A SANIDADE DEBE SER UN NEGOCIO

 

    –  Ignacio Almará –   

 

 

  Con moita frecuencia escoitamos comentarios en contra de tratar a sanidade como un negocio. O que este comentario adoita levar implícita é a condena da existencia de oferta privada de servizos sanitarios, a defensa da sanidade pública e unha crítica da privatización completa da industria.

  En moitas ocasións esta expresión inclúe a condena da frivolidade coa que se presupón que se trataría toda a industria e en especial a saúde e os clientes.

  Esta visión proviría da concepción popular dos negocios como unha simple forma de obter beneficios custe o que custe caendo xeralmente en prácticas inxustas, na condena moral do beneficio empresarial e da concepción de saúde ou enfermidade como algo que debería quedar máis aló do mercado, sendo así unha res extra commercium. Entran en xogo ademais factores emocionais, xa que polo xeral os servizos sanitarios préstanse en momentos delicados da vida dunha persoa como pode ser o nacemento dun neno, unha enfermidade invalidante ou a morte dun ser querido.

  Isto leva en suma a considerar que, evidentemente, é inmoral facer negocio, algo de seu xa condenado, cunha necesidade tan básica e esencial como é a atención en momentos de enfermidade.

  Esta visión ten, con todo, varios erros.

  O primeiro deles é a condena moral do negocio. Si entendemos que un negocio é simplemente facer diñeiro a costa dos clientes, xa que estes non teñen outra cousa que facer que gastalo nese negocio concreto, e que, para obter ese diñeiro chegarán a calquera práctica por inxusta que sexa, é enteiramente comprensible que se chegue a unha condena moral de tal actividade. Con todo, esta concepción está afastada do que un negocio (empresa) é en realidade.

  Si o analizamos detidamente vemos que a orixe dun negocio é o intento de enriquecerse a través de ofrecer un servizo ao cliente. A orixe dun negocio ou empresa parte da realización dun intercambio por ambas partes, intercambio que só se dará si ambas partes valoran en máis o que reciben que o que dan, co fin último de satisfacer unha necesidade. Tras un intercambio o enriquecemento dáse nas dúas partes, xa que ambos obtiveron algo que valoran en máis que o que tiñan con anterioridade, poden satisfacer necesidades máis valoradas e a súa situación mellora. Non só hai que ter en conta a aquel que obtivo o diñeiro. Ademais, mentres este intercambio se dea sen coacción, é dicir a través do uso da violencia ou ameaza de violencia, será completamente lexítimo.

  Ademais disto, os empresarios, sendo este término máis acertado que o de empresa ao falar da súa capacidade de acción e as consecuencias das súas accións, realizan unha función de gran importancia na sociedade, levan a cabo un complexo proceso de coordinación social que se leva a cabo de forma dinámica.

  Os empresarios perciben descoordinacións na sociedade, é dicir, observan como as necesidades duns poderían satisfacerse cos servizos doutros e estes axentes descoñéceno, os empresarios encárganse de organizalos e póñenos en contacto co fin último de obter un beneficio. Os froitos deste acto coordinador son a satisfacción das necesidades de todos os intervenientes e a creación de información nova que tenderá a estenderse por todo o mercado e que, en última instancia, levará a que nun futuro se produza unha mellor satisfacción das necesidades do resto.

  Por unha banda, vemos que a concepción do negocio como un elemento frívolo está bastante sesgada pois non considera a parte do enriquecemento do consumidor e a do empresario como ofertante de servizos.

  Por outra banda, debemos analizar a condena de que se faga negocio coa saúde ou a enfermidade.

  Evidentemente é imposible comerciar coa saúde ou a enfermidade, da mesma forma que é imposible comerciar coa fame. Resulta complicado concibir de que xeito podería alguén ir ao mercado a encargar 2 quilos de fame ou 20 unidades de enfermidade. A fame, a saúde e a enfermidade son necesidades subxectivas que o home debe satisfacer a través do emprego de medios concretos. Medios que son escasos e deben ser fornecidos por el mesmo ou por terceiros.

  Os medios necesarios para satisfacer estas necesidades son bens ou servizos que son propiedade de alguén e que, xa que logo, poden ser dados en intercambio co fin último de satisfacer estas necesidades.

  É imposible comprar saciedade, pero é enteiramente concibible adquirir 1 quilo de pasta co cal satisfacer a necesidade para comer. Son os medios os que son comerciados co fin de satisfacer as necesidades.

  En todos os campos, o comercio de medios e o seu estado como bens producidos en marcos relativamente privatizados leva á abundancia destes medios e á maior satisfacción de necesidades por un maior número de persoas. En occidente, isto ocorreu, por exemplo, coa comida, a cal foise producindo en abundancia crecente e baixando en prezo paulatinamente, ata chegar a unha situación única na historia na que xa non se dan situacións de fame xeral.

  A mellor forma de satisfacer calquera necesidade, por básica que sexa, como o é salvar o fame, é a través do libre intercambio dos medios que poden satisfacer esa necesidade, isto é, bens de consumo e de capital destinados en última instancia a satisfacer as necesidades.

  Si foi posible saír do estado primitivo de fames recorrentes e incerteza na produción agrícola, así como a redución dos prezos dos bens destinados para o consumo nesta industria, ¿por que non ía ser así na industria sanitaria?

  Si entendemos como negocio a consideración correcta do empresario e como sanidade os medios necesarios para satisfacer as necesidades no que respecta á saúde e a enfermidade das persoas, o desexable é que a sanidade sexa cada vez máis negocio, para que, igual que ocorreu co fame, a enfermidade sexa cousa do pasado na maior parte da sociedade moderna. Isto conséguese a través da propiedade privada dos medios de produción, a liberdade para emprender e o intercambio voluntario.

  Con todo, si que existe un caso concreto no que é comprensible e completamente acertado criticar “o negocio da saúde”. E este é o “xogo” que levan a cabo os políticos a través do uso de estatísticas e resultados tras actuacións de políticas sanitarias co fin de gañar popularidade ou votos.

  Nada hai máis frívolo que usar os datos sobre enfermidades, listas de esperas e gastos en sanidade co fin de gañar influencia e poder nun sistema político. Este xogo supón o manexo dos pacientes coma se fosen meros números estatísticos cos que demostrar que un plan político é mellor, o que é propio de tiranos.

  Non só é frívolo, ao utilizar os números con intereses políticos, isto é, para gañar así unha maior cota de poder e dobregar aos demais á vontade daquel que dispón dos medios políticos. Senón porque, ademais, os medios empregados para soster o sistema son eticamente desprezables, xa que se sustenta no roubo sistemático e a toma hexemónica de decisións, ante as cales os usuarios quedan de maneira total desamparados sen poder sequera opinar sobre elas.

  É por isto polo que a saúde debe ser un negocio, entendido desde o punto de vista correcto, é dicir, sabendo do que se trata un negocio e do que se fala ao falar de necesidades e medios.

  Por outra banda, a crítica a que a saúde non debe ser un negocio é completamente correcta cando se aplica ao xogo político que aqueles que queren tomar control do aparello de goberno dispóñense a xogar cada vez que se abre a veda para alzarse como gobernante.