POR QUE A SANIDADE DEBE SER PÚBLICA
– Ignacio Almará –
Polo menos, iso é do que nos quere convencer o premio Nobel de economía Kenneth Arrow no seu famoso artigo de 1963 “Uncertainty and the Welfare Economics of Medical Care”,[i] onde argumenta que o “fallo de mercado” coñecido como asimetría de información fai que no campo da medicina a intervención estatal sexa necesaria.[ii]
A desigualdade de información, como a chama Arrow, afecta especialmente ao campo médico, debido a que os coñecementos sobre as condicións patolóxicas do corpo humano do médico son moi superiores aos coñecementos dos que goza o paciente. Isto leva a que existan diversos problemas que, en última instancia, levarán á ineficiencia, entendida esta como o feito de que non se producirá unha distribución dos recursos ideal.
A incerteza sobre o produto a comprar, dado que non hai regulación que asegure a calidade do produto, fará que moitos intercambios non se produzan, levando ao estado de ineficiencia. Por outra banda, os métodos como o seguro, que son unha forma de aplacar a incerteza do futuro, supoñen un perigo moral, xa que a conduta daquel que comprou o seguro cambia ao saberse asegurado e pasa a ser máis temerario.
O problema da ineficiencia vén dado pois polo que agora coñecemos como asimetría da información, isto é que, nun intercambio, unha das partes teña máis información sobre o produto a intercambiar que a outra. Como o mesmo Arrow recoñece, isto dáse en calquera industria, pero logo argúe que no campo da medicina a asimetría é moito máis acusada e que se corren moitos perigos si non se regula esta industria, xa que a fraude e a ineficiencia camparán ás súas anchas.
Como conclusión explícanos que permitir o libre mercado na industria médica é intolerable e que debe regularse de múltiples xeitos a fin de liquidar esta asimetría e a ineficiencia resultante.
Malia que no artigo intúense as boas intencións de Arrow, ten algúns erros de base que vale a pena analizar co fin de dilucidar si a conclusión á que chega é correcta ou non.
O primeiro deles é o método. Arrow baséase no modelo de mercado de competencia perfecta, que nos describe unha situación ideal na que hai unhas certas condicións, como, por exemplo, que ningún dos intervenientes é capaz de establecer o prezo e son todos prezo-aceptantes, que todos os intervenientes gozan de información perfecta (isto é, que todos teñen toda a información sobre todos os produtos e as utilidades dos demais), que non habería custos de transacción e que todos venden produtos homoxéneos a un mesmo prezo.
É dicir, un modelo no que non hai competencia en absoluto.
O problema principal non é o modelo en si, senón o uso que Arrow dálle, xa que o utiliza como un referente para o mundo real.
Utilizar referentes ideais utópicos para logo comparalos coa realidade e criticar esta última por non chegar ao ideal é o que se coñece como falacia do Nirvana. Neste caso, a situación descrita de competencia perfecta é totalmente ideal e inaccesible xa que non está nin tan sequera falando de seres humanos.
O feito de que os individuos gocen de información perfecta sobre os produtos e as utilidades dos outros se distancia do que normalmente entendemos por ser humano, xa que gran parte da información que manexa un ser humano é subxectiva, non articulable e privativa. Isto fai que apenas podamos intuír cales son as valoracións e utilidades dos demais.
No modelo de competencia perfecta descríbellenos unha situación de coñecemento total que nega completamente a incerteza. No entanto, resulta imposible coñecer as utilidades dos demais de forma total. Isto é fácil de observar si pensamos que moitas veces ún non sabe o que prefire ata que ten que elixir. É dicir, si nin o propio suxeito actuante sabería articular de antemán o que prefire, ¿como entón podería facelo cos demais? Moita da información que procesamos sobre as utilidades é puramente subxectiva e non seriamos capaces de describila. Como moito, a única forma que habería de ter un coñecemento perfecto sobre as utilidades dos demais sería supoñendo que cada unha das persoas que interveñen no modelo son a mesma persoa ou que, por outra banda, ningún é un ser humano, senón que sería unha máquina programada con anterioridade.
Outro fallo referente á información é que no modelo négase a capacidade interpretativa.
