//O MERCANTILISMO E A POLÍTICA INDUSTRIAL – Óscar Rodríguez Carreiro

O MERCANTILISMO E A POLÍTICA INDUSTRIAL

 

    – Óscar Rodríguez Carreiro –  

 

 

  Na actualidade, a política industrial é unha das ferramentas de intervención estatal na economía máis en boga. Aínda que as experiencias pasadas suxeriran, acertadamente, que os gobernos non debían inmiscirse na promoción, planificación e regulación da industria, desafortunadamente, unha nova oleada de achegas teóricas e prácticas políticas volveu a situar á política industrial na axenda dos gobernos. Así, como sinalan Bailey, Lenihan e Arauzo-Carod

Tras anos de desprestixio oficial, a política industrial (PI) está de novo de moda a nivel rexional, nacional e da UE impulsada polas preocupacións sobre competitividade, globalización, desindustrialización, desemprego e o comparativamente lento crecemento da economía da UE, especialmente nesta fase post recesión. Ao mesmo tempo, a PI foi un catalizador para o deseño de estratexias de recuperación económica a nivel rexional, nacional e da UE […].[i]

  Nesta nova oleada de política industrial adóitase afirmar que as intervencións dos gobernos non teñen un carácter anti-mercado, senón que serven para eliminar fallos de mercado e facilitar o seu funcionamento. Con todo, e como veremos a continuación, o carácter estatista e contrario ao libre mercado da política industrial revélase na xenealoxía da súa orixe.

  En opinión de Julien Mendoza e Stéphane Rouhier, a aparición da política industrial pódese situar na época do mercantilismo; é dicir, a primeira manifestación sistemática de política industrial tería lugar na Europa do século XVI. A política industrial do mercantilismo baseábase en catro ideas principais: que o comercio era unha fonte de obtención de riqueza; que a industria é unha fonte de poder económico; que o Estado debía estruturar a industria, ou ben controlando directamente o desenvolvemento industrial ou ben ofrecendo protección ás industrias; e, para rematar, que debería existir unha sinerxía entre o Estado e os axentes económicos. No mercantilismo e o colbertismo, estes autores atopan tres elementos comúns a calquera política industrial desde unha perspectiva histórica: primeiro, a necesidade dun Estado forte que coordine as prioridades de desenvolvemento da política económica; segundo, a intervención do Estado para ordenar a estrutura da economía; terceiro, a cooperación do Estado con certos axentes económicos coa intención de crear sinerxías. Segundo Mendoza e Rouhier, estas tres condicións son necesarias e suficientes para establecer a existencia dunha política industrial.[ii]

  De xeito similar, Erik Reinert, defensor e seguidor das teorías mercantilistas, sinalou os principios fundamentais que guiaban a política industrial do mercantilismo. Estes principios incluirían a identificación das manufacturas como o determinante principal do aumento do output e da produtividade, como un sector coa capacidade de absorber traballo e como un sector coa capacidade de aliviar os problemas da balanza de pagos; a selección de actividades e sectores con retornos crecentes; a creación de monopolios temporais para protexer os progresos en certas áreas crave (sistema de patentes); o establecemento de cotas, tarifas e impostos para penalizar a exportación de materias primas; o recoñecemento da necesidade de formación do capital humano; a provisión de apoio financeiro a tipos de interese inferiores aos do mercado para o investimento en produción; o recoñecemento da importancia dos mecanismos de creación de sinerxías para o desenvolvemento; o apoio directo ao sector agrícola; e, a atracción de persoal cualificado do estranxeiro para facilitar a transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento do coñecemento.[iii]

  Para entender a política industrial mercantilista, é importante recordar que o obxectivo declarado dos escritores mercantilistas era aumentar o poder do Estado. Como explica Eli Hecksher, o que buscaban os mercantilistas era poñer a vida económica ao servizo do interese de poder do Estado. Así, utilizábase a política económica como un medio ao servizo do poder e o benestar dos súbditos tiña unicamente como finalidade sentar unha base sólida e necesaria para o poder do Estado.[iv] Como política de poder, o mercantilismo seguía dous métodos diferentes. O primeiro consistía en desviar a actividade económica directamente cara aos fins particulares demandados polo poder político. O segundo método consistía en crear unha reserva de recursos económicos que o Estado puidese usar cando así o requirise. Estes métodos esixían a utilización de amplos controis ao longo da economía nacional, polo que o mercantilismo perseguía a regulación completa da vida económica.[v]

  Os mercantilistas asociaban a riqueza coa posesión de metais preciosos, mentres que os seus sucesores (laissez faire) consideraban a riqueza como os bens e servizos que a xente consume e os medios con que producilos. Xa que os mercantilistas daban tanta importancia á posesión de metais preciosos, un dos obxectivos que buscaban era conseguir un exceso de exportacións sobre as importacións como un medio de obter fluxo de ouro e prata. Debido a que os movementos de metais preciosos só podían ter lugar si un país perdía algo do seu stock en beneficio doutro, os mercantilistas consideraban que o comercio que ía en beneficio dun país necesariamente tiña que ir en prexuízo doutro. Como recorda Michael Heilperin, a noción do comercio como algo mutuamente beneficioso só pode xurdir do recoñecemento de que o que importa no comercio é o intercambio de bens, non a adquisición de diñeiro.[vi] Os mercantilistas estaban animados por un “medo aos bens”, crendo que comprar era malo e vender era bo. A formulación máis extrema deste medo atópase nos escritos do mercantilista alemán Johann Joachim Becher, un de cuxos axiomas dicía: “é sempre mellor vender bens a outros que comprar bens doutros, pois o primeiro supón una certa vantaxe e o último un dano inevitable”. O absurdo desta afirmación resulta evidente. Con todo, parece que cando o punto de vista trasládase desde o individuo aos países, o absurdo resulta máis difícil de detectar, xa que a defensa do proteccionismo é a expresión a nivel nacional da afirmación de Becher. Como di Heilperin

