A CARTOGRAFÍA AO SERVIZO DA DEPREDACIÓN (II)
– Óscar R. Carreiro –
O territorio na Idade Media entendíase de xeito moi diferente á de agora. Os mapas nacionais eran raros na Europa medieval. As lealdades, en lugar de nacionais, eran locais, rexionais ou non territoriais. Baixo o sistema feudal as fronteiras se solapaban e múltiples autoridades existían dentro de calquera rexión particular. A representación política facíase máis ben de xeito literario, con viaxes e listas de lugares, no canto de por medio de mapas.[i] Os actores medievais reclamaban autoridade sobre un conxunto de lugares no canto de sobre espazos definidos xeometricamente. Eran comúns as autoridades non territoriais. Os mapas medievais ilustraban estas ideas sobre a autoridade política. Os mappae mundi, por exemplo, eran grandes mapas mundiais que representaban esquematicamente os tres continentes do Vello Mundo e contiñan imaxes e textos que representaban e describían lugares e acontecementos relixiosos e históricos. Dábaselle máis importancia ás cidades que ao espazo entre elas.[ii]
A concepción do territorio transfórmase na Idade Moderna. Por exemplo, en Francia, ao longo do século XVI utilizouse a idea das fronteiras naturais para desacreditar as divisións medievais do territorio francés. Os monarcas franceses, como Francisco I e Henrique II, querían unha representación completa do reino nun mapa. As representacións que se realizarán a partir deste momento, asimilarán Francia coa antiga Galia, afirmando que a extensión desta representaba as fronteiras naturais do reino. En 1525, Oronce Finé, que ensinaba matemáticas no Royal Collége (o actual Collége da France) fundado por Francisco I, publicou un mapa de Francia chamado Nova totius Galliae Descriptio, primeiro mapa destas características publicado en Francia, do que se publicaron cinco edicións entre 1525 e 1557. En 1560, Jean Jouliet publicou outro mapa que melloraba o de Finé, Nouvelle Description des Gaules e que serviu, directa ou indirectamente, como modelo para mapas posteriores.[iii] En 1575, André Thevet utilizou imaxes derivadas da Guerra das Galias de César e do xeógrafo Estrabón, quen describiran a Galia como limitada polos Pirineos, o Rin, os Alpes e os mares.
Así pois, durante o século XVI, os mapas de Francia chamáronse frecuentemente mapas de Galia e incluíron zonas de Italia, Alemaña e Holanda. Esta tendencia continuou no século XVII. Richelieu encargou en 1627 a Nicolás Sanson que debuxase un mapa que representase a extensión da antiga Galia ata o Rin. Moitos mapas producidos a partir de 1630 equiparaban a Francia coa antiga Galia, en contraste coa Idade Media, que as consideraba dúas ideas diferentes.[iv] A idea das fronteiras naturais de Francia foi diseminada pola literatura educativa e erudita a partir do século XVI, e, para a época da Revolución Francesa, volveuse xeneralizadamente aceptada. Os grandes oradores da Revolución, como Danton, referíanse ás fronteiras naturais para xustificar a expansión do territorio francés, igual que os seus predecesores reais. O establecemento da fronteira francesa moderna foi un proceso que levou entre tres e cinco séculos e que non se completou ata 1789. Trala Revolución Francesa impoñeríase finalmente un poder estatal uniforme sobre o territorio francés.[v]
Ademais dos mapas individuais, tamén se recorreu aos atlas. O Théâtre François foi o primeiro atlas nacional francés, producido en 1594 por Maurice Bougereau. Este atlas era un símbolo da unidade nacional baixo o liderado de Henrique IV. Contén mapas de diferentes zonas do país realizados en anos anteriores e mapas xa producidos por Ortelius e Mercator. Converteuse no modelo dos seguintes atlas nacionais:
Un pode ver nos seguintes atlas nacionais o progreso da nación francesa por medio do reforzamento das súas fronteiras e do progreso da súa estrutura administrativa.[vi]
Os atlas foron instrumentos que inculcaron a reorganización administrativa na mentalidade pública, nas burocracias gobernamentais, nos parlamentos e noutras entidades públicas. Existía un forte interese en mapear o pasado, en parte porque tiña unha relevancia directa nos intentos borbónicos de xustificar o expansionismo francés e en parte por un interese na historia francesa que reflectía un aumento da conciencia nacional entre a elite. Ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII, os atlas relacionáronse cada vez máis co territorio político e xogaron un papel importante na construción do Estado, axudando a crear unha conciencia e unha visión nacional.[vii]
