¿QUÉ PODEMOS APRENDER DOS CRIMINAIS SOBRE O PROCESO DE CIVILIZACIÓN? (PRIMEIRA PARTE)

 – Daniel Rodríguez Carreiro –  

  Gustavo Fondevila, académico do Centro de Investigación e Docencia de México, analizou en diversos estudos a situación dos cárceres de diferentes países de América latina. As condicións de vida son moi diferentes nas prisións destes países. Mentres que nalgúns deles o Estado controla con firmeza os cárceres, noutros as autoridades limítanse a encerrar aos criminais e deixan logo que sexan os propios presos os que organicen a vida diaria no interior das mesmas.

  Nunha entrevista recente este investigador declaraba que as prisións con menor índice de violencia entre os presos e as que teñen menor taxa de maltrato son aquelas que controlan os recluídos.

  Os cárceres controlados polos propios presos teñen menores taxas de homicidios, menores taxas de violacións, mellor comida e mellor atención médica. As bandas ocúpanse de proporcionar seguridade aos presos, de introducir comida de mellor calidade, de conseguir medicamentos, etc.

  Nos países onde as bandas teñen maior importancia no control das prisións prodúcese unha circunstancia curiosa: os cárceres son máis seguros que as rúas. Así, a taxa de homicidios en países como O Salvador é máis alta no exterior que no interior das prisións.

  Segundo Gustavo Fondevila:

O Goberno criminal é máis eficiente e exitoso en manexar a violencia que o Goberno do Estado. As bandas dominan.[i]

  ¿Pero como pode ser isto posible? Unha das principais xustificacións da existencia do Estado é que proporciona seguridade aos cidadáns, algo que se supón que só pode ofrecer de forma eficiente un monopolio público da violencia.

  Os cárceres ofrecen o espazo máis favorable ao Estado para ofrecer seguridade dunha forma aceptable, para reducir os homicidios e as violacións, así como para evitar a existencia de mercados ilegais de drogas. Todos os seus habitantes están encerrados entre muros e barrotes, sometidos a vixilancia as vinte e catro horas do día e rodeados por policías armados. ¿Onde se pode atopar unha maior manifestación e presenza da forza estatal que nun cárcere? O Estado é practicamente omnipresente nas prisións Como pode fracasar deste xeito á hora de ofrecer o principal servizo que xustifica a súa existencia?

  Por outra banda, nos cárceres atópase, polo xeral, xente de pouca confianza, que ten pouco control sobre os seus impulsos violentos e que, ademais, non pode recorrer nin protestar ante as autoridades si xorde algún problema cos seus negocios ilegais de drogas. Entón como pode ser que esta xente tan pouco recomendable, sexa capaz de chegar a desenvolver institucións espontáneas que parecen funcionar mellor que as estatais?

  David Scarbek nun recente libro no que estuda desde un punto de vista económico a formación das bandas nas prisións de Estados Unidos ofrece reflexións moi importantes á hora de responder a estas cuestións.[ii]

  Scarbek afirma que as bandas nas prisións fórmanse para responder á demanda dos presos: prover de sistemas institucionais que defendan os seus dereitos de propiedade, faciliten o comercio e aseguren a acción colectiva cando os mecanismos oficiais non funcionan.

  Os axentes oficiais encargados de manter a seguridade das prisións non poden desenvolver o seu labor con eficacia por diversos problemas, principalmente debido a dificultades relacionadas coa falta de información e de incentivos adecuados: hai demasiada poboación recluída que controlar, os axentes non están dispostos a arriscarse para protexer aos presos, a corrupción entre os axentes é alta, etc.

  Os presos non poden, polo tanto, fiarse das institucións oficiais á hora de buscar protección ou resolver disputas e conflitos. Segundo Scarbek os presos poden usar dous métodos alternativos para resolver este problema: normas informais e organizacións.

