ORIXE E EXPANSIÓN DA SANIDADE PÚBLICA (I)

– Ignacio Almará –

  Actualmente resulta case imposible concibir unha sanidade que non dependa do financiamento e o control público. A sanidade constitúe un dos puntais do Estado de benestar moderno, de tal forma que parece común pensar que se non fose ofrecida polo Estado faríase imposible recibir asistencia médica, polo menos a un prezo accesible.

  Pero a sanidade pública non acompañou ao home ao longo de toda a súa historia ¿De onde xorde a atención sanitaria pública? ¿Que había antes dos grandes complexos hospitalarios públicos? Para contestar a estas cuestións faremos un breve repaso histórico á situación de médicos e pacientes antes de que o Estado se apropiase a prestación de servizos médicos.

  Como describe Melchior Palyi na súa obra Compulsory Medical Care and Welfare State, desde a Revolución Industrial ata finais do século XIX a sanidade era totalmente privada. A forma en que se abonaban os honorarios dos galenos era a través de pagos en efectivo de forma individual ou a través de mutualidades voluntarias sen ánimo de lucro. Estas últimas estaban a cobrar gran importancia no século XIX. Por exemplo, en Alemaña había rexistrados 800.000 traballadores nestas entidades. O seu funcionamento era bastante sinxelo. Un grupo de persoas pagaba unha cota ao fondo da mutualidade e cando se producía unha situación que requiría asistencia médica a mutualidade encargábase de entregar o diñeiro polo servizo prestado. Era unha forma sinxela de repartir os riscos entre aqueles que conformaban a mutualidade. Esta tamén se podía ocupar de realizar pagos ás viúvas ou cubrir accidentes e invalidez. Desafortunadamente, estas mutualidades foron erradicadas de Alemaña en 1881 coa Lei Antisocialista de Otto von Bismarck.

  En 1883 Bismarck elabora un sistema de aseguramento obrigatorio. A pesar de que se buscaba que todos os obreiros tivesen asegurado o pago da asistencia sanitaria, as verdadeiras intencións de Bismarck eran máis políticas que humanitarias. O que pretendía era aliar á monarquía coa plebe co fin de erradicar á nobreza intermedia, no astuto e antigo movemento de eliminar ás institucións intermedias que supoñen un freo ao aumento do poder estatal.

  A pesar do aparente fracaso inicial, xa que pouco despois os socialistas gañarían poder en Alemaña de forma bastante notable, o éxito cultivado a longo prazo foi innegable. O resto de gobernantes vían con admiración a gran lealdade que os cidadáns alemáns tiñan polo seu Estado. Un dos factores co que se comprou o seu patriotismo era, xustamente, a regulación e obrigatoriedade dos seguros de saúde. Deste xeito, países como Gran Bretaña, Francia ou Rusia comezaron a implementar plans parecidos. Pouco despois do fin da I Guerra Mundial, na nova Unión Soviética, Lenin comezaría os preparativos para introducir un sistema de saúde plenamente nacionalizado, o cal, coincide case exactamente co sistema instalado en España a día de hoxe. Nesta nova versión, xa non se falaría de aseguramento obrigatorio, senón que se estendería a órbita da sanidade pública a todos os cidadáns rexistrados polo Estado, e os pagos xa non se descontarían das aseguradoras, senón que se realizarían a través dos impostos á industria e posteriormente aos traballadores.

  O plan sanitario de Alemaña cambiaría nos anos 30 do século XX. O aumento de custos na atención sumado á crise económica na que se vía mergullado o país fixo que se comezasen a propoñer medidas “deflacionistas” no ámbito sanitario. A isto sumábaselle as críticas do novo partido nacional socialista de Alemaña, liderado por Adolf Hitler, o cal se opoñía á sanidade regulada por considerar que diminuía a virilidade do pobo alemán. Ante esta situación, o chanceler Brüning tomou varias medidas como, por exemplo, establecer un pago de 50 pfennings por cada ticket de enfermidade expedido (o cal certificaba enfermidade no paciente). Esta medida por si mesma fixo que baixasen as solicitudes nun 25% en menos dun ano.

