VINCENT VEGA, MINISTRO DE SANIDADE

 – Ignacio Almará –   

  Nunha das moitas escenas representativas de Pulp Fiction, a famosa película de Quentin Tarantino, dous sicarios chamados Vincent Vega e Jules Winnfield, interpretados por John Travolta e Samuel L. Jackson, acoden a un piso para recuperar un maletín, propiedade do seu xefe mafioso, que foi roubado por tres mozos. Cando Vincent abre o maletín para comprobar o seu contido, un brillo dourado ilumina o seu atónito rostro. Jules pregúntalle si todo está correcto e Vincent respóndelle que sí. O espectador nunca chega a saber que é o que contén o maletín. Neste sentido e como explicaremos a continuación, Vincent Vega actúa como un ministro de sanidade.

  A sanidade pública conforma un dos puntais máis sólidos do Estado de Benestar. Bástanos con botar unha rápida ollada a calquera programa político, sexa do partido que sexa, para ver que, o raro, é non facer unha defensa sen concesións dunha sanidade pública, universal e gratuita. É, ademais, unha reclamación recurrente por parte dos cidadáns, os cales somos, en moitas ocasións, incapaces de concibir unha sanidade que non estea plenamente controlada e outorgada polo Estado.

  Resulta moi evidente que a sanidade, tal e como a concibimos hoxe en día, está impregnada de estatismo. Pero si analizamos con coidado o propio concepto poderemos ver que este fenómeno de impregnación estatista non debería sorprendernos.

  Primeiro de nada, deberiamos preguntarnos: ¿que é a sanidade? Como explica Peter Klein non podemos dicir que sexa un grupo de bens homoxéneos nin un ben ou servizo concreto.[i] É impensable ir a un hospital e pedir unha unidade e media de sanidade. Cando falamos de sanidade adoitámonos referir a un conxunto moi amplo e heteroxéneo de diversos bens e servizos que van desde unha operación de extracción de ganglios metastásicos ata a administración dun paracetamol para a dor de cabeza. Un paseo de 3 quilómetros co fin de facer exercicio aeróbico tamén mellora nosa saúde, e o vaso de auga con limón e mel que unha nai prepara ao seu fillo para a dor de garganta tamén ten un fin terapéutico e podería ser perfectamente catalogado dentro do que chamamos sanidade.

  En realidade, sanidade non se refire a nada, por estraño que nos pareza. Non podemos identificar cousas concretas que sexan “sanidade”. Podemos dicir que pagamos por un servizo de podoloxía, ou que compramos unha cadeira ergonómica co fin de evitar a dor de costas, pero resultaría absurdo dicir que compramos sanidade.

  “Sanidade” ou “asistencia sanitaria” son termos usados a miúdo en política. Todos os partidos ofrécenos, todo o mundo reclámaos. Pero son termos ambiguos que non designan nada en concreto, e é por iso que se converten en instrumentos políticos moi útiles para o Estado. A súa utilidade reside xustamente na ambigüedade dos termos, xa que, ao carecer de contido concreto, poden definirse ad hoc con fins políticos: sanidade é o que o goberno decida que é sanidade. Só os políticos saben que é o que se esconde detrás do veo de misterio que envolve á asistencia sanitaria. Isto fai que os cidadáns só poidan limitarse a recibir os coidados sanitarios designados polos gobernantes, os cales substituíron as valoracións persoais da maioría dos individuos polas súas propias.

  Facendo unha analoxía, a sanidade sería como o contido brillante do maletín de Pulp Fiction. Únicamente un número reducido de persoas, como Vincent Vega ou Jules, chegan a saber que hai no seu interior mentres que o resto só podemos imaxinalo.

  Esta situación supón unha agresión á liberdade das persoas, á cal non só se lle extraen recursos para financiar os servizos sanitarios, senón que, ademais, a prestación destes servizos decídese de forma completamente política, segundo a definición de sanidade do momento e sen contar para nada cos desexos do contribuínte.

  Reclamar sanidade pública é basicamente reclamar ser escravos do goberno, abrindo a veda a que os políticos decidan por nós o que debemos recibir ou deixar de recibir, ademais de negar calquera posibilidade de atopar alternativas xeradas espontáneamente no libre mercado.

  Si non deixamos de considerar que este termo ambiguo e carente de contido é realmente importante, seguiremos cometendo o erro de dar armas ao Estado coas que poida reducir a nosa liberdade. Resulta evidente que o entramado político e burocrático relacionado coa saúde está traendo resultados non desexados e que está mermando a nosa capacidade de decisión, pero o feito de demandar solucións en forma de reforma sanitaria ou mellor sanidade en xeral supón dar vía libre de novo ás decisións arbitrarias de políticos que non necesariamente velan polos nosos intereses, senón que máis ben parecen velar polos seus propios.

  As solucións de problemas concretos relacionados coa saúde debe suscitarse como solucións concretas, doutra forma non tería sentido. De feito, sería absurdo que alguén pensara en crear unha empresa para solucionar a sanidade ou para vender sanidade. Pero sí que é posible, por exemplo, abrir unha clínica pediátrica co fin de ofrecer servizos nese ámbito médico. Desa forma teremos os servizos que realmente desexamos, pagados de forma voluntaria e á medida das nosas valoracións e desexos.

  O término sanidade, tal e como se emprega usualmente, contribúe á imposición do que o psiquiatra Thomas Szasz denominaba o Estado Terapéutico: un Estado supostamente bo e paternal que coida tanto de nós que nos arrebata a liberdade de tomar decisións nun dos aspectos máis importantes da nosa vida, a saúde.[ii]

[i] Así o expón no video titulado “Healthcare and the Free Market”, dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=8lOC2itCc6g

[ii] Para o concepto de Estado Terapéutico ver, por exemplo, Thomas Sasz, El segundo pecado. Reflexiones de un iconoclasta (Barcelona: Alcor, 1992).