A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL E A TEORÍA AUSTRIACA DA ESTRUCTURA DE CAPITAL. CUARTA PARTE.

 

 

    – Óscar Rodríguez Carreiro –   

 

  Nos primeiros tres artigos desta serie comprobamos como a teoría austriaca da estrutura de capital permítenos explicar satisfactoriamente o proceso económico coñecido co nome de Revolución Industrial. Así, comprobamos que, tal e como explica a teoría, o proceso de crecemento económico inglés debeuse ao alargamento da estrutura de produción permitido pola baixada da preferencia temporal e do aumento consiguiente do aforro, e que os empresarios tiveron un papel fundamental ao organizar a produción seguindo as directrices dos consumidores. O último elemento que estudaremos é o do papel do Estado na Revolución Industrial.

  A opinión amplamente maioritaria é que a Revolución Industrial non foi o resultado dunha planificación estatal manifestada nunha política industrial premeditada, senón que foi un proceso espontáneo, suxeito ás forzas do libre mercado e non dirixido polo Estado. Así, tal e como di Phyllis Deane

 

A revolución industrial británica foi unha revolución industrial espontánea, non unha industrialización forzada como foron algunhas das súas sucesoras. O seu desenvolvemento dependeu da resposta sen trabas da empresa privada á oportunidade económica.[i]

 

  E segundo R. M. Hartwell

 

O “paradoxo” de Inglaterra segue producindo gran perplexidade aos partidarios da intervención. A primeira Revolución Industrial foi case enteiramente un fenómeno de mercado.[ii]

 

E en opinión de Carlos Sabino

 

O proceso que seguiron os primeiros países que se industrializaron caracterizouse por ser espontáneo, non dirixido polo Estado.[iii]

 

  Ningún dos elementos que analizamos ata agora (o aumento do aforro, o alargamento da estrutura de produción, a adopción de novos procesos produtivos, etc.) foi resultado da promoción estatal, directa ou indirecta. Por exemplo, o desenvolvemento tecnolóxico que se viviu nesta época en Inglaterra foi froito tamén das forzas do mercado. Segundo Samuel Lilley

 

A demanda do mercado […] foi a causa principal das innovacións tecnolóxicas do século XVIII e principios do XIX.[iv]

 

  E David Landes, di, en relación a mellora dos transportes en Inglaterra

 

Outros países europeos estaban intentando facer o mesmo, pero en ningún sitio foron estas melloras tan amplas e efectivas como en Gran Bretaña. Por unha simple razón: en ningún outro sitio eran os camiños e canles tipicamente o traballo da empresa privada, xa que logo respondendo ás necesidades (máis que ao prestixio ou ás preocupacións militares) e beneficioso para os usuarios.[v]

 

  Os resultados da actividade estatal en relación co xurdimento da Revolución Industrial pódense reducir a dous efectos: 1) non resultou prexudicial en todas aquelas medidas económicas nas que o Estado se mostrase incompetente á hora de obrigar á súa aplicación e cumprimento, ou en canto refusou explicitamente intervir nas actividades económicas; 2) resultou prexudicial cando ocorreu o contrario. Nestes casos atrasou, impediu, ou fixo retroceder a acumulación de capital.

  No primeiro caso, podemos mencionar o fracaso das políticas mercantilistas á hora de controlar a vida económica en Inglaterra. Así, ao longo do século XVII fóronse oxidando e quedando sen efecto as regulacións de salarios, emprego, adestramento técnico, localización industrial, prezos e comercio, establecidas polos Tudor e os Estuardo. Segundo Ashton, durante esa época crebouse a dirección central da economía.

 

Durante máis de cen anos antes da Revolución Industrial o Estado estaba en retirada do campo económico.[vi]

 

  Ademais da incompetencia estatal á hora de impoñer as medidas mercantilistas, tamén hai que destacar o triunfo do liberalismo na sociedade inglesa nos séculos XVIII e XIX. Segundo Eli Heckscher, grazas ás ideas do liberalismo, especialmente a idea de que toda intervención estatal é prexudicial e a idea de que o individuo e non o Estado é o centro da vida económica, procedeuse á obra de limpeza da lexislación mercantilista. O principio de non intervención conduciu á negación da inxerencia do Estado, o individualismo privou de base á filosofía da razón de Estado.[vii] Aínda había elementos, como a Compañía das Indias Orientais ou a Compañía Cutlers de Hallamshire, que debían a súa existencia aos poderes garantidos pola Coroa, e os campos do comercio exterior, a navegación e as relacións económicas imperiais estaban suxeitos á interferencia estatal, pero notouse moito a influencia de escritores e publicistas como Adam Smith á hora de limitar a intervención estatal.[viii] Cara a 1799, segundo Paul Mantoux

 

A política intervencionista se desacreditaba cada vez máis: o laissez-faire reinaba xa na maioría das industrias; a autoridade das corporacións de artesáns apenas si existía xa, e o Estado refusaba exercer a súa.[ix]

 

  No segundo caso, o dos efectos negativos da intervención estatal, os efectos máis perniciosos tiveron relación cos episodios bélicos. Por exemplo, Ashton sinala os efectos da Guerra dos Sete Anos e da Guerra de Independencia americana