¿É menos absurdo que un país intente expandir as súas exportacións por medio de subsidios, depreciación do cambio e outros medios, mentres ao mesmo tempo levanta barreiras máis altas e insuperables ás importacións?[vii]

  O medo mercantilista aos bens estaba alimentado, entre outras cousas, pola idea de crear empregos e de tomar medidas contra o desemprego. Entre estas medidas atopábase a loita contra as importacións, pois se cría que os bens importados podían eliminar a produción nacional e destruír postos de traballo.

  Unha das manifestacións máis sistemáticas e organizadas do mercantilismo deuse na Francia de Luís XIV da man do ministro de finanzas Colbert. O colbertismo baseábase nos seguintes puntos: a existencia dun Estado forte que buscaba o poder a través de medios económicos; a asunción por parte do Estado dun papel líder no desenvolvemento industrial, intervindo por medio da regulación; a combinación dun forte proteccionismo dos bens manufacturados coa importación de materias primas; a procura do aumento do surplus do comercio; o desenvolvemento por parte do Estado de industrias de alto valor engadido; o control dos movementos de moeda.         

  Segundo di Paul Mantoux, Colbert pensaba que a gran industria non podía existir senón pola intervención do Estado. No mercantilismo de Colbert os establecementos industriais estaban divididos en tres clases: no primeiro grupo estaban as manufacturas do Estado que, fundamentalmente, dedicábanse á produción de obxectos de luxo para o rei. O segundo grupo era o das manufacturas reais, que pertencían a particulares e fabricaban para o consumo público. A estas industrias prestábaselles un apoio continuo: subvencións directas do Tesouro, préstamos sen intereses, exención dos impostos máis pesados, exención do cumprimento dos regulamentos industriais aos que permanecían suxeitos os pequenos fabricantes, etc. O terceiro grupo formábano as manufacturas privilexiadas, que estaban ata máis favorecidas que as anteriores, gozando dun monopolio absoluto para fabricar e vender certos produtos.

  Segundo Mantoux, as manufacturas francesas do século XVII recordan, a primeira vista, ás fábricas modernas polo número de obreiros empregados, a súa división en equipos especializados, a disciplina á que estaban sometidos, etc. Pero hai unha característica que as diferenza fundamentalmente das fábricas que xurdirán na Revolución Industrial.

Si a man que elevou e que sostén o edificio retírase, todo se quebranta e ameaza ruína. Estas empresas non vivían senón de protección e privilexio: abandonadas a si mesmas, moitas non tardarían en desaparecer.[viii]

  O mesmo pódese dicir dos monopolios industriais da Inglaterra do século XVII, que unicamente foron posibles grazas ao sostén activo e continuo do Estado. Segundo Mantoux, o apoio mesmo do que se beneficiaban explica a súa impopularidade, así como as campañas dirixidas contra os seus privilexios desde a época de Cromwell, e a súa ruína axiña que como lles foron retirados tales privilexios.[ix]

  Nos nosos días, a herdanza mercantilista da política industrial maniféstase en elementos tales como os seguintes: 1) a preocupación pola balanza de pago e o intento de xestionala; 2) a promoción do emprego nacional por medio da restrición de importacións e da promoción de exportacións; 3) a acción estatal deliberada para controlar a estrutura e o volume das importacións, as exportacións e as operacións financeiras; 4) as prácticas proteccionistas e a idea de que é mellor vender ao exterior que comprar do exterior; e, 5) o concepto de que o que debería guiar as relacións económicas é a razón de Estado e non as decisións individuais.[x]

 

 

[i] David Bailey, Helena Lenihan y Josep-Maria Arauzo-Carod, “Industrial Policy After the Crisis”, en Industrial Policy Beyond the Crisis, ed. David Bailey, Helena Lenihan y Josep-Maria Arauzo-Carod (Oxon y Nueva York: Routledge, 2012).

[ii] Mendoza y Rouhier, “European Industrial Policy”, pp. 3-4.

[iii] Ver Erik Reinert, How Rich Countries Got Rich and Why Poor Stay Poor, (Londres: Constable, 2007); Erik Reinert, How Rich Nations Got Rich. Essays in the History of Economic Policy (Oslo: Centre for Development and the Environment, 2004), pp. 7-9; y Erik Reinert y Arno M. Daastol, “The Other Canon: the History of Reinassance Economics”, pp. 21-70 en E. Reinert, ed., Globalization, Economic Development and Inequality (Cheltenham y Norhamptom: Edward Elgar, 2004), pp. 32-34.

[iv] Heckscher, La época mercantilista, pp. 461-466.

[v] Heilperin, Studies in Economic Nationalism, p. 74.

[vi] Heilperin, Studies in Economic Nationalism, pp. 70-71.

[vii] Heilperin, Studies in Economic Nationalism, p. 76.

[viii] Mantoux, La Revolución Industrial en el siglo XVIII, p. 9.

[ix] Mantoux, La Revolución Industrial en el siglo XVIII, p. 10.

[x] Heilperin, Studies in Economic Nationalism, p. 81.

 

2017-11-16T00:18:42+02:00November 16th, 2017|0 Comments

Leave A Comment