O PROBLEMA DA INMIGRACIÓN
– Miguel Alonso Davila –
Como sucede actualmente coa crise dos refuxiados, cada certo tempo aparece unha noticia que nos lembra as grandes cantidades de persoas que se apiñan nalgúns puntos concretos das nosas fronteiras, nas inmediacións das mesmas ou en zonas de países veciños desde as cales tentan introducirse no noso territorio. Ante o tamaño crecente desas aglomeracións éntranos medo e, baixo a crenza de que a economía propia non poderá absorber semellante cantidade de persoas, esiximos o fortalecemento das fronteiras, a construción de valos máis altos e a intensificación dos controis. Consideramos o posible maremoto de emigrantes como o problema e as fronteiras como a solución ao mesmo. Así exposto, o problema parece loxicamente anterior á solución.
¿Pero sucede realmente así? Imaxinemos un pobo situado nun val atravesado por un pequeno río. Este río flúe de forma natural das zonas máis altas dunha montaña próxima ata o mar pasando polo citado pobo. Os habitantes vense enriquecidos polas augas que transporta. Agora imaxinemos que alguén constrúe no río un dique de proporcións xigantescas (dá igual por que motivo). Co tempo, o dique acaba por encherse e a auga comeza a ameazar con desbordalo, ou aínda peor, con romper o propio dique alagando todo o pobo. Ante tal posibilidade, é normal que os habitantes do pobo sintan medo, e empecen a falar de facer o dique aínda máis grande.
Pero neste caso, ¿o problema é a auga ou é o dique? Antes da construción do mesmo a auga fluía de forma natural e non xeraba ningún tipo de problema. É pois, o dique o que xera un problema antes inexistente, e non unha solución ao mesmo. Da mesma maneira, se non houbese fronteiras habería un fluxo natural de persoas que emigrarían desde zonas pobres a zonas ricas como veu sucedendo ao longo da historia.
Nas localidades de orixe dos emigrantes haberá pouca demanda de man de obra e moita oferta da mesma, o que se traducirá en baixos salarios. Estes baixos salarios contrastarán con outros máis elevados de zonas máis ricas. Este contraste, esta diferenza de prezos, será o incentivo que mova ás persoas para emigrar. Pero non todo o mundo estará nas mesmas circunstancias, nin terá as mesmas oportunidades, nin estará disposto de igual modo a asumir os custos dunha viaxe e un futuro incertos. Quizais primeiro emprendan a viaxe os máis desesperados, os máis intrépidos, e os que consigan reunir o capital necesario para asumir o custo da viaxe. Segundo máis habitantes partan da súa localidade e vaian chegando ao seu destino, a diferenza de prezos da man de obra entre os dous lugares irase reducindo (o prezo da man de obra no lugar de orixe aumentará debido ao descenso da oferta da mesma, posto que agora hai menos traballadores; e o prezo no lugar de destino diminuirá ao aumentar a oferta da mesma). Esta redución fará que, chegado un punto, o diñeiro que se podería gañar a maiores emigrando non cubra os custos de semellante aventura. Pero isto non afectará a todos por igual, poida que a algúns xa non lles compense, ao seu xuízo, a viaxe e a outros si. Isto dependerá das circunstancias de cada un, que estarán continuamente cambiando, así como tamén cambian as circunstancias nos posibles lugares de destino. Toda esta información, continuamente cambiante, transmítese a través do mercado. Así pois, os habitantes dunha localidade poderán adquirir parte desta información acerca de distintos lugares e valorar a posibilidade de emigrar a un deles.
Hai quen di que isto último non é certo, que os emigrantes non teñen ningunha información e que seguirán emigrando a unha cidade concreta a pesar de que xa non haxa traballo nela e os soldos sexan baixos. Coma se actuasen de modo irracional, seguirán emigrando como tolos a esa cidade ata afundila por baixo do nivel do mar co seu propio peso. Poida que a ollos dos que viven na cidade as condicións de vida sexan malas, pero seguramente para os inmigrantes serán mellores que as que tiñan nos seus lugares de orixe. Se os emigrantes non actúan utilizando información para decidir a que sitios emigrar e a cales non, senón que o fan por azar, xa é casualidade que a maioría queira emigrar a Europa e Estados Unidos.
Todo este proceso pode observarse claramente nas migracións que teñen lugar dentro de cada país. Non sucede de golpe que toda a poboación dun país emigre a unha cidade do mesmo. A xente quere mellorar as súas condicións de vida, e por tanto, deixarán de migrar a unha zona concreta en canto non lle sirva para alcanzar esa mellora.
Observamos así que os valos e as barreiras non son a solución ao problema das aglomeracións de inmigrantes ao redor das nosas fronteiras, senón a súa orixe.
A migración interna fainos ademais preguntarnos o seguinte: se a migración interna non é daniña, ¿por que si o é a emigración internacional? Quizais as dúas sexan daniñas, pero en tal caso, habería que poñer fronteiras entre as provincias e tamén entre os pobos. Isto é claramente absurdo. Se cadra a emigración é prexudicial a partir dun tamaño, pero, ¿a partir de que tamaño?, ¿cal é a escala correcta? Porque hai países de todos os tamaños. ¿Como defender que hai que poñer fronteiras entre dous países, cando hai algún país máis grande que eses dous xuntos sen fronteiras internas?
O fluxo natural de persoas duns lugares a outros non é daniño, senón beneficioso. Conséguese así que a man de obra desprácese alí onde é máis demandada (ninguén diría que é malo que os tomates vaian de onde sobran onde fan falta). Ao chegar emigrantes a unha cidade aumenta a poboación, pero os sitios máis poboados adoitan ser os máis ricos. E isto é así, posto que un maior número de persoas fará posible unha maior especialización do coñecemento, que xunto coa acumulación de capital necesaria, posibilitará un alongamento da estrutura produtiva. Alongamento que xerará un aumento da riqueza ao haber un maior número de bens de máis calidade a prezos relativos menores.