  Estas medidas foron, como era previsible, moi impopulares, e isto foi aproveitado por Hitler, quen, vendo que podía servirlle como arma política ante a opinión pública, comezou a criticar as medidas que el mesmo propiciara, converténdose nun férreo defensor da sanidade regulada. Tanto era o seu fervor pola causa da sanidade pública que, en 1939, sendo xa líder elixido do pobo alemán, incluíu no sistema aos artesáns, e a principios de 1945 incluíu aos traballadores irregulares. Hitler contribuíu así mesmo á expansión internacional da sanidade pública ao introducila por vez primeira en Holanda en 1941.

  O gran fito no desenvolvemento da sanidade pública vén de mans inglesas. En 1948, baixo o goberno do primeiro ministro Bevan, o economista inglés William Beveridge estableceu un esquema de saúde totalmente nacionalizado, tomando como referencia o modelo soviético. O organismo resultante segue existindo a día de hoxe e é coñecido como NHS (National Health System). Este sistema é o que posteriormente se implementaría en moitas outras zonas do mundo, incluída España. Podemos concluír entón que, como resultado de todos estes procesos, xurdiron esencialmente dous sistemas de sanidade pública: o Bismarck e o Beveridge, de orixe soviética.

  O Bismarck orixinal era un sistema de aseguramento obrigatorio dos traballadores, onde se descontaba mensualmente da súa nómina a cota do seguro, esta cota era entón pagada polo patrón e o empregado. Pola súa banda, o paciente podía acudir a un médico privado da súa elección, dentro do plan que tiña obrigatoriamente “contratado”. Nalgunhas ocasións, o paciente recibía pagos en efectivo como compensación. Este plan foi cambiando co tempo. Na actualidade no modelo bismarckiano existen médicos contratados polo Estado e foron variando as formas de establecer os prezos da asistencia e a forma de pagar a mesma, así como as persoas incluídas no plan.

  Pola súa banda, o modelo Beveridge resúltanos máis familiar. Neste modelo todos os cidadáns poden ser atendidos por médicos contratados polo Estado en hospitais públicos. O pago da asistencia, tanto dos servizos diagnósticos e terapéuticos, como os honorarios dos médicos, realízase a través do diñeiro recadado de forma coercitiva polo Estado, é dicir, con impostos. É necesario insistir en que neste modelo os médicos son funcionarios e a atención vén deseñada plenamente polo goberno, sendo o servizo público de saúde unha enmarañada rede burocrática que ten como obxectivo executar as ordes gobernamentais.

  En ningún dos dous sistemas ten por que haber relación entre os servizos demandados polo paciente e os dispoñibles no sistema.

  En España, a plena asimilación do modelo Beveridge prodúcese en 1986 coa Lei Xeral de Sanidade. A sanidade finánciase con impostos que se reparten posteriormente entre as comunidades, que son as que teñen as competencias, e son as que se encargan en última instancia de repartir os fondos entre os centros e actividades. Ata entón existía o Seguro Obrigatorio de Enfermidade, que se fixo efectivo baixo o réxime de Franco e que pretendía dar cobertura a aqueles traballadores de rendas máis baixas. Os fondos usados na cobertura eran os do Instituto Nacional de Previsión.

  Este é grosso modo o desenvolvemento dos sistemas públicos de saúde modernos, onde vemos dous patróns predominantes, o de aseguramento forzoso e o de sanidade totalmente socializada. Na actualidade e segundo a ONU, a tendencia é que as diferenzas entre ambos os sistemas comecen a difuminarse. As consecuencias da implantación dun e outro plan serán analizados en artigos posteriores a fin de descubrir como de prexudiciais ou beneficiosos foron estes sistemas para nós, os usuarios.