EMPRENDE, EMPRENDE, QUE EU CHE AVISO (I)

    – Alejandro Vázquez Yáñez –   

  Apoiamos aos emprendedores, queremos emprendedores, necesitamos emprendedores. Non, desde logo, empresarios, eses seres malévolos con caixa rexistradora en lugar de corazón. Empresarios…, o seu só nome evócanos desprezo.

  Non. A quen buscamos é ao emprendedor, ese xoven (ou xóvena) dinámico, innovador, sinérxico, trendy, cun 10% surfer e aura cool, rodeado dos seus outros colegas emprendedores, que aparece en todos os panfletos (desculpe, trípticos informativos) de calquera Administración.

  E esta diferenza semántica entre empresario e emprendedor non é casual nin irrelevante. Ás palabras tamén as carga o Diaño, e quizais este sexa un dos poucos casos nos que os nosos amados próceres din exactamente o que queren dicir, cunha asombrosa precisión semántica e terminolóxica da que a política non adoita facer gala. Pois si emprendedores buscamos, emprendedores temos.

  O empresario é quen, organizando medios humanos e materiais, combinando capital e traballo, ofrece bens ou servizos a terceiros a cambio dunha contra-prestación, co obxectivo de obter beneficios da actividade desenvolvida, pero asumindo todos os riscos e as perdas que esta poida xerar. Isto esixe do empresario que coñeza o seu negocio, que prevexa e adiante as necesidades dos seus potenciais clientes, que se adapte aos cambios que vaian xurdindo e que intente ser o mellor no que fai para non verse ou excedido pola competencia e abandonado polos consumidores.

  O emprendedor, por outra banda, o único que ten que facer é emprender. Iniciar o seu negocio. Un negocio. O que sexa. “Date de alta e adiante”. Porque esa é a idea. Cunha alta taxa de desemprego, sobre todo no tramo xuvenil, o primeiro que ocorre cando xorde un emprendedor é que morre un parado e nace un afiliado á Seguridade Social. A través desa pedra filosofal que é o emprendedor logramos transmutar, nun único acto maxistral, a un parado nun contribúente. Un número negativo pasa a ser un número positivo. Unha cariña riseira nas estatísticas que saen no telexornal das tres. A idea. Convencéronche, xa veremos como. “Convértete nun emprendedor, emprende”. E alá que vas.

  A que che espera.

  Criaturiña.

  Porque o primeiro é “darte de alta”. Que non é “unha” alta. Hai que solicitar a alta en Facenda.[i] Que tampouco é “unha” alta. Porque dependendo da actividade ou modelo de negocio que pretendas desenvolver, terás que comunicar a alta tamén como obrigado por exemplo a presentar IVA, retencións diversas (traballadores, alugueres, etc.), operador intracomunitario, etc. Para iso tes que inscribirte baixo un dos epígrafes do IAE.[ii] É sinxelo, unicamente tes que pensar na actividade que vas desenvolver e buscar o código baixo o cal pódese encadrar esta. Só en ocasións pode xurdir algunha pequena dúbida de cal é o epígrafe correcto no que inscribirse, sobre todo si a actividade (a clase de actividade que por outra banda se supón que vai desenvolver o emprendedor) é algo punteira, novedosa, que involucre alta tecnoloxía, TIC’s, ou non siga os modelos clásicos de negocio baixo os que a lista redactouse, algo así como elaborar tortilla de patacas para vender a bares que as sirvan como tapas.[iii]

  Logo, por outra banda, está a alta na Tesourería Xeral da Seguridade Social. Tamén, de novo, ao tramitar a alta debes encadrar a túa actividade no epígrafe correspondente, neste caso do CNAE,[iv] que debe corresponderse co epígrafe IAE no que se cursou a alta en Facenda, aínda que por sorte, e nun alarde de previsión, a correspondencia IAE-CNAE establécese de forma clara, exacta, concisa e sen ningunha dúbida, de forma case intuitiva, entre as dúas listas.[v]

