//AS LIMITACIÓNS DO CONCEPTO DO PIB – Óscar Rodríguez Carreiro

AS LIMITACIÓNS DO CONCEPTO DO PIB

 

    –  Óscar Rodríguez Carreiro –  

 

 

  Nun proceso de produción concreto, cunha tecnoloxía dada, podemos determinar a cantidade de factores de produción necesarios para a fabricación dunha unidade de produto. É o que se coñece como a función de produción, que establece a relación entre as cantidades de factores de produción e o resultado final. Nas análises macroeconómicas, a economía dun país concíbese como un único proceso de produción. Un dos obxectivos da macroeconomía é medir a suma total da produción dun país. Para iso, a economía defínese como unha función de produción na que existe unha relación entre os factores de produción (capital e traballo) e o produto total da economía. A produción total dun país mídese a través do Produto Interno Bruto (PIB), que representa o valor da produción final de bens e servizos nun período. Existen tres formas de medir o PIB: 1) polo lado do gasto, que se refire ao gasto en bens e servizos dos diferentes axentes económicos: empresas, fogares, goberno e estranxeiros; 2) directamente como o produto total, é dicir, o valor da produción final da economía; 3) para rematar, polo lado dos ingresos. Sexa cal for o medio utilizado, alcánzase a medición do PIB nominal. Chámaselle así porque valora a produción ao prezo actual dos bens e servizos. É dicir, o PIB nominal consiste na suma das cantidades producidas multiplicada polos prezos actuais. Si os prezos de mercado permanecesen constantes ao longo do tempo, o PIB nominal permitiría realizar comparacións do PIB ao longo do tempo e entre distintos países. O problema é que os prezos cambian, polo que o PIB nominal pode aumentar non porque haxa máis bens e servizos senón porque estes son máis caros. Para remediar isto, utilízanse os prezos dun ano base para intentar illar o efecto cantidade do efecto prezo, para o que se utilizan distintos índices de prezos.

  Desde a perspectiva da escola austríaca de economía pódense realizar varias críticas relacionadas co uso de estatísticas macroeconómicas como o PIB. A primeira destas críticas ten que ver coa crenza de que o PIB está medindo a capacidade produtiva da economía, e co método de agregación dos prezos dos bens e servizos finais para alcanzar unha única cifra, considerando o diñeiro como a unidade de medida do valor dos bens. Esta crenza e este método veñen derivados da imitación das ciencias naturais por parte da maioría dos economistas, como se pode observar, por exemplo, no lema da Sociedade Econométrica: “a Ciencia é medición”. O problema coa aplicación desta idea á economía, é que o propio concepto de medición supón a necesidade dunha unidade extensiva obxectiva que sirva como medida, pero as magnitudes da conciencia son necesariamente intensivas e, xa que logo, non poden ser medidas.[i] Como explica Mises

Un proceso de medición consiste no establecemento da relación numérica dun obxecto en relación con outro obxecto, isto é, a unidade de medida […] A asunción subxacente á medición é a inmutabilidade da unidade.[ii]

  Dado que a actividade económica depende da valoración subxectiva que realizan os individuos e dado que dita valoración establece escalas de valor que teñen exclusivamente un carácter ordinal, non se pode establecer constante algunha no proceso de valoración. Como di Antony P. Mueller

Cada ben e servizo ten un valor diferente para cada usuario, e non hai dispoñible un estándar común de valor […] As valoracións non son unicamente heteroxéneas entre persoas, senón que tamén difiren para a mesma persoa dacordo coas circunstancias específicas.[iii]

  O valor económico é puramente subxectivo. Non existe unha “unidade de valor” que corresponda a unha medida obxectiva.[iv] O diñeiro, e os prezos monetarios que se establecen co uso de diñeiro, non están medindo o valor dos bens e servizos; como di Mises, “os prezos non están medidos en diñeiro, consisten en diñeiro”.[v] É o feito de que o diñeiro póidase intercambiar por calquera mercancía, é dicir, o feito de que sexa o medio xeneral de intercambio, o que permite establecer ratios de intercambio de todas as mercancías en unidades monetarias.[vi] O diñeiro apareceu historicamente, de xeito espontáneo e descentralizado, como un medio para facilitar as transaccións económicas. Imaxinemos unha sociedade na que non existe o diñeiro e os intercambios realízanse por medio de troques. Si unha persoa desta sociedade, que posúe unha mercancía concreta, digamos patacas, quere intercambiala por unha mercancía concreta, digamos zapatos, ten que atopar a unha persoa que posúa zapatos e que queira intercambialos por patacas. É dicir, tense que producir unha dobre coincidencia de intereses. En cambio, si está disposto a intercambiar as patacas por outra mercancía que non desexe directamente, pero que teña unha demanda xeral e que sexa facilmente vendible, a posesión de devandita mercancía facilitaralle a procura de persoas que teñan o produto que desexa directamente, sen ter que atopar a unha que, especificamente, queira patacas. Así foi como apareceu o diñeiro, como unha mercancía valorada amplamente e que se converteu no medio xeneral aceptado de intercambio. Entre as primeiras mercancías que se utilizaron como diñeiro podemos mencionar o gando, o sal ou os metais preciosos.[vii]

