O SALARIO MÍNIMO: O CAMIÑO MÁIS SEGURO AO DESEMPREGO

– Óscar Rodríguez Carreiro – 

  Neste mesmo mes de Xaneiro publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE) o Real Decreto que fixa o salario mínimo interprofesional para 2017 en 707 euros ao mes en 14 pagas, o que substitúe á anterior cifra de 655 euros. Isto supón a maior subida do salario mínimo en España en 30 anos e un incremento do 8% en relación coa anterior cuantía.[i]

  Aínda se pensa que a existencia dunha lei de salario mínimo implica unha mellora das condicións de vida para aqueles traballadores máis desfavorecidos, pois se cre que supón unha garantía de que recibirán un salario suficiente para afrontar as necesidades da vida dun xeito digno mentres que, sen a existencia de devandita lei, sería altamente probable que cobrasen salarios máis baixos e insuficientes.

  Dita idea constitúe unha falacia económica cuxos principais erros pódense expoñer en catro sinxelos puntos: 1) Os gobernos non teñen poderes máxicos: os salarios están determinados pola produtividade marxinal. 2) A lei de salario mínimo non sobe os salarios, só fai ilegal pagar un salario menor que o establecido polo goberno. 3) A lei de salario mínimo crea desemprego. 4) Os máis afectados por ese desemprego son os menos produtivos: os mozos, os discapacitados, as minorías e os traballadores pouco cualificados.

 

  1. Os gobernos non teñen poderes máxicos: os salarios están determinados pola produtividade marxinal.

  O salario é o prezo do traballo polo que o empregado acepta traballar e que o empresario acepta pagar. Do mesmo xeito que sucede con calquera outro factor de produción, o prezo do factor traballo está determinado pola produtividade marxinal. Esta establécese multiplicando a produtividade marxinal física (os bens ou servizos físicos que o traballador produce nun periodo de tempo concreto) polo prezo do produto.

  A competencia entre os empresarios no mercado de traballo asegura que exista unha relación pechada entre a produtividade do traballo e os salarios. Si un empresario intenta “explotar” a un traballador pagándolle menos que a sua produtividade marxinal, o único que fai é ofrecer unha oportunidade de beneficio aos seus competidores, que poden puxar a alza por ese traballador e facerse cos servizos dun factor indispensable para calquera proceso de produción. Por iso, nun mercado libre existe a tendencia a que os salarios se equiparen coa produtividade marxinal.

  O aumento da produtividade é o único medio polo que poden aumentar os salarios. Isto conséguese ou ben por un aumento do investimento de capital (é dicir, a introdución de máis e mellores máquinas e ferramentas que permiten que un traballador produza máis no mesmo periodo de tempo), ou por melloras tecnolóxicas (que teñen lugar como resultado do investimento empresarial en I+D), ou pola mellora do que se chama “capital humano” (resultado dunha mellor aprendizaxe, adestramento e experiencia) ou polo aumento da demanda do ben ou servizo que os traballadores producen (xa que o valor dos factores de produción está imputado polo valor do produto final).[ii]

  Así pois, os salarios están determinados pola produtividade marxinal, lei económica sobre a que non ten control ningún goberno. A idea de que os gobernos poden subir os soldos a través dunha lei de salario mínimo é equiparable a pensar que os gobernos poden aumentar máxicamente o tamaño dos cidadáns a través dunha lei de altura mínima.

 

2) A lei de salario mínimo non sobe os salarios, só fai ilegal pagar un salario menor que o establecido polo goberno.

  Así pois, o establecemento do salario mínimo interprofesional (SMI) non supón un aumento dos salarios xa que, como vimos, devandito aumento non se pode lograr a través da lexislación. Si tal cousa fose posible, si se puidese crear riqueza a golpe de decreto, os gobernos non deberían ser tan timoratos e deberían establecer soldos de, por exemplo, mil millóns de euros por hora traballada.

  O que verdaderamente supón o SMI é a prohibición de que os empresarios poidan contratar a alguén por un salario inferior ao establecido (arbitrariamente) polo goberno.

 

3) A lei de salario mínimo crea desemprego.

  As leis de salario mínimo, ao prohibir a contratación por baixo dunha certa cantidade, poden conducir ao que Mises denominaba “desemprego institucional”, é dicir, desemprego xerado pola propia intervención do goberno.[iii]

  Walter Block expuxo a través dun exemplo deportivo o que supón dita prohibición. Block imaxínase que sucedería si na proba de salto de altura en atletismo se aumentase a marca mínima esixida para acceder á final, pasando, por exemplo, de 2 m. a 2,20 m. O que ocorrería sería que todos aqueles cuxa marca estivese rozando os 2 m. e que anteriormente terían opcións de pasar á última rolda, quedarían con toda probabilidade eliminados nas novas condicións. A nova marca esixida non afectaría únicamente a aqueles poucos atletas cuxas marcas estivesen por encima dos 2, 20 m.[iv]

  O mesmo sucede co SMI. Todos aqueles traballadores cuxa produtividade marxinal quede por baixo da cifra establecida arbitrariamente polo goberno son candidatos seguros ao desemprego, xa que os empresarios non poden manter ou contratar a traballadores pagándolles máis do que contribúen ao proceso de produción, pois iso supoñeríalles dirixirse á ineficiencia económica e a bancarrota.

  Que o SMI conduza ou non ao desemprego depende de que a cantidade estipulada supere ou non a produtividade dos traballadores dun país. Unha cifra moderada non tería relevancia algunha nun país