//¿É POSIBLE UNHA XUSTIZA SEN ESTADO? (II) – Alex Hermida

É POSIBLE UNHA XUSTIZA SEN ESTADO? (II)

 

– Alex Hermida –   

 

  No primeiro artigo da presente serie introducimos, a grandes liñas, a estrutura e dinámica que en liñas xerais poderían rexer un sistema de Xustiza Privada. Conferimos entón relevancia a unha serie de incentivos que operarían como forza cohesiva e non coercitiva, en tanto que a voluntariedade de cada individuo terminase rexendo, a través dun sistema contractual, non só o ámbito xurídico senón cantas interaccións sociais susceptibles de convenio teñen cabida na sociedade.

  Chegados a este punto, poderíase preguntar por que o sistema de incentivos a cumprir a lei que describimos para unha Xustiza Privada non operaría nun sistema de Xustiza Pública. Antes de iniciar os nosos argumentos empezaremos por establecer unha afirmación que creemos rotunda: o Dereito Positivo non é xusto. Emporiso tan firme enunciado precisa do entendemento previo da lóxica baixo a cal operan os sistemas redistributivos do Estado, especialmente na época contemporánea.

  A redistribución da riqueza e dos dereitos xurídicos é deseñada e dirixida polos suxeitos encargados de tomar as decisións políticas, sexa nun sistema de goberno autoritario, sexa nun democrático. O Estado non é un ente sobrenatural omnipotente, senón máis ben unha idea, unha construción abstracta cargada de simboloxía que se afincou ao longo dos séculos no imaxinario dunha sociedade. Grazas á parafernalia que o envolve atopa o sostén de lexitimidade entre quen subxuga, chegando incluso estes últimos a visualizar como positiva a súa presenza e como catástrofe a súa ausencia. A función principal do dirixente político é tomar as decisións de xeito máis ou menos unilateral e que afectan, en todo ou en parte, á sociedade. Unha das características básicas de tan pernicioso proceso é a información incompleta coas que se dirimen as políticas públicas, facendo inevitables o sesgo e a arbitrariedade.

  Tal e como sostén Franz Oppenheimer en O Estado, as elites políticas son por natureza extractivas, isto é, sérvense de medios políticos para satisfacer mediante a dominación os seus intereses particulares. Pola contra, a maioría dominada opera a través de medios económicos que permiten xerar riqueza e prosperidade. De tal modo, na medida en que a riqueza económica aumenta, vai aparecendo unha clase política cada vez máis enraizada que vive parasitariamente servíndose da violencia e do engano. Tanto é así que a desvergonzada violencia da xénese do Estado foi progresivamente substituída por técnicas de latrocinio moito máis sibilinas, quedando hipnotizada a clase dominada ata o punto de interiorizar a benignidade da rapiña.

  Na medida que o suposto interese xeral se aliñe co interese privado do gobernante, as políticas públicas en xeral e en particular as que incumben á Xustiza, poderán ser máis ou menos prexudiciais para o resto da sociedade. Con todo, non podemos entender a sociedade como un bloque homoxéneo, senón como un agregado de individuos que interaccionan entre si para defender tamén os seus intereses particulares. Do anterior despréndese a presenza de grupos de presión ou lobbies, que limitándonos ao marco do xurídico, inflúen tamén na toma de decisións políticas buscando maximizar os seus réditos mediante contraprestacións ás veces tácitas, outras descaradamente expresas, para co lexislador. En consecuencia, a afirmación de que as leis positivas son o sostén que asegura o interese xeral, cae polo seu propio peso. Non existe tal cousa como un interese xeral, como tampouco a sociedade é un bloque homoxéneo de individuos e de igual modo, a información da que dispón o gobernante é sempre incompleta.

  A sibilina tapadeira da redistribución da riqueza como forma de alcanzar a denominada Xustiza social comeza a orixinarse xa no Medievo, aínda que non será ata a creación do Estado moderno cando cobre máis relevancia á vez que crecen a administración pública e o corpo funcionarial. Historicamente o maior beneficiario da redistribución coactiva da Xustiza era o Rei, que de forma arbitraria concedía dereitos a uns determinados grupos minoritarios da sociedade e sobre os outros exercía un poder extractivo. Hoxe en día, baixo a suxestión democrática da Xustiza social, a dinámica mantense coa exigua diferenza da rotación periódica e no curto prazo da elite no poder fronte á lóxica a longo prazo do monarca. Podendo isto último, en liña co sostido por Hans-Hermann Hoppe en Monarquía, democracia e orde natural, conferir á democracia un carácter superior en canto a malignidade.

  Nos actuais sistemas democráticos, cuxo deseño institucional e regras de xogo encamíñanse de forma irremediable cara a decisións políticas cortoplacistas, se fomenta a irresponsabilidade. A despersonificación da toma de decisións, cuxa competencia trasladase á abstracción do Estado, difumina tamén as responsabilidades persoais dos gobernantes. O anterior puidese explicar a temeridade coa que se malgastan magnas cantidades de diñeiro subtraído á poboación, emporiso tamén a maior arbitrariedade da lei que se orienta ao curto prazo. A inestabilidade dun entramado legal cambiante segundo os ciclos electorais, así como a inflación lexislativa que pasa a regular case calquera ámbito da vida privada, provoca que a lei positiva perda gran parte do seu valor.

  Non nos estrañemos de que os actuais sistemas de Xustiza públicos representen grandes aparellos burocráticos, anquilosados e infectos pola acción dun parasitismo que prexudica desde o corpo funcionarial aos usuarios finais. Non é cuestión de dirimir culpabilidades nin de apuntar cun dedo, emporiso ata a mellor intencionada das persoas actuando nun marco de lóxica perversa vólvese vítima, cando non cómplice, do agravio. Isto ocorre así por moito que se trate de enmascarar baixo subterfuxios en forma de dereitos sociais, discriminación positiva, igualdade de resultados e un longo etcétera de argucias estatistas. Como consecuencia, o impulso e reforzo da interacción social voluntaria queda relegado e se entorpece de forma constante. Aparecen deste xeito institucións que por medios políticos de dominación buscan o cumprimento da lei positiva. Neste proceso agrándase o distanciamento entre a Xustiza e a moral, volvéndose a primeira moito máis arbitraria.

  Na medida que a Xustiza non está aliñada coa moral e o costume e ademais, tende á hipertrofia regulativa que lle resta valor, desaparecen boa parte dos incentivos para cumprir. Tal é o caso da Xustiza de Dereito Positivo. En contraposición, sistemas legais que respecten en maior medida os dereitos negativos derivados da propiedade, que sexan capaces de aliñarse coa tradición e pivoten en torno a unhas poucas regras de alto valor e amplo coñecemento social, tenderán a ser máis xustos. Tal é o caso da Xustiza de Dereito Consuetudinario. Con todo, tan só aqueles sistemas sociais que se fundamenten plenamente nos dereitos negativos derivados da propiedade, que operen a través do libre intercambio dos individuos en ausencia dun poder coactivo e que permitan ao individuo obrigarse a vontade, poderán superar os anteriores problemas.

2017-06-28T22:51:41+02:00

Leave A Comment