  A existencia do diñeiro permite establecer ratios de intercambio de tódalas mercancías en relación con este medio xeneral de intercambio. Con todo

Os ratios de intercambio cos que temos que tratar están flutuando permanentemente. Non hai nada constante e invariable neles. Desafían calquera intento de medición. Non son feitos no sentido en que un físico chama feito ao establecemento do peso dunha cantidade de cobre. Son acontecementos históricos, que expresan o que unha vez ocorreu nun instante concreto e baixo circunstancias concretas.[viii]

  Por iso, o diñeiro non é unha medida do valor dos bens. Si un paga una certa cantidade de diñeiro por un coche, non está medindo o valor do coche, o que está demostrando é que prefire o coche a esa cantidade de diñeiro. A persoa que vende o coche realiza a valoración oposta. Sen esta diferenza en preferencias non tería lugar o intercambio. Si o diñeiro medise o valor, tanto a persoa que compra o coche como a que o vende chegarían á mesma “medida” do valor do coche e resultaría imposible explicar por que ten lugar o intercambio.[ix]

  A procura dun poder adquisitivo constante do diñeiro, por medio da utilización dos índices de prezos cos que se constrúe o PIB real, é completamente anticientífica. O que os economistas queren é unha situación na que un dólar agora permita comprar a mesma “cesta de bens” dentro de seis meses ou un ano. Pero, aínda que nun momento determinado se poida comparar un prezo con outro, ¿que ocorre cando se pretende comparar os prezos dos bens agora cos prezos dos bens dentro de seis meses ou un ano? O máis probable é que os bens dispoñibles entón non sexan exactamente os mesmos que agora. Ademais, debido aos cambios na oferta e a demanda para algúns destes bens, os prezos relativos dos bens de ambas listas poden diferir. Os economistas queren que a “vara de medir” do diñeiro permaneza constante ao longo do tempo, pero iso é imposible, porque a “cesta de bens” e os prezos relativos da cesta cambian constantemente.[x]

  Así pois, os prezos non se poden utilizar como vara de medida do valor dos bens e servizos finais, e resulta incorrecto, por iso, agregar os prezos como medio para construír a cifra única do PIB.

  Un problema derivado desta metodoloxía consiste en que dita estatística dá a impresión de que o que produce bens e servizos non son as actividades dos individuos, senón algo exterior a estas actividades chamado “a economía”. En realidade, como di Frank Shostak, esta “economía” nunca ten unha vida propia independente dos individuos: “a así chamada economía é unha metáfora – non existe”.[xi] Pero ao agregar os prezos dos bens e servizos finais, as axencias estatísticas dos gobernos concretan a ficción da economía por medio da estatística do PIB, o que lles permite falar desta entidade coma se fose un obxecto real sobre o que os gobernos poden intervir con éxito. Como explica Mises

O enfoque macroeconómico fíxase nun segmento arbitrariamente seleccionado da economía de mercado (como norma: nunha nación) coma se fose unha unidade integrada. Todo o que ocorre neste segmento son accións de individuos e de grupos de individuos que actúan de xeito concertado. Pero a macroeconomía procede coma se todas estas accións individuais fosen de feito o resultado da operación mutua dunha magnitude macroeconómica sobre outra tal magnitude.[xii]

  Outro problema do PIB é que non serve para medir a produción. De feito, o que conta para a elaboración do PIB son os gastos levados a cabo, independentemente da contribución económica que estes realicen. O que isto supón podémolo observar no exemplo que propón Christopher P. Casey: a construción dun gran barco realizada cun elevado gasto contribuirá en igual medida ao PIB, independentemente de que o barco faga cruceiros sen pasaxeiros, pesque sen obter capturas ou comercie sen transportar carga. De feito, contribuiría ao PIB aínda que permanecese varado na praia.[xiii]

  Ademais, como di Frank Shostak

Esta estatística está construída de acordo coa visión de que o que move unha economía non é a produción de riqueza senón o seu consumo. O que importa aquí é a demanda de bens e servizos finais […] Debido a que a oferta de bens dáse por suposta, este marco conceptual ignora completamente o asunto das varias etapas de produción que preceden á aparición do ben final.[xiv]

  No mundo real non é suficiente con que exista demanda de bens, senón que deben existir os medios necesarios para satisfacer as demandas da xente. Os medios, varios bens intermedios que se requiren para a produción dos bens finais, non se atopan inmediatamente dispoñibles, deben ser producidos. Así, para fabricar un coche, fai falta carbón que será utilizado na produción de aceiro, que, á súa vez, será empregado na fabricación dun conxunto de ferramentas. Estas serán utilizadas para fabricar maquinaria e outras ferramentas e así ata que se alcance a fase final da produción dun coche. A interacción harmoniosa das distintas etapas de produción ten como resultado o produto final. Con todo, no cálculo do PIB elimínanse os bens intermedios para evitar a dobre contabilidade. Este procedemento supón a exclusión dun volume masivo de actividade económica e a sobreestimación do compoñente do consumo en relación co investimento. En 2014, o Departamento de Comercio dos Estados Unidos empezou a publicar a medida do Output Bruto, estatística que resulta máis apropiada para estimar a produción total. Esta medida incorpora as transaccións intermedias e mostra que a frecuentemente citada estatística, derivada do PIB, de que o sector do consumo dá conta do 70% do total da actividade económica, redúcese, en realidade, a algo máis do 30%[xv]

