¿QUEN É O PRINCIPAL INIMIGO DA FAMILIA?

    – Daniel Rodríguez Carreiro –    

  Nos últimos días unha presentadora de televisión apareceu en diversos medios de comunicación para falar do libro que escribiu sobre a súa recente experiencia como nai.

  Segundo a revolucionaria análise desta autora existe unha especie de conspiración mundial para ocultar o feito de que ter fillos resulta moi sacrificado. Segundo as súas propias declaracións a maternidade supúxolle un “sacrificio estratosférico” no que se embarcou subxugada polas mentiras e os cantos de sirena que propaga a sociedade sobre o feito de ter fillos. «Hai un relato único da maternidad como un estado idílico, que non coincide coa realidade e estigmatiza ás mulleres”, afirma con frustración, “ninguén che conta o que é en realidade a maternidade, tomas unha decisión enganada». A revelación deste segredo levou á autora a declarar que “ter fillos é unha perda de calidade de vida”.

  Máis aló da importancia intelectual que mereza o “descubrimento” desta autora, a súa negativa valoración da maternidade ten o mérito de simbolizar unha situación relevante nos nosos días. As sociedades occidentais están sufrindo un progresivo envellecemento da súa poboación como consecuencia da constante redución das taxas de natalidade. Cada vez téñense menos fillos e cada vez máis tarde. Á súa vez increméntase o número de divorcios e redúcese a importancia do matrimonio. Parece que cada vez menos xente está disposta a afrontar as responsabilidades e o sacrificio que supoñen a vida familiar e o coidado dos fillos. Como dicía a nosa autora iso supón un descenso da calidade de vida. A institución da familia parece estar pasando por malos momentos. Pero, ¿cales son as causas deste fenómeno? ¿Hai algún responsable principal do mesmo? A resposta é si: o principal inimigo da institución familiar é o Estado. Vexamos por que.

  A familia foi históricamente o grupo social do que dependía en maior medida o benestar e a educación das persoas. Ao establecer un forte sentimento de lealdade cara a un grupo independente do poder político esta institución representou sempre un freo e unha restricción moi importantes á acción do goberno. Polo tanto a familia foi, históricamente, unha molestia para os partidarios de incrementar o alcance e os ámbitos da intervención do Estado.

  O gran sociólogo Robert Nisbet explica en The Quest for Community como o Estado converteuse, no mundo moderno, no primordial centro de lealtad dos seres humanos e no seu principal refuxio fronte ás inseguridades e frustracións da vida. Pero, para conseguir esta situación de preeminencia, tivo que competir con outras institucións que limitaban o seu poder, como a igrexa, a comunidade local ou a familia.[i]

Todos aqueles que querían incrementar o poder do Estado desenvolveron medidas para erosionar e desprestixiar tales institucións intermedias co obxectivo de illar aos individuos e volvelos sumisos e dependentes das actuacións e intervencións gobernamentais. Nisbet dicía que a guerra entre o Estado e a familia era moi antiga na historia da humanidade e que, por regra xeral, había unha relación inversa entre ambas institucións: cando o Estado era forte a familia era débil e viceversa.[ii]

  Un dos exemplos máis extremos deste principio ilústrao o caso de Pavlik Morózov, un neno glorificado pola propaganda da Unión Soviética por denunciar ao seu pai como inimigo do Estado. As autoridades soviéticas crearon un culto á súa figura que animaba aos demais nenos a denunciar aos seus pais si estes se opoñían ás políticas do goberno.[iii]

Este caso representa un dos exemplos máis evidentes da procura sistemática da destrución dos lazos familiares. Pero hai outros procesos actuais menos espectaculares cuxas consecuencias perniciosas resultan máis difíciles de discernir. Así, un dos pasos máis destacados para debilitar a importancia da institución familiar no mundo moderno foi a creación do Estado de Benestar.