Tomemos como exemplo a caricatura sobre o coñecemento perfecto que nos dá Mises en A Acción Humana, na que, para que cada home puidese coñecer de forma perfecta toda a información sobre o mercado, debería ser tocado por un anxo que lle transmitise todo ese coñecemento. Ata neste caso, cada individuo interpretaría de forma distinta a información outorgada polo seu anxo en cuestión, xa que a información sobre a que vai interpretar esa nova información xa é única e privativa. Ningún dos homes intervenientes fará unha interpretación similar da mesma información.
Para darnos conta disto non necesitamos o exemplo de Mises, xa que esta situación ocorre de forma continuada na vida humana. Por exemplo, onde uns viron unha parede de pedra branca, Miguel Anxo viu o David; onde uns ven unha groseira serie de agresións, outros gozan dun fermoso combate de boxeo. Malia que a información pareza ser a mesma, a interpretación de cada un leva a que se xere unha información totalmente única e privativa.
Isto lévanos a pensar que o modelo de competencia perfecta nin sequera é un modelo que estude a economía, xa que, como sabemos, a economía é unha ciencia social que estuda a relación entre os homes e os recursos dos que dispón. Si eliminamos o concepto de ser humano, aínda que manteñamos unha linguaxe que utilice o mesmo léxico (como mercado, prezos ou información) non estaremos falando realmente do ser humano, non estaremos estudando economía, senón facendo algo completamente distinto.[iii]
Por outra banda, a asimetría de información, lonxe de ser un fallo de mercado, é un requisito indispensable para que exista este último. Como nos explica Thomas DiLorenzo en “A Note on The Canard of Asimmetry of Information”,[iv] a asimetría de información é outra forma de chamar á división de traballo, segundo facía Mises, ou a división de información, segundo facía Hayek. Esta división da información prodúcese debido a que cada un desenvolve actividades distintas no mundo, xa que os homes non gozan todos das mesmas habilidades ou dos mesmos gustos, senón que tenden a dedicarse a cousas distintas os uns dos outros. Da mesma forma, os recursos non se reparten igual por toda a face da Terra, o que leva a que, xuntando estes factores, chéguese a unha situación de información diferente. Cada un vai recollendo e xerando nova información que necesariamente ha de ser distinta á do resto, por disposición innata e por distintas vivencias. E é esta información diferente a que leva en última instancia a que haxa cooperación social a través, como non pode ser doutra forma dada esta información dispar, da división do traballo. Cada un aporta aos demais aquilo que sabe facer e chégase así a un estado de traballo especializado que finalmente outorga a todos os froitos do traballo dos demais. A institución por excelencia que recolle este fenómeno de harmonía e colaboración é o mercado, onde cada un serve aos demais con aquilo que sabe facer e recolle dos demais aquilo que necesita e non sabe facer.
Si miramos un intercambio de forma individual vemos que a información que manexa cada unha das partes é necesariamente desigual. Cada un sabe máis sobre o produto que produce e vende que o outro. Ademais, si isto non fóra así, nin sequera se produciría intercambio, xa que a base do intercambio é que cada un valore en máis aquilo que ten o outro e viceversa. Si os dous valorasen da mesma forma os seus produtos, é dicir si a información fose a mesma, non se produciría intercambio.
A asimetría de información non só é necesaria no mercado, é o fundamento mesmo do mercado.
Para rematar hai que facer notar ademais que o propio mercado, de forma espontánea xa xerou sistemas de protección ante a fraude. Isto maniféstase na existencia de garantías ou condicións de devolución, que serven aos compradores como salvagarda ante fraudes. Outra forma de atenuar as fraudes é a través da compra a aqueles vendedores que gozan de bo nome. Adoita ocorrer que aqueles vendedores honestos desprazan aos deshonestos a través de ir adquirindo unha maior cota de mercado debido a que moita máis xente confía neles. Aqueles que xa defraudaron quedan estigmatizados e irán perdendo clientes. É unha forma orgánica de eliminar a fraude da economía. Na actualidade cabo destacar o uso dos foros ou plataformas especialmente dedicadas a compartir experiencias de compra por exemplo pode ser TripAdvisor, ou as seccións de comentarios de empresas como Amazon ou Airbnb.