 Outro problema importante do PIB é que inclúe os gastos gobernamentais. Pero o gasto, como recorda Rothbard, só serve para valorar a produción cando nos referimos á economía privada, xa que devandito gasto ten lugar de xeito voluntario debido a que se valoran os servizos prestados.

Co goberno, a situación é completamente diferente […] o seu gasto non ten relación necesaria cos servizos que puidese prover ao sector privado. De feito, non hai xeito de valorar estes servizos.

  A ausencia da acción voluntaria elimina a función dos prezos e, sen verdadeiros prezos de mercado, é imposible establecer os beneficios. Como di Joseph T. Salerno

En ausencia de produción e intercambio voluntarios, non hai forma de establecer o valor dos bens e servizos.[xvi]

  Para que a estatística do PIB fóra algo máis precisa, deberíase eliminar dela todo gasto gobernamental.

O gasto gobernamental non se debería sumar á produción privada senón que se debería restar dela para obter unha idea do estándar de vida das persoas privadas involucradas na actividade económica produtiva.[xvii]

  Un exemplo do absurdo ao que pode levar o marco conceptual do PIB, ao agregar o gasto gobernamental á produción, é a idea xeralmente aceptada de que a economía americana creceu durante o transcurso da Segunda Guerra Mundial, crecemento truncado unha vez finalizou a guerra. Semellante idea supón a afirmación de que o gasto do goberno na construción de armamento, na destrución de cidades e na matanza de xente, resultou beneficioso para o conxunto dos americanos, mentres que reducir o gasto militar e deixar que os cidadáns levasen vidas pacíficas nas que realizasen traballos que contribuían á produción para a satisfacción das necesidades da xente, ao parecer foi prexudicial para o conxunto dos americanos.

[i] Murray N. Rothbard, “Toward a Reconstruction of Utility and Welfare Economics”, pp. 224-262 en Mary Sennholz, ed., On Freedom and Free Enterprise (Toronto: D. Van Nostrand, 1956), p. 241.

[ii] Ludwig von Mises, Human Action. The Scholar’s Edition (Auburn: Mises Institute, 1998), p. 210.

[iii] Antony P. Mueller, “What’s Wrong With Economic Growth?” (10-08-2005 [recuperado el 10-06-2015]) disponible en https://mises.org/library/whats-wrong-economic-growth

[iv] David Gordon, “Steve Forbes Misunderstands Money” (27-08-2014 [recuperado el 10-06-2015]), disponible en https://mises.org/blog/steve-forbes-misunderstands-money

[v] Mises, Human Action, p. 218.

[vi] Ludwig von Mises, The Theory of Money and Credit (New Haven: Yale University Press, 1953), p. 48.

[vii] Ver Carl Menger, On the Origins of Money (Auburn: Mises Institute, 2009). Ademáis da amplia demanda, outras características contribuían a que certas mercadorías se convirtiran no medio xeral de intercambio, por exemplo, que foran fácilmente divisibles, fáciles de trasladar, duradeiras, etc.

[viii] Mises, Human Action, p. 211.

[ix] Ver David Gordon, “Book Review. Money: How the Destruction of the Dollar Threatens the Global Economy- and What We Can Do About It”, Quarterly Journal of Austrian Economics, 17, 4 (invierno, 2014): 532-533.

[x] Ver David Gordon, “On Money: Measure for Measure” (05-11-2014 [recuperado el 10-06-2015]), disponible en https://mises.org/blog/money-measure-measure

[xi] “The so-called economy is a metaphor- it doesn’t exist”. Frank Shostak, “What is up with the GDP?” (23-08-2001 [recuperado el 03-04-2015]), disponible en https://mises.org/library/what-gdp

[xii] Ludwig von Mises, The Ultimate Foundation of Economic Science, An Essay on Method (Princeton: D. Van Nostrand Company, 1962), p. 83.

[xiii] Christopher P. Casey, “How GDP Distorts Our View of the Economy” (15-05-2015 [recuperado el 10-06-2015]), disponible en https://mises.org/library/how-gdp-metrics-distort-our-view-economy

[xiv] Shostak, “What Is Up With the GDP?”

[xv] Casey, “How GDP Distorts Our View of the Economy”.

[xvi] Joseph T. Salerno, “How Reducing GDP Increases Economic Growth” (02-01-2015 [recuperado el 10-06-2015]), disponible en https://mises.org/library/how-reducing-gdp-increases-economic-growth

[xvii] Salerno, “How Reducing GDP Increases Economic Growth”.

 

2017-10-16T21:43:34+02:00

Leave A Comment