  Ata os anos 70 os presos utilizaron un conxunto de normas descentralizadas e informais que servían como as súas principais regras de comportamento. Estas normas establecían, por exemplo, que un prisioneiro nunca debía colaborar cos oficiais da prisión e que debía ser leal en todos os seus tratos con outros prisioneiros. Tamén establecían que determinados prisioneiros, por exemplo pederastas e violadores, conformaban a clase social máis baixa e desprezada e podían ser atacados impunemente.

  Este conxunto de normas, coñecido como o código do convicto, facilitaba a cooperación social, diminuía o conflito, axudaba a establecer a orde e promovía o comercio. Os prisioneiros que cumprían o código eran respectados e os que o violaban sufrían ostracismo, burla ou violencia física.

  Con todo este tipo de normas informais funciona mellor en comunidades relativamente pequenas e culturalmente homoxéneas, alí onde é sinxelo coñecer a reputación dos demais para orientarse nos tratos con eles. Co desmesurado crecemento da poboación recluída en Estados Unidos a partir dos anos 70 a efectividade do código viuse debilitada. Este sistema volveuse ineficaz á hora de resolver conflitos.

  Para resolver eses problemas creáronse as cuadrillas e as bandas. Estas configúranse como mecanismos de protección das persoas e as propiedades dos reos así como tamén son medios para asegurar e protexer as transaccións informais nos mercados negros das prisións.

  A Mafia Mexicana, a Irmandade Aria, a Black Guerrilla Family e outras bandas apareceron desta forma, como grupos organizados que ofrecen servizos de protección aos seus membros, provén de axuda mutua e crean estruturas organizativas que permiten que floreza a economía paralela das prisións

  As bandas funcionan cun sistema de responsabilidade mutua moi parecido ao que utilizaban determinadas comunidades de mercadores na Idade Media. Si un preso quere obter drogas (ou outros bens ou servizos) pode non coñecer a reputación do seu provedor individual. Pero coñece a reputación da súa banda e cada un dos membros desta é responsable das accións dos demais.

  As bandas teñen polo tanto incentivos para desenvolver medios eficaces de obter información e de asegurar o correcto comportamento dos seus membros co obxectivo de consolidar a súa reputación e asegurar a súa posición no mercado ilegal da prisión.

  As bandas coñecen que membros son fiables e poden excluír e castigar aos oportunistas. Crean regras (moitas delas escritas) co obxectivo de reducir o conflito con outros grupos, adxudicar disputas entre eles e facilitar o comercio. A súa capacidade para a violencia supón unha ameaza crible que promove o cumprimento destas regras.

  Os membros destas bandas non provén os seus servizos movidos por un espírito filantrópico e caritativo. É a posibilidade de conseguir beneficios a que crea incentivos para que criminais violentos promovan a orde nos cárceres.

  Para rematar, ningún dos elementos organizativos característicos das bandas carcerarias apareceu como resultado dun proceso deliberado de deseño. O sistema de organización das bandas é un exemplo do que os economistas austríacos denominan ordes espontáneas, é dicir, sistemas que promoven a cooperación pacífica e que se desenvolven en resposta a problemas específicos como resultado da interacción descentralizada dun gran número de persoas.

  Quizais unha pequena reflexión en torno a estes asuntos non sexa do todo desatinada.

  Si o Estado non é capaz de proporcionar un dos seus servizos esenciais alí onde máis facilidades ten para facelo e si os homes máis violentos e menos fiables da sociedade son capaces de desenvolver de forma independente sistemas que reducen o conflito e promoven o comercio sen necesidade de acudir a ningún monopolio público da forza, ¿que cousas non serían capaces de desenvolver o resto das persoas, é dicir aquelas que non teñen inclinacións criminais, si tivesen a posibilidade de crear formas de resolución de conflitos baseadas en ordes espontáneas sen sufrir continuamente as múltiples coacciones, restricións e interferencias do Estado?

[i] Las cárceles del infierno en América Latina, http://www.elmundo.es/internacional/2017/01/07/5866897e46163fc55e8b4595.html

[ii] David Skarbek, The Social Order of the Undeworld. How Prison Gangs Govern the American Penal System (Oxford: Oxford University Press, 2014)

2017-04-30T11:53:24+00:00

Leave A Comment