Conclusións
A asimetría de información é un requisito indispensable para que exista cooperación social e é de feito unha condición inherente á actividade humana. Xa que logo, non é unha condición que sirva como pretexto para realizar unha intervención estatal. O mercado de forma natural aporta solucións contra a fraude, que é o que moitos poden chegar a temer debido á noción de asimetría de información.[v]
Si esta asimetría representase unha escusa para intervir a medicina, entón tamén debería intervirse calquera outro sector, desde a produción de alimentos ata o calzado ou a cosmética. Tamén, por suposto, as universidades como Stanford ou Harvard onde o mesmo Arrow impartía clases, xa que a asimetría da información é especialmente visible nas facultades, onde o cliente ten moita menos información sobre o produto que vai obter que o profesor que imparte as clases.
Por outra banda, a solución de defender a intervención supoñendo que reduce a asimetría de información, está bastante sesgada. Como nos explica DiLorenzo, o Estado é unha fonte de asimetría da información, pero, neste caso, destrutiva. Mentres que esta asimetría é fonte de harmonía e riqueza no mercado, para o Estado supón unha defensa para poder realizar calquera operación e tomar a decisión que queiran sen contar co beneplácito dos votantes, os cales son ignorantes á gran maioría de actividades levadas a cabo polo goberno. Pódese apreciar con claridade este fenómeno nas declaracións de guerra. Ningún cidadán coñece a actividade gobernamental exterior anterior a que se declare unha guerra, as chamadas entre gobernantes, as reunións secretas ou as misións encubertas. O único que coñecen é a razón dada polo portavoz no momento, e que moitos concidadáns terán que servir na fronte. Un exemplo disto foi a Guerra de Irak de 2003, que empezou como unha guerra contra un Estado con armas de destrución masiva e acabou sendo unha ocupación por intereses do complexo militar-industrial.
O goberno, que é fonte mesma de asimetría destrutiva e incapaz de realizar o cálculo económico, non pode ser o que resolva os problemas derivados da asimetría, si é que existen tales problemas de fallos de mercado.
No referente a sanidade e asimetría de información contamos co exemplo da Clínica Maio de Rochester, a cal foi fundada por un médico sen título que loitou contra as tendencias dos puxantes homeópatas de finais do s. XIX e contra moitas outras calamidades e que, finalmente, resultou ser a clínica de referencia a nivel mundial, sendo ademais, polo menos na súa orixe, unha entidade que non cobraba por asistir a aqueles que non podían costearse os coidados. E todo isto fíxoo sen ningún tipo de axuda estatal na súa xénese.[vi]
É por isto que a única solución para mellorar a calidade sanitaria, así como a de calquera outra industria, é dar vía libre ao mercado, o cal buscará sempre servir ás necesidades dos individuos a través de solucións espontáneas en base á proba e erro.[vii]
[i] Kenneth Arrow, “Uncertainty and the Welfare Economics of Medical Care”, The American Economic Review, 53, 5 (Diciembre, 1963): 941-973.
[ii] Para unha explicación sobre a teoría da asimetría de información según Ackerlof ver Glenn Fox “Asymmetric Information and Market Failure: A Market Process Perspective”. Dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=yaJxggstlYA
[iii] Para un análisis mais profundo sobre o abandono do ser humano nos estudios económicos e como esto leva á perversión total da economía ver Oscar R. Carreiro e Daniel R. Carreiro, “Paradigmas y Herejías: Kühn y Belloc”, Actas del I Congreso de Economía y Libertad: la Gran recesión y sus salidas (2013): 680-697. Dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=4767237
[iv] Thomas DiLorenzo, “A Note on The Canard of Asimmetry of Information”, The Quarterly Journal of Austrian Economics, 14, 2 (Verano 2011): 249-255. Dispoñible en https://mises.org/system/tdf/qjae14_2_6.pdf?file=1&type=document
[v] D. W. Mackenzie, “Markets and the information problema”. Dispoñible en https://mises.org/library/markets-and-information-problem
[vi] Michel Accad, “The Mayo Clinic and the Free Market”. Dispoñible en https://mises.org/library/mayo-clinic-and-free-market
[vii] Para una exposición breve del problema véase, “Healthcare and the Free Market” de Peter G. Klein, dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=8lOC2itCc6g