A CARTOGRAFÍA AO SERVIZO DA DEPREDACIÓN
– Óscar R. Carreiro –
A través da educación pública ensinóusenos a pensar que os mapas, incluidos os mapas políticos, son unha forma obxectiva de representación da realidade física baseada en métodos científicos neutros. Con todo, o certo é que os mapas foron, en realidade, tanto unha ferramenta de depredación como unha das formas a través das cales os Estados intentaron representar a súa existencia como unha entidade inequívoca e obxectiva para xustificar e lexitimar os seus actos de depredación. Os mapas axudaron a crear e naturalizar unha identidade entre o pobo, o territorio e o Estado, por medio da cal o espacio se convertiu en propiedade nacional.[i]
In-Chul Jung afirma que o poder soberano sobre o territorio dos Estados Modernos exerceuse coa axuda de mapas. Estes representaban a autoridade do Estado de moitos xeitos, implicando o poder político sobre o territorio. O mapa e o poder estaban mutuamente implicados o un no outro.[ii] Ao mesmo tempo que os Estados absolutistas empezábanse a desenvolver (cara ao final da Idade Media) e consolidábanse (durante o Renacemento) os mapas convertéronse nun importante instrumento para desenvolver o poder estatal. Foron utilizados con propósitos militares, para poñer en marcha obras públicas e para fortalecer a conciencia natural do Estado.[iii] Así, a cartografía desenvolveuse no século XV, xunto con outros novos instrumentos do Estado, como unha ferramenta esencial do goberno que tivo un importante papel na administración, cobro de impostos, xestión xurídica e defensa. Nas políticas gobernamentais e no vocabulario político apareceu unha nova “conciencia de mapa”,[iv] na que os mapas utilizábanse nunha relación directa con novas “doutrinas do poder estatal e coa invención cartográfica do Estado-nación”.[v]
Os mapas foron, segundo Jung, “un importante instrumento para a construción do Estado”.[vi] Shapiro, coincide con Jung, e afirma que a cartografía foi un dos primeiros xéneros de construción do Estado-nación.[vii]
O uso dos mapas como linguaxe inequívoca da representación estatal supón o equivalente do uso de ilustracións no desenvolvemento tecnolóxico. John Pickles destaca a capacidade que tiñan os mapas de proxectar a idea dunha existencia inequívoca:
A razón cartográfica parece ser unha forza tan poderosa nos séculos XVI e XVII que veu significar a máis importante forma da razón. Debuxar mapas era pensar.[viii]
Grazas a esta forma inequívoca de representación, podíase xustificar a existencia obxectiva e verdadeira dunha identidade nacional da que o Estado era expresión. Por exemplo, segundo Richard L. Kagan e Benjamin Schmidt, os mapas foron utilizados na produción (fashioning) da identidade inglesa e na presentación de argumentos nacionais ou protonacionales:
Os mapas foron usados pola corte inglesa como un potente artiluxio para modelar identidades e enunciar ambicións nacionais.[ix]
Kagan e Schmidt chaman a isto as “cartografías constructivas”: esforzos por construír un caso para as aspiracións nacionais, a expansión imperial, a ortodoxia relixiosa ou a oposición política por medio do uso de mapas e doutras formas xeográficas.
A forma moderna do Estado-nación consistiu no establecemento de fronteiras claramente delimitadas que se asociaron con marcadores territoriais en lugar de dinásticos. A partir do Renacemento, a xeopolítica inscrita nos mapas polos cartógrafos europeos empezou a reflectir unha disminución da importancia de emperadores e monarcas. No caso de Inglaterra, por exemplo, o espazo nos mapas oficiais previamente asignado a “insignias do poder real” decreceu mentres que os mapas foron enfatizando cada vez máis os marcadores da configuración da terra e as fronteiras do territorio nacional. Como di G. Poggi:
No curso do desenvolvemento do Estado moderno, a relación [entre o Estado e o territorio] deixa de pensarse como de propiedade: como suxire un xurista italiano, o Estado non ten un territorio, é un territorio.[x]
Cara ao século XVII a sucesión de imaxes nos mapas reflicte unha secuencia histórica que vai da Cristiandade Universal, ao Estado dinástico, á nación centrada no territorio.