  Segundo Alan Carlson, moitas das medidas características do Estado de Benestar representan un caso clásico de manipulación burocrática co obxectivo de destruír o principal rival do Estado como foco de lealdade: a familia

A aparición do Estado de Benestar pódese describir como a continua transferencia da función de dependencia desde a familia ao Estado; desde persoas unidas por lazos de sangue, matrimonio ou adopción a persoas vinculadas a empregados públicos.[iv]

  As medidas do Estado de Benestar, tales como as prestacións por desemprego ou as pensións públicas, debilitan a responsabilidade do individuo á hora de prover para as súas necesidades e as da súa familia e de aforrar para a súa vellez. Deste xeito as persoas tenden a reducir o seu horizonte temporal de planificación e previsión. A utilidade do matrimonio, a familia e os fillos redúcese tamén, pois non será tan necesario contar con esas institucións para asegurarse un soporte económico. Establécese, polo tanto, unha tendencia ao debilitamento da institución familiar, á redución da natalidade, ao incremento da taxa de divorcio, etc.

  Un elemento cuxa importancia foi crucial para o desenvolvemento e crecemento do Estado de Benestar é o monopolio estatal do sistema monetario. Así o explican nun recente libro Philipp Bagus e Andreas Marquart.[v]

  Segundo estes autores, e seguindo a tradición de pensamento monetario da Escola Austriaca, o diñeiro non xurdiu a través dun acto creador do Estado, como moita xente imaxína, senón que foi unha creación espontánea de múltiples actores operando voluntariamente no mercado. A través dun proceso evolutivo de descubrimento unha determinada mercancía, normalmente o ouro ou a prata, adquiriu a función de medio de intercambio que facilitaba as transaccións comerciais.

  Pero, nun longo proceso histórico, os Estados acabaron por monopolizar o sistema monetario, substituíndo o ouro por papel moeda e arrogándose a facultade exclusiva de producir diñeiro. Deste xeito atoparon un instrumento excelente para financiar os seus programas de gasto pois tiñan a posibilidade de crear diñeiro, literalmente, da nada.

  Malia as seus nefastas consecuencias, por exemplo en forma de crises económicas recurrentes, este sistema ten a enorme vantaxe de que os seus custos son máis difíciles de detectar polos cidadáns. Deste xeito o crecemento desmesurado do Estado de Benestar coincide históricamente co abandono do patrón ouro e a transición ao sistema de papel moeda pois, si o Estado se financiase únicamente a través de impostos, cuxa carga nótase dunha forma moito máis directa nos petos, é probable que os cidadáns se tiveran rebelado fai tempo.

  O crecemento da intervención estatal que permite este sistema monetario ten enormes consecuencias morais sobre as persoas. Como din Bagus e Marquart:

Na medida en que dependemos do Estado de previsión, necesitamos menos a axuda do próximo, en especial da familia. Rómpense os vínculos sociais…A decadencia da familia como consecuencia do diñeiro malo e o Estado de Benestar carrexa unha grave crise moral e de valores. En suma, o diñeiro malo fai que a xente estea cada vez máis illada socialmente, máis desarraigada e tensa e sexa cada vez máis dependente, inmatura, sumisa, imprudente, desconsiderada, egoísta, materialista, superficial e depresiva. 

  É dicir que mediante o monopolio da creación de diñeiro, que permite o desenvolvemento e crecemento da intervención estatal, se debilita de forma implacable a fortaleza da institución familiar e se promove a irresponsabilidade, a inmadurez e o egoísmo. Un caldo de cultivo perfecto para que aparezan escritores que afirman con gran frustración que ter fillos é un sacrificio estratosférico que reduce a calidade de vida.

[i] Robert Nisbet, The Quest for Community: A Study in the Ethics of Order and Freedom (New York: Oxford University Press, 1953).

[ii] Robert Nisbet, Prejudices: A Philosophical Dictionary (Cambridge, Mass.: Harvard University Press, 1982) p. 111.

[iii] Orlando Figes, The Whisperers: Private Life in Stalin’s Russia (Londres: Penguin Books, 2007).

[iv] Alan Carlson, “What Has Government Done to Our Families?”, Essays in Political Economy 13 (Auburn, Ala.: Ludwig von Mises Institute, 1991), p. 1.

[v] Phillipp Bagus y Andreas Marquart, Por qué otros se hacen cada vez más ricos a tu costa…y qué responsabilidad tiene el Estado y cómo juega con nuestro dinero (Madrid: Deusto, 2016).