 

A guerra de 1756-63 resultou nun aumento dos prezos e o interese, unha caída dos salarios reais, e unha sobre-estimulación da construción naval e a manufactura do ferro […] Os oito anos que seguiron ao estalido da guerra cos americanos produciron unha seria caída tanto das importacións como das exportacións […] Tamén estiveron marcados por un alza no tipo de interese, e por un descenso do investimento interno.[x]

 

  En canto ás guerras con Francia entre 1793 e 1815, Ashton afirma que

 

 Durante a guerra, o gran gasto gobernamental dunha natureza improdutiva produciu un alto nivel de emprego pero un baixo estándar de confort.[xi]

 

  En relación cos efectos económicos das guerras con Francia, Ashton distingue tres períodos: o da guerra, o período de posguerra e reaxuste e o período de expansión económica. Durante a guerra o inxente gasto público improdutivo reduciu o benestar da poboación; a dificultade de importar alimentos provocou o desenvolvemento de cultivos marxinais e aumentaron os ingresos dos agricultores e dos propietarios de parcelas; a escaseza de materiais de obra así como as elevadas taxas de interese e os impostos sobre a propiedade frearon a construción de vivendas. Nesta época, o capital foi desviado de usos privados a usos públicos e algúns dos desenvolvementos da Revolución Industrial freáronse de novo. O gasto en soldados, municións e uniformes estimulou a construción naval, a manufactura de ferro, cobre e produtos químicos e a algunhas ramas téxtiles, pero a cambio de danar ás industrias do algodón, de ferramentas, de cerámica, etc.[xii] No período de reaxuste os tipos de interese e o aluguer das casas mantivéronse. Ao mesmo tempo producíronse crebas bancarias, contraeuse o gasto público e houbo unha reticencia xeneralizada a investir a longo prazo. No terceiro período recuperouse a senda do progreso económico: a volta ao patrón ouro, a reforma do sistema fiscal, a redución da débeda nacional, o descenso do tipo de interese, o descenso dos alugueres, caída dos prezos froito da redución de custos, etc.[xiii]

  Ademais das guerras, tamén hai que destacar os efectos económicos negativos provocados pola realización de obras públicas estatais, como as que se emprenderon na época dos anos 1780.[xiv]

[i] “The British industrial revolution was a spontaneous industrial revolution, not a forced industrialization as some of its successors have been. Its development depended on the unfettered response of private enterprise to economic opportunity”. Phillys Deane, The First Industrial Revolution (Cambridge: Cambridge University Press, 1979), p. 98.

[ii] R. M. Hartwell, “La revolución de los servicios: el crecimiento del sector servicios en la economía moderna”, pp. 371-409 en Historia económica de Europa. La Revolución Industrial, ed. Carlo M. Cipolla (Barcelona: Ariel, 1983), p. 390.

[iii] Carlos Sabino, Diccionario de economía y finanzas (Caracas: Panapo, 1991), p. 186.

[iv] Samuel Lilley, “El progreso tecnológico y la Revolución Industrial, 1700-1914”, pp. 195-264 en Historia económica de Europa. La Revolución Industrial, ed. Carlo M. Cipolla (Barcelona: Ariel, 1983), p. 224.

[v] “Other European countries were trying to do the same, but nowhere were these improvements so widespread and effective as in Britain. For a simple reason: nowhere else were roads and canals typically the work of private enterprise, hence responsive to need (rather than to prestige and military concerns) and profitable to users.” David Landes, The Wealth and Poverty of Nations. Why Some are so Rich and Some so Poor (Nueva York y Londres: W. W. Norton & Co., 1998), p. 215.

[vi] “For more than a hundred years before the Industrial Revolution the State was in retreat from the economic field”. T. S. Ashton, The Industrial Revolution, 1760-1830 (Londres: Oxford University Press, 1948), p. 138.

[vii] Eli Heckscher, La época mercantilista, pp. 453-454.

[viii] Ashton, The Industrial Revolution, p. 139.

[ix] Paul Mantoux, La revolución industrial en el siglo XVIII (Madrid: Aguilar, 1962), p. 443.

[x] “The war of 1756-63 resulted in a rise of prices and interest, a fall of real wages, and an over-stimulation of shipbuilding and the manufacture of iron […] The eight years that follow the outbreak of war with the Americans brought a serious fall of both imports and exports […] They were marked also by a rise in the rate of interest, and by a decrease of investment at home”. Ashton, The Industrial Revolution, p. 148.

[xi] “During the war heavy government expenditure of an unproductive nature produced a high level of employment but a low standard of comfort”. T. S. Ashton, “The Standard of Life of the Workers in England, 1790-1830”, en Capitalism and Historians, ed. F. A. Hayek (Chicago: The University of Chicago Press, 1954), p. 129.

[xii] Ashton, The Industrial Revolution, p. 150.

[xiii] Ashton, “The Standard of Life of the Workers in England”, pp.129-132.

[xiv] Ashton, The Industrial Revolution, p. 148.