ECONOMÍA DE ESQUERDAS E ECONOMÍA DE DEREITAS

 

    – Miguel Alonso Davila –   

 

  En ocasións escoitamos que o goberno debería implantar unha economía de esquerdas ou de dereitas, coma se esta puidese funcionar ao noso antollo. Este tipo de ideas revela unha confusión: as leis económicas son obxectivas, non existe unha economía de esquerdas e outra de dereitas, senón unicamente economía. Podemos instaurar unha política económica ou outra, pero isto non significa que haxa dúas economías diferentes. A política económica unicamente indícanos que grado de interferencia se aplica sobre a economía.

  Algunhas persoas creen que cando o goberno manipula o mercado, en realidade está cambiando as leis económicas. É dicir, estas persoas creen que podemos manipular a economía para obter as leis que máis nos gusten. Desgraciadamente ese non é o caso. Si así o fose poderiamos decidir establecer unhas leis económicas nas que non houbese que traballar duro e aforrar para aumentar a riqueza e que, pola contra, bastase con consumir, incluso a base de créditos, para que unha abundancia de riquezas se espallase sobre a sociedade. Sería marabilloso que bastase con facer a danza da choiva para que chovesen casas e coches do ceo. Pero esta non é a situación. As intervencións económicas por parte do goberno non cambian para nada as leis económicas. Estas son tan obxectivas como as leis da física.

  Supoñamos que alguén descobre unha lei física que di que todos os corpos tenden a caer cara ao chan. Si agora unha persoa coloca unha mesa moi grande nun sitio concreto onde están caendo unha serie de obxectos, impedirá que os obxectos cheguen ao chan, pero iso non significa que a lei física se suspendeu, ou que podamos cambiala ao noso antollo. A lei segue rexendo igual que antes. É máis, esta lei, xunto con outras, informaranos de cales serán as consecuencias desa interferencia. Advertiranos, por exemplo, que os obxectos se acumularán sobre a mesa, o que orixinará que ao cabo dun tempo volvan caer sobre o chan, iso no caso de que non rompan a mesa antes. Do mesmo xeito, si poñemos fronteiras e prohibimos a inmigración nun país dado, iso non provocará que a xente deixe de querer entrar nel, que cesen de migrar de zonas pobres a zonas ricas, que a man de obra vaia de onde sobra a onde fai falta, simplemente fará que se acumule xente en torno a esa fronteira, e tarde ou cedo algunhas persoas conseguirán entrar.

  Os teoremas económicos, por exemplo o da produtividade marxinal decrecente, cumpriranse sempre, proceda como proceda o Estado. As accións políticas sobre a economía son análogas a poñer obstáculos na canle natural dun río: por moi grandes que sexan estes iso non causará que a auga deixe de fluír das zonas máis altas ás máis baixas; a forza que ocasiona ese comportamento non desaparecerá aínda que o obstáculo logre interromper o fluxo de auga por completo. Moi ao contrario, xerará unhas consecuencias que nos resultarán imprevistas si caemos no erro de crer que con esa operación alteramos as leis obxectivas da natureza.

  Tamén é interesante facer notar que, cando se fala de intervención económica, trátase, en realidade, de algo forzoso, isto é, utilízase a violencia para intentar cambiar o curso natural das cousas. Cando nos referimos ao curso natural das cousas (como aquel que se dá nun mercado libre) non o facemos porque sexa o que defendemos (si fose así, un socialista podería chamarlle “curso natural das cousas” a unha sociedade cunha economía centralizada), senón porque é o único no que non existe coacción (entendida esta como violencia ou ameaza de violencia), é o único no que se respecta a liberdade individual. Ademais, en ocasións utilízase a expresión “intervir na economía” coma se esa acción se realizase sobre un ente abstracto, para ocultar que, en realidade, esa agresión recae sobre os cidadáns. En efecto, cando o goberno decide instaurar unha lei económica, por exemplo fixar un prezo máximo para unha mercancía, faio para impedir que as persoas intercambien un ben concreto por encima do importe establecido polo Estado, impedindo así un intercambio libre e voluntario. Si erixen esa barreira é precisamente porque había xente disposta a comprar por encima desa cantidade de diñeiro. Obviamente, o goberno xustificarao declarando que esa medida vai destinada a alcanzar un certo obxectivo social que nos beneficia a todos. A falsidade deste aserto queda ao descuberto cando nos damos conta de que se utiliza a violencia. Si fose algo que quixese todo o mundo de forma natural non faría falta utilizala.