  Ambas datas de alta deben coincidir, aínda que para comunicar a de Facenda dispós dun prazo de 30 días desde o inicio da actividade e para a de Seguridade Social debes facelo previamente ou no mesmo día (desde xaneiro de 2018, antes tiñas tres días naturais desde o inicio, pero si o facías a través da Sede Virtual ou dos servizos telemáticos do Sistema REDE de Tesourería, ao que o autónomo xa está obrigado a adscribirse este ano, só podías facelo si previamente comunicabas a alta en Facenda, que non pode comunicarse de forma previa ao comezo da actividade, pero esperando 24 horas que tarda en chegar a información de Facenda á Seguridade Social para que esta poida cruzar os datos de alta, salvo se o fas presencialmente en Tesourería, que si podes o mesmo día que fas a alta de Facenda e que pode ser ata tres días despois do inicio da actividade, pero tendo cursado primeiro a alta en Facenda).[vi] Para tramitar a alta, tanto en Facenda como na Seguridade Social, si non queres acudir presencialmente ás oficinas e ter que perder unha mañá, podes facelo de forma telemática, para o que unicamente necesitarás o certificado dixital, que se pode obter facilmente de forma presencial en calquera oficina de Facenda ou Seguridade Social.

  Agora que xa tes tramitada a túa preciosa alta en Facenda e na Seguridade Social podes poñer en marcha o teu negocio sen problemas, non sen antes, para evitar problemas[vii] tramitar a túa alta ou comunicar o inicio de actividade nos organismos que puidesen corresponder en función da túa actividade, tales como colexio profesional, concello (oficina de Urbanismo, Aperturas, Licenzas,…), oficina de Turismo, oficina de Comercio, rexistro de Sanidade (autonómico ou estatal segundo o caso),[viii] Autoridade Laboral, Consellería, etc., e dos que atoparás cumprida información (revisar nota v), cada un coas súas propias definicións do que constitúe a actividade, requisitos, prazos, condicións e normativa, todo iso de fácil acceso (de novo nota v) e coas correspondentes taxas por inscrición, alta, inicio de actividade ou apertura.

  En fin, isto unicamente para iniciar a actividade, sen entrar noutros detalles tales como os trámites si en lugar de como autónomo decídese emprender a través dunha sociedade limitada (notarios, inscricións rexistrais, etc.), as negociacións con bancos, arrendatarios ou provedores, e os gastos en que se incorre antes ata de empezar o negocio.

 Entón, ¿por que emprender? ¿Por descoñecemento de todo o exposto? Pode ser. Pero a verdadeira razón, e o que constitúe a verdadeira esencia do emprendedor, o que lle dá forma, condiciónao, impúlsalle a emprender e logo, si cadra, a pegarse o gran batacazo, será o que trataremos no seguinte artigo.

[i] Técnicamente, Censo de empresarios, profesionais e reteñedores, modelo 036/037, pero isto imos procurar facelo fácil e para toda a familia.

[ii] Contradicindo as nobles intencións expresadas na nota i, Imposto de Actividades Económicas, unha lista con todas as actividades posibles do mundo mundial, un código por cada unha delas, perfectamente detallada e comprensible, cunha metodoloxía clara e que sigue patróns lóxicos, redactada para evitar contradiccións, lagunas ou solapamento de actividades. https://www2.agenciatributaria.gob.es/ADUA/internet/es/aeat/dit/adu/adws/certificados/Tabla_de_epigrafes_IAE.pdf

[iii] En serio, revisa os códigos IAE, chama a este número 901335533, e exponlle o modelo de negocio xunto coas túas dúbidas.

[iv] Clasificación Nacional de Actividades Económicas https://www.cnae.com.es/lista-actividades.php Derogado e substituido polo IAE. Igual de detallado, lóxico e comprensible que o IAE, pero menos. A Seguridade Social o sigue usando por importantes e poderosas razóns.

[v] Si esperabas o enlace a unha tabla de correspondencia oficial, sinto decepcionarte, sólo estaba sendo irónico. O mais parecido que encontrarás será isto: http://www.iberaval.es/conversor/

[vi]  Si o lees despacio varias veces, asegúroche que o entendes. Si non, chama a este nº de información da Seguridade Social, 901502050, e xa que estás, aproveita para preguntar ó CNAE o da tortilla de patacas.

[vii] Traducción: multas, sancións, suspensións, peches, ameazas de excomunión e miradas reprobadoras do funcionario competente (enumeración sin ánimo de exhaustividade e en orde de menor a maior gravedade).

[viii] Por mera curiosidade científica, podes consultar no seguinte número de información da Xefatura Territorial de A Coruña da Consellería de Sanidade, 981155867, a clasificación dun negocio como o da venta de tortilla a bares, e os requisitos para inscribir a actividade.