UNHA HOMENAXE INVOLUNTARIA Ó DESPOTISMO

-Daniel Rodríguez Carreiro-   

  No mes de abril coñecíase a noticia de que o Goberno austriaco preparábase para expropiar a casa onde naceu Adolf Hitler co obxectivo de evitar que se converta nun centro de peregrinación de simpatizantes do nazismo. A súa actual propietaria negouse ata o momento para vender o edificio por considerar insuficientes as ofertas recibidas. Por iso o Parlamento tramitou unha lei especial para levar a cabo a expropiación e evitar que a casa caia en malas mans.

  Neste caso un non pode máis que estar de acordo cos obxectivos perseguidos, pois non hai dúbida algunha de que a loita contra calquera ideoloxía que promove a violencia é algo admirable e positivo. O problema non está neses obxectivos senón nos medios adoptados para alcanzalos. Sobre todo se temos en conta que, a través deses medios e de forma paradoxal, o Goberno austriaco está a realizar unha homenaxe involuntaria a algúns dos principios económicos e xurídicos máis importantes do nacional-socialismo.

  Podemos resumir a cuestión da seguinte forma: 1º. O Goberno austriaco toma unha decisión que sitúa o ben común (evitar a propagación do nazismo) por encima dos intereses individuais (os da propietaria do edificio). 2º Iso implica o control de determinados recursos económicos (a casa) cuxo uso se destinará a aquelas accións que o Goberno considere máis convenientes. 3º Para poder facer isto tramítase unha lei que ofreza cobertura legal á decisión adoptada.

  Eses tres elementos destacados foron compartidos pola filosofía xurídica e económica do nacional-socialismo. En primeiro lugar o fascismo alemán era un inimigo declarado do individualismo e consideraba que o ben común debía ter preferencia sobre o ben particular de cidadáns individuais. Un dos pais intelectuais do fascismo alemán foi Paul Lensch, quen declarou no seu libro Three Years of World Revolution que o socialismo debía presentar unha oposición consciente e determinada ao individualismo. A filosofía do fascismo alemán expresábase no slogan “o ben común é máis importante que o ben privado”. O propio Hitler manifestou publicamente que “o individuo non pode ser o centro dos coidados da lei, senón o pobo”.

  En segundo lugar, e como consecuencia do anterior, esta forma de totalitarismo estableceu un sistema económico coñecido como corporativismo fascista: unha economía dirixida polo goberno, con participación obrigatoria entre empresas, goberno e sindicatos, e organizado a través dun sistema rexional de “cámaras económicas”. Neste sistema os obxectivos aos que se debían destinar os recursos económicos eran decididos e supervisados polo Goberno.

  En terceiro lugar a concepción do dereito estaba directamente influída pola teoría do decisionismo legal de Carl Schmitt. Como doutrina legal, o decisionismo sostén que en última instancia a realización do dereito depende dunha decisión política baleira de contido normativo. Isto non implica a ausencia de valores e normas na vida política senón a convicción de que estes non poden ser seleccionados por medio dun proceso de deliberación racional entre visións alternativas do mundo senón que deben ser escollidos e interpretados por quen ten o poder político. É dicir que as normas xurídicas pódense modificar en calquera momento e non teñen outra fundamentación máis que a vontade do poder político.

  Por suposto na decisión adoptada polo Goberno austriaco, non se segue esta filosofía tan crúa de Schmitt senón a versión máis cientificista de Hans Kelsen. Segundo este xurista:

  Unha norma xurídica non vale por ter un contido determinado […] senón por ser producida de determinada maneira, e, en última instancia, por ser producida da maneira determinada por unha norma fundante básica presuposta […] Por iso é polo que calquera contido pode ser dereito. Non hai comportamento humano que, en canto tal, estea excluído de ser o contido dunha norma xurídica.[i]

  Por tanto e, por moi nobre que podamos considerar o obxectivo perseguido, os medios que emprega o Goberno austriaco, ao crear unha lei ad hoc para expropiar a un individuo co obxectivo de perseguir un ben maior, son perfectamente compatibles coas ideas do totalitarismo alemán. Ao situar ao Estado como o intérprete último do que se considera o ben común e ao crer que pode modificar ao seu antollo as normas e dispoñer como considere conveniente das propiedades dos cidadáns está a recoñecerse a situación de submisión e dependencia destes ante as decisións adoptadas pola autoridade política.

  Hai tempo considerábase á propiedade privada como un dereito absoluto que non podía ser modificado, vulnerado ou suprimido polos poderes públicos. Esta consideración sacra da propiedade era unha das principais armas que a xente corrente tiña contra os abusos e o despotismo daqueles que ostentaban o poder. Dise que Federico II o Grande, rei de Prusia, quixo comprar a propiedade dun muiñeiro que se atopaba próxima ao seu palacio. Ante as súas reiteradas negativas o rei ameazou con emitir un decreto para expropiar os seus terreos. Pero o muiñeiro demandou ao rei ante os tribunais e foille outorgada a razón, conseguindo, desta maneira, evitar a ameaza de expropiación.

  Se o Goberno austriaco quere de verdade evitar as homenaxes a déspotas e tiranos como Adolf Hitler faría moito mellor en seguir o exemplo do muiñeiro e considerar a defensa da propiedade privada como un elemento esencial para o mantemento da liberdade e a xustiza.

[i] Hans Kelsen, Pure Theory of Law (Clark: The Lawbook Exchange, 2005) p. 198.