, as cales, segundo o médico lendario Cháraka, eran: principios xerais de medicina, patoloxía, diagnóstico, fisioloxía e anatomía, prognóstico, terapéutica, farmacoloxía e medios para asegurar o éxito no tratamento.[v]

  Aínda que o ayurveda, non dispoñía de todos os coñecementos necesarios, como anatomía de órganos craneais ou de fisioloxía da ventilación pulmonar, os médicos indios, tamén chamados vaidyas, tiñan un gran coñecemento do corpo humano. É tal o nivel de coñecemento ao que chegan que se teñen rexistros de que no ano 1000 d.C. empezáronse a realizar variolizacións. Estas son un arcaico sistema de inmunización baseado en entrar en contacto coas costras daqueles que estiveron previamente infectados. O que se facía na India era triturar estas costras previamente extraídas dun infectado ou rascalas directamente para sacarlle o pus, e inocular o produto destas dúas operacións dentro dunha ferida realizada a un non infectado. O fin era inmunizar ao non infectado para que non tivese que padecer a enfermidade posteriormente.

  As descricións rexistradas indican que a xente dos pobos facía colas para “comprar a enfermidade”, a cal era ofrecida polos vaidyas. Unha vez realizada a intervención, sufríase a infección durante un pequeno período, e antes dunha semana estábase perfectamente.

  Na China do século XVI hai descritas situacións similares, nas cales os individuos que pretendían inmunizarse trituraban as costras secas e as esnifaban a través de distintos métodos.

  Con todo, o documento máis fiable que temos sobre a variolización debémosllo á muller do embaixador inglés en Constantinopla, Lady Mary Wortley Montagu.

  Esta aristócrata inglesa do século XVIII conta nunha carta a unha amiga como nun dos seus paseos por Constantinopla observou unha variolización. Lady Mary probou ela mesma o método. Contactou cunha anciá que lle trouxo un “frasco coa mellor varíola” e tras realizarlle un corte nunha vena introduciulle unha cantidade ínfima do pus contido no frasco. Tras esta experiencia decidiu variolizar ao seu fillo coa supervisión do médico da embaixada. Cando volveu a Inglaterra estendeu o sistema e a variolización volveuse moi común.

  Edward Jenner tiña 13 anos cando Lady Mary morreu. Para cando Edward Jenner descubriu a vacina, a cal xa fora albiscada por outros médicos, a variolización traída por Lady Mary era unha práctica moi estendida por Inglaterra. Os propios datos demostraban que era un método efectivo. A taxa de mortalidade nunha epidemia de varíola é do 30%, coa variolización era do 2%. A vacina mellorou aínda máis os resultados e reduciu a taxa de complicacións.[vi]

  Como vimos, no exemplo da India, o proceso de inmunización da comunidade non se produciu por un mandato coactivo por parte do goberno senón que se produciu a través dun sistema espontáneo no que a xente, co fin de non infectarse e non infectar aos seus seres queridos e aos demais, acudía de forma voluntaria a facerse coa inmunización. É lóxico pensar que ante unha situación como a aparición dun brote de varíola, a xente estea preocupada pola súa saúde e queira inmunizarse. No exemplo de Lady Mary Montagu vemos unha situación exactamente igual, na cal acode a variolizar ao seu fillo de forma plenamente voluntaria. Cabo subliñar que en ambos casos pagábase pola variolización como se fai por calquera outro servizo que se presta na sociedade, da mesma forma que se paga pola roupa, a comida ou por calquera outra necesidade por básica e urxente que sexa.

 

  Conclusións.