Establecer a identidade territorio-nación-Estado requiría o establecemento dunha fronteira lineal. O establecemento desta fronteira lineal tiña como prerrequisito técnico a elaboración de mapas precisos.[viii] Como destaca Jordan Branch:
A revolución cartográfica de principios da Idade Moderna foi fundamental para a construción de Estados modernos baseada na exclusividade territorial.[ix]
Esta revolución cartográfica iniciouse na produción privada de mapas. A partir do século XV empezáronse a utilizar técnicas de cartografía usando unha cuadrícula de coordenadas de latitude e lonxitude, baseándose na obra Xeografía, de Ptolomeo. Ao mesmo tempo produciuse unha explosión cuantitativa na produción de mapas debido á utilización da imprenta. Os mapas ptolemaicos, ao contrario que os medievais, representaban o mundo como unha superficie homoxénea na que os puntos localízanse en términos xeométricos. Estes mapas utilizaban unha escala espacial uniforme que correlacionaba xeometricamente a superficie da terra co mapa.[x] A tradución ao latín da Xeografía de Ptolomeo a principios do século XV contribuíu ao que se chamou a “xeometrización” do espazo, a visión de que a terra podía describirse e medirse en términos precisos e matemáticos. A finais do século XV as ideas de Ptolomeo e os seus seguidores estaban desprazando ao concepto aristotélico de describir a terra fundamentalmente en términos da súa utilidade para os homes e ao enfoque cristián dos mappae mundi de delimitar as fronteiras morais do espazo. As novas ideas do espazo empezáronse a utilizar para resolver disputas xurisdicionais. A resolución destes conflitos axudou a cimentar a idea de que a soberanía, antes entendida como relacións contractuais entre señores e vasallos, tamén podía representar poder sobre espazos particulares cuxas fronteiras necesitaban medirse e cartografarse.[xi] Sen a produción e o uso extensivo do mapeado ptolemaico o máis probable é que estivesen ausentes tres características claves da autoridade política moderna: a homoxeneidade do territorio como un espazo medido xeometricamente, o carácter puramente lineal das fronteiras políticas e a eliminación das autoridades non territoriais. O dominio resultante dunha autoridade territorial con fronteiras definidas é unha característica única da estatalidade moderna.
Considérase xeralmente o reinado de Luís XIV como o do inicio da cartografía científica. Segundo Colbert, os mapas tradicionais non eran adecuados para as reformas económicas e navais que se pretendían realizar. Non cubrían todas as provincias e tiñan diferentes graos de precisión. Necesitábanse mapas de todo o reino con escalas máis grandes para facerse unha idea precisa dos ingresos e recursos do reino. Para iso recorreuse á triangulación xeodésica e aos cálculos de lonxitude. Nos labores de mapeado e cartografado tivo unha gran importancia o traballo de Jean-Dominique Cassini na Academia, sociedade científica fundada por Colbert. A Academia intentou completar un preciso e detallado mapa de Francia con estándares uniformes. O primeiro paso foi medir o arco do meridiano de París para determinar o tamaño dun grao de latitude. Estendendo este meridiano, a triangulación converteuse na base dos mapas topográficos dun país enteiro, o que permitiu alcanzar unha gran precisión. Catro xeracións da familia Cassini continuaron o traballo do fundador durante máis de cen anos, ata a Revolución Francesa. O mapa de Cassini, segundo Jung, “representou a conquista do espazo por medio da medida”.[xii]
O mapa de Cassini socavou o principio dinástico, obxectivando a autoridade política, suxerindo que se localizaba nun Estado impersoal e que non descendía dun liñaxe real.[xiii] Ademais, o uso da triangulación permitiu ao Estado levar a cabo moitos programas de políticas públicas como construción de canles e estradas. A triangulación unificou o país nunha serie de triángulos que ían de cima a cima dividindo Francia segundo unha malla arbitraria que descartaba as xurisdicións tradicionais. O mapeado e a representación instrumental do Estado durante os séculos XVII e XVIII fixeron posible a reforma da división administrativa.