A cartografía do Estado apareceu en conxunción co desenvolvemento de novas nocións do espazo de goberno, especialmente co concepto da soberanía territorial: a idea do Estado como unha unidade xeopolítica definida e delimitada con precisión.[xi] A importante implicación desta doutrina para as fronteiras era que tiñan que ser necesariamente exclusivas. A natureza absoluta da autoridade polo poder soberano sobre o territorio e sobre os individuos negaba explícitamente a posibilidade de interpretación de xurisdiccións ao estilo medieval, no que reis, señores e clero tiñan autoridade autónoma sobre o mesmo territorio.[xii]
No século XVI, a idea da soberanía territorial, especialmente aplicada ás fronteiras, empezou a filtrarse no léxico político. Aconsellábase aos gobernantes a pensar territorialmente, a coñecer os seus reinos para defendelos mellor e para expandilos. A educación dos gobernantes empezou a incluír unha instrución regular en xeografía.[xiii] A idea dunha autoridade política definida exclusivamente por territorios con fronteiras liñais empezou a afirmarse como un concepto estruturador para a organización política. As discusións e negociacións internacionais desenvolvéronse cada vez máis en termos cartográficos, usando mapas. As complexas estruturas de autoridade medievais deixaron de formar parte da conversación.[xiv] Os novos e máis precisos mapas contribuíron a consolidar a soberanía territorial ao establecer os límites entre Estados. O establecemento de fronteiras firmes foi da man de Estados máis activos e de crecentes burocracias estatais que buscaban coñecer onde exactamente podían impoñer as súas demandas de recursos e onde debían establecer a primeira liña de defensa.[xv]
[i] Ana María Alonso, “The Politics of Space, Time and Substance: State Formation, Nationalism and Ethnicity”, Annual Review of Anthropology, 23 (1994): 381.
[ii] In-Chul Jung, “Development of Cartography and State-building in France from the Sixteenth to the Eighteenth Century”, Journal of the Korean Geographical Society, 41, 5 (2006): 545.
[iii] Jung, “Development of Cartography and State-building”, p. 546.
[iv] Richard L. Kagan y Benjamin Schmidt, “Maps and the Early Modern State: Official Cartography”, en The History of Cartography. Volumen 3.Cartography in the European Renaissance, ed. David Woodward (Chicago y Londres: University of Chicago Press, 2007), p. 669.
[v] “[…] doctrines of state power and the cartographic invention of the nation-state”. Kagan y Schmidt. “Maps and the Early Modern State”, p. 679.
[vi] “Maps are an important instrument for the state building”. Jung, “Development of Cartography and State-building”, p. 546.
[vii] “Map making has been […] one of the early genres of state nation building”. Michael J. Shapiro, “Nation-states” en A Companion to Political Geography, ed. John Agnew, Katharyne Mitchell y Gerard Toal (Malden: Blackwell Publishing, 2003), p. 279.
[viii] “Cartographic reason seems to have been so powerful a force in the sixteenth and seventeenth centuries that it came to signify the most important forms of reason. To map was to think”. Jordan Branch, “Mapping the Sovereign State: Technology, Authority, and Systemic Change”, International Organization, 65 (Invierno 2011): 8.
[ix] “Maps were used by the English court as a potent device to shape identities and enunciate national ambitions”. Kagan y Schmidt, “Maps and the Early Modern State”, p. 669.
[x] “In the course of development of the modern state, the relationship ceases to be thought of as one of ownership: as an Italian jurist suggests, the state does not have a territory, it is a territory”, citado por Rhys Jones, People. States. Territories. The Political Geographies of British State Transformation (Malden: Blackwell Publishing, 2007), p. 26.
[xi] Kagan y Schmidt, “Maps and the Early Modern State”, p. 662.
[xii] Malcom Anderson, Frontiers. Territory and State Formation in the Modern World (Cambridge: Polity Press, 1966), p. 19.
[xiii] Kagan y Schmidt, “Maps and the Early Modern State”, p. 664.
[xiv] Branch, “Mapping the Sovereign State”, p. 18.
[xv] Jung, “Development of Cartography and State-building”, p. 557.