  Como diciamos, as leis económicas son tan obxectivas como as da física. A ninguén se lle ocorrería falar dunha física de esquerdas ou de dereitas. As leis físicas nada nos mencionan sobre o que debemos facer, unicamente nos indican que é o que sucederá. Igualmente as leis económicas non nos enuncian o que debemos facer, soamente nos informan de cales serán as consecuencias económicas dos nosos actos, pero nada nos formulan sobre estes. A este respecto podemos facer o que queiramos. Non atoparemos (ou non deberiamos atopar) nos manuais de economía nin unha soa palabra sobre como debería ser a sociedade, ou sobre cal debería ser o noso comportamento, ou sobre que obxectivos deberíamos perseguir por ser os máis elevados e sublimes. En cambio, a economía infórmanos de que camiño é o máis adecuado para alcanzar un fin concreto, por exemplo, como pode ter lugar o enriquecemento dunha sociedade ou o seu empobrecemento.

  Deste xeito as leis económicas son moralmente neutras, non nos expoñen o que debemos facer. Así, a economía non nos exhorta a que aforremos, sinálanos simplemente que si o facemos seremos máis ricos e que si o gastamos todo seremos máis pobres.

  As leis económicas son tamén politicamente neutras, non nos falan de esquerdas nin de dereitas. Revélannos, por exemplo, que si aumenta a cantidade de diñeiro en circulación, a igualdade de circunstancias, os prezos tenderán a subir. Pero nada nos di sobre si se debe ou non realizar dita expansión monetaria (no caso de que sexa artificial), si ese acto é moralmente malo, ou politicamente desexable.

  Son tamén eticamente neutras. Si un gobernante decide reducir a oferta monetaria, a igualdade de circunstancias, os prezos tenderán á baixa, mais nada proclama a economía sobre si ese acto do gobernante é xusto ou inxusto.

  Con todo, é imprescindible saber cales son as leis económicas obxectivas que rexen o mercado para advertir as consecuencias de intervir nel.

  A Escola Austríaca de Economía, seguindo o método causal-realista, parte do axioma da acción humana e a partir del deduce teoremas que serán tan verdadeiros como o propio axioma (si non hai erros no razoamento). Desenvólvese así todo un corpus teórico que nos permite alcanzar certas conclusións. Unha delas é que só existe unha forma de alcanzar a riqueza: traballo, aforro e libre mercado. Poderiamos desexar que fose doutro xeito, pero o caso é que non hai outro modo. Non hai receitas milagrosas, o mesmo dá de que parte do espectro político proveñan. Non importa que interveñamos os prezos, obrigando a subir uns e a baixar outros, coma se estivésemos axustando os resortes dunha máquina. Así non conseguiremos nada, xa que o mercado non é unha máquina. O mercado son eu comprando unha barra de pan, por exemplo. Non importa que inxectemos unha cantidade enorme de diñeiro no mercado nun tempo récord, esperando medorentos a ver como reaccionarán os mercados, coma se estivésemos facéndolle unha ofrenda a algún deus caprichoso (o cal reflicte un pensamento máxico). Tampouco así conseguiremos nada, xa que o mercado non é ningún ente abstracto, é vostede comprando no supermercado. Por moito que interveñamos, as casas non choverán do ceo, nin os coches brotarán da terra. O único que pode lograr a intervención é dificultar ou impedir a creación de riqueza.

  Os defensores da Escola Austríaca ansiamos o mesmo que ansía a maior parte da xente: que todo o mundo sexa cada vez máis rico. No único que diferimos é en cales son os medios necesarios para lograr tal fin.