A mentalidade xeométrica promovida pola triangulación levou a Robert de Hesseln a propoñer en 1780 que Francia fose dividida en nove rexións en forma de cadrado; cada rexión estaría dividida en nove subunidades, e cada unha destas noutras nove subunidades en forma tamén de cadrados. Coa Revolución Francesa, o espazo homoxéneo do mapa converteuse na base da autoridade política. A Revolución reemplazou os criterios xurisdiccionais-territoriais ao redibuxar radicalmente as fronteiras dentro e fóra de Francia. En 1789, o abad Sieyès propuxo dividir o territorio de Francia en divisións administrativas rectangulares seguindo o modelo de Hesseln. Estas divisións, adoptadas en 1790, acabaron tomando formas irregulares debido ás complicacións prácticas da modificación tan drástica dos patróns espaciais tradicionais, pero serviron para desmantelar as peculiaridades territoriais do Antigo Réxime e para dar forma ao Estado.[xiv]
O uso dos mapas como unha das formas coas que o Estado buscou representarse de xeito inequívoco levou á institucionalización da cartografía. A cartografía empezouse a institucionalizar, como moi tarde, na segunda metade do século XVI, reflectindo o crecente interese do Estado nos mapas. Unha das formas de institucionalización foi a creación, por parte das monarquías, de oficios cartográficos para a produción de mapas de uso estatal.[xv] O proceso de institucionalización intensificouse no século XVII. O papel da Academia no desenvolvemento da cartografía francesa é innegable. A Academia, admirada e imitada como un modelo de institución científica ao servizo dun Estado absolutista, non só desenvolveu métodos cartográficos senón que tamén cultivou a mentalidade científica. Os mapas foron utilizados para resolver problemas prácticos ao servizo do Estado facilitando a realización de obras públicas.[xvi]
Outro importante factor na institucionalización da cartografía foi a estandarización da educación cartográfica. Luís XV fundou dous colexios científicos (Ecole deas Ponts et Chaussées en 1747 e o Ecole du Génie de Méziéres en 1748), cuxos esforzos educativos promoveron as innovacións técnicas. Grazas ao uso do método científico, os mapas franceses eran moi admirados a mediados do século XVIII. Pero o interesante do enfoque científico dos cartógrafos desta época, como Nicolas Sanson, Guillaume Delisle e outros, é que puxeron o énfase na identidade nacional e na territorialidade.
En resumo, as melloras técnicas da cartografía e a produción de mapas déronse, en principio, por iniciativa privada, debido a que había un mercado para estes obxectos impresos. Con todo, moi pronto os actores políticos utilizaron estes obxectos como un medio de expresar as estruturas políticas de xeito territorial. A finais do século XV os mapas eran, fundamentalmente, o traballo duns poucos practicantes habilidosos, eran escasos e caros. A mediados do século XVI, a cartografía gobernamental empezou a seguir os pasos da privada, reflectindo o crecente interese dos gobernantes no tema.[xvii] A finais do XVII, a produción de mapas, sempre en aumento, fora asumida por oficios gobernamentais especializados ou, polo menos, por individuos e axencias cuxos intereses eran os mesmos que os do Estado. Os avances tecnolóxicos significaban que os mapas estaban máis amplamente distribuídos, máis accesibles e transformados facilmente en obxectos cotiáns.[xviii]
Conforme a xente foi visualizando o mundo en términos dos novos mapas, as ideas sobre a autoridade política que non estaban ou non podían representarse neles perderon a súa base normativa e foron eliminados como fundacións aceptables de autoridade política. Este cambio favoreceu a centralización e a burocratización que levou ao moderno estado soberano territorialmente uniforme.[xix]
[i] In-Chul Jung, “Development of Cartography and State-building in France from the Sixteenth to the Eighteenth Century”, Journal of the Korean Geographical Society, 41, 5 (2006): 550.
[ii] Jordan Branch, “Mapping the Sovereign State: Technology, Authority, and Systemic Change”, International Organization, 65 (Invierno 2011): 9-10.
[iii] Jung, “Development of Cartography and State-building”, pp. 550-551.
[iv] Jung, “Development of Cartography and State-building”, pp. 551-552.
[v] Malcom Anderson, Frontiers. Territory and State Formation in the Modern World (Cambridge: Polity Press, 1966), pp. 21-23.
[vi] “One can see in the following national atlases the progress of the French nation through the strengthening of its borders and the progress of administrative structure”. Jung, “Development of Cartography and State-building”, p. 554.
[vii] Anderson, Frontiers, pp. 19-20.
[viii] “The early modern cartographic revolution was fundamental to the construction of modern states built on territorial exclusivity”. Branch, “Mapping the Sovereign State”, p. 7.
[ix] Branch, “Mapping the Sovereign State”, p. 12.
[x] Branch, “Mapping the Sovereign State”, pp. 12-15.
[xi] Richard L. Kagan y Benjamin Schmidt, “Maps and the Early Modern State: Official Cartography”, en The History of Cartography. Volumen 3. Cartography in the European Renaissance, ed. David Woodward (Chicago y Londres: University of Chicago Press, 2007), p. 663.
[xii] “The Cassini map represented the conquest of space through measurement”. Jung, “Development of Cartography and State-building”, p. 552.
[xiii] Jung, “Development of Cartography and State-building”, p. 556.
[xiv] Jung, “Development of Cartography and State-building”, pp. 552-553.
[xv] Kagan y Schmidt, “Maps and the Early Modern State”, p. 666.
[xvi] Jung, “Development of Cartography and State-building”, p. 556.
[xvii] Branch, “Mapping the Sovereign State”, p. 13.
[xviii] Kagan y Schmidt, “Maps and the Early Modern State”, p. 679.
[xix] Branch, “Mapping the Sovereign State”, p. 15.