O ESTADO E A INNOVACIÓN

– Oscar Rodríguez Carreiro – 

  Afírmase comunmente que a innovación é un dos aspectos fundamentais que conducen ao desenvolvemento económico e que, por posuír certas características especiais (fundamentalmente por ser un ben público exposto a externalidades), necesita o apoio do Estado, por exemplo en forma de subsidios ou creación directa de I+D, formación de habilidades ou o establecemento dunha rede de institucións de investigación. Esta idea representa unha visión mecanicista e cientifista da innovación que esixe unha clarificación do concepto.

  Segundo a definición da Real Academia Galega, innovar consiste en introducir algunha novidade nun dominio determinado. Unha innovación non significa necesariamente unha mellora. Calquera cambio, por estúpido ou ridículo que sexa, consiste nunha innovación. Se invento un novo modelo de máquina que ten a metade de produtividade que o modelo anterior, estou a innovar. Se deseño un novo produto que non quere nin unha soa persoa, estou a innovar.

  Atopar novas maneiras de facer dano tamén constitúe un exemplo de innovación. O desenvolvemento da bomba atómica levou moito máis lonxe que antes a capacidade de destrución masiva. A “solución final” dos nazis coa introdución de modernos procesos industriais supuxo un exemplo de innovación no campo do xenocidio. De feito, o Estado foi unha das institucións máis innovadoras ao longo da historia, atopando ou adoptando a gran escala novas e refinadas maneiras de intervención que permitiron aumentar o seu poder e a súa capacidade de extracción de recursos: a creación e imposición dun monopolio do papel moeda, a utilización de ferramentas matemáticas para a elaboración de censos que permitisen obter información detallada dos individuos e os seus recursos, a continua creación de novos tipos de impostos, etc. Os economistas, politólogos, sociólogos e outro tipo de académicos que constitúen a “garda intelectual” do Estado están a innovar continuamente á hora de atopar novas expresións retóricas que xustifiquen a intervención estatal. Poderíase dicir que un dos elementos que contribúen ao éxito académico constitúeo a capacidade innovadora para atopar novas maneiras de expresar unha e outra vez os mesmos argumentos que xustifican a intervención. Así, por poñer un exemplo, un gran número de autores actuais sostén a necesidade de que o Estado coordine o investimento industrial, afirmando que o éxito económico depende da realización de novas actividades e isto necesita da realización simultánea de investimentos complementarios cara arriba e cara abaixo na estrutura de produción que non se poden producir nun sistema de mercado libre pola descoordinación dos empresarios privados. Este argumento non é senón unha variante do argumento marxista da anarquía de produción capitalista que conduce ao caos económico e que xustifica a imposición dun sistema de planificación central. Nun claro exemplo de innovación, certos economistas actuais atoparon unha nova maneira de expresar este argumento que permite ocultar a súa xenealoxía e parentesco.

  Poderíase obxectar que o apoio estatal á innovación non conduce necesariamente a novidades estúpidas ou perxudiciais, senón ao desenvolvemento de nova tecnoloxía que permite mellorar o estándar de vida das persoas. Lamentablemente isto non é certo. Os recursos económicos son necesariamente escasos. O seu uso nunha actividade concreta implica que non se poden utilizar en calquera outra actividade. Ao intervir, obtendo recursos por medio da coerción e dirixíndoos a aquelas actividades de investigación que considere adecuadas, o Estado está a alterar o patrón de asignación de recursos do mercado libre. No mercado libre os empresarios tentan anticipar cales son as necesidades máis urxentes dos consumidores. Os prezos anticipados dos produtos finais imputan valor aos factores de produción. Desta maneira, os empresarios dirixen os recursos cara a aquelas actividades das que se espera que satisfagan en maior medida as necesidades dos consumidores. O éxito ou fracaso da anticipación empresarial queda demostrado pola obtención de beneficios ou de perdas. Os empresarios que sofren perdas (o que significa que están a desaproveitar os recursos) son expulsados do mercado, mentres que aqueles que obteñen beneficios (o que significa que están a utilizar os recursos correctamente na satisfacción das demandas dos consumidores) proseguen ou aumentan as súas actividades produtivas. O éxito duns empresarios provoca a súa imitación por parte doutros, o que dirixe os recursos na dirección adecuada e leva, ademais, a redución do prezo dos produtos. Desta forma, o mercado libre está a avaliar continuamente se as actividades levadas a cabo polos empresarios conducen á mellora das condicións de vida do conxunto dos individuos. O Estado, en cambio, non pode levar a cabo esa avaliación, porque, ao determinar autoritariamente a que se teñen que dedicar os recursos, prevén a elección voluntaria dos consumidores e, sen coñecer o custo de oportunidade dos recursos empregados, non se pode dicir se o resultado favorece ou non ao conxunto dos individuos.

  O mercado libre é o único sistema que pode determinar de maneira racional que investigacións hai que levar a cabo, grazas a que pode recorrer á información contida nos prezos e a que existe un método como o de beneficio-perda para determinar que investigación é considerada útil polos consumidores. Deste xeito, se unha empresa arrisca o seu capital financiando a investigación nun campo determinado, e os produtos que se obteñen como resultado da devandita investigación véndense de maneira que produzan beneficios, demóstrase que os recursos utilizados, tanto na investigación como na fabricación dos produtos, foron empregados dunha maneira que satisfacía as necesidades dos consumidores. Iso, á súa vez, estimulará a investigación no devandito campo. Se os resultados producen perdas, demostrarase que dita investigación non era útil para servir adecuadamente aos consumidores.

  Mesmo aínda que a acción do Estado conducise a melloras tecnolóxicas non se pode dicir que contribúa á mellora do estándar de vida da maioría da poboación. O desenvolvemento e a implantación desa nova tecnoloxía poderían desviar recursos doutras actividades máis valoradas. É dicir, unha tecnoloxía obsoleta pode ser economicamente máis eficaz que unha máis avanzada se permite utilizar menos recursos que se poden usar para outras actividades máis valoradas. A introdución eficiente de nova tecnoloxía depende do cociente de preferencia temporal, do tipo de interese e do capital acumulado, información que se transmite nun sistema de mercado libre a través dos prezos e que queda distorsionada pola propia intervención estatal.

  Só existe unha maneira de determinar que innovacións son beneficiosas: as eleccións voluntarias dos individuos. Ao destruír a “soberanía do consumidor”, a promoción da innovación por parte do Estado non constitúe senón unha substitución pola forza das valoracións arbitrarias dun pequeno grupo de persoas á conta das valoracións da maioría da xente. A promoción estatal da innovación é outra forma de malgasto de capital que supón o empeoramento das condicións de vida da maioría da xente.