  Malia que adoitamos pensar na saúde pública e comunitaria como unha competencia do órgano de goberno, vimos exemplos que demostran que existen incentivos suficientes para que se produza un proceso de inmunización comunitaria voluntaria e que este proceso é posible grazas á xente que oferta o servizo desexado. Ademais, pódese administrar de forma totalmente privada, a través do pago dun prezo establecido polo mercado, como ocorre coa comida, a roupa, a hixiene persoal ou calquera outra necesidade básica. Os exemplos empregados, aínda que afastados no tempo, dinnos que o individuo debe posuír sempre plenas liberdades sobre si mesmo e a súa propiedade, e que nin sequera a vacinación pola forza ou o seu financiamento público están xustificadas. É máis, este proceso observado sería, presumiblemente, moito máis fácil e barato a día de hoxe, grazas aos sistemas de produción en masa e de conservación de sustancias.

  Por iso, podemos concluír que o papel do goberno neste aspecto é innecesario ou no mellor dos casos redundante.

[i] “Francia establece la vacunación obligatoria para 11 enfermedades”, El País (9 de Julio de 2017), dispoñible en https://elpais.com/elpais/2017/07/06/mamas_papas/1499332165_960207.html

[ii] Para un estudio en detalle da obra de Jenner e a vacina ver Stefan Riedel, “Edward Jenner and the history of smallpox and vaccination”, Proceedings (Baylor University. Medical Center) 18, 1 (Enero 2005): 21–25. Dispoñible en https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC1200696/

[iii] John Hunter (1728 – 1793) foi un importante médico e cirurxián inglés. Esclareceu o funcionamento do sistema linfático, o desenvolvemento óseo e dental, o desenvolvemento do embrión, estudiou as feridas de bala e foi un gran anatomista. É unha das figuras máis ilustres da historia da mediciña.

[iv] A partir de aí, a historia da vacinación está bastante ligada á acción estatal. Tradicionalmente sinálase a Xavier Balmis como un dos grandes promotores mundiais da vacinación sistemática. Pouco despois do descubrimento de Jenner, partiu desde A Coruña unha expedición financiada polo rei Carlos IV de España co fin de levar a vacina da varíola por todas as colonias do reino. A expedición propoñíase ir desde A Coruña ata Filipinas pasando por Canarias e o Novo Mundo, co fin de protexer a todos os habitantes dos territorios españois. Con todo, os métodos empregados por Balmis contrastaban co suposto humanismo que lideraba a expedición. Para a Real Expedición Filantrópica da Vacina se recrutaron a 22 nenos, dos cales morreron 2 antes de chegar ao Caribe, que servían para un único fin, transmitirse o virus da varíola duns a outros para manter activo o pus e poder irllo inoculando duns a outros. Con todo, isto presentaba un problema loxístico, unha vez pasado o período de inmunización, os nenos deixaban de ser útiles para o fin da expedición, polo que debían ser deixados nos próximos portos. Aínda que se sabe que en México Balmis intentou garantir a súa educación e residencia, pouco se sabe do futuro dos nenos que se foron quedando nos portos. Na viaxe ata Filipinas, sábese do sufrimento que tiveron que pasar os nenos-vacina, os cales debían convivir coas ratas e soportar as violentas sacudidas do barco e a súa carga. Aínda que o fin da expedición podía ser moralmente encomiable, os medios empregados foron bastante discutibles. Para un repaso detallado da viaxe de Balmis ver Luis Miguel Ariza, “La odisea del doctor Balmis” (24 de Enero de 2010), dispoñible en https://elpais.com/diario/2010/01/24/eps/1264318009_850215.html

[v] Ver Charles Leslie, Asian Medical Systems: a Comparative Study (Berkeley: University of California Press, 1977). Para un breve repaso histórico sobre a vacinación na India ver Chandrakant Lahariya, “A brief history of vaccines & vaccination in India”, Indian Journal of Medical Research, 139, 4 (Abril 2014): 491–511. Dispoñible en https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC4078488/

[vi] Para unha historia xeneral da vacina e a actualidade da mesma ver o documental Amor, miedo y vacunas, dispoñible en http://www.rtve.es/alacarta/videos/documentos-tv/documentos-tv-amor-miedo-vacunas/3640379/

 

 

2017-08-02T20:14:15+02:00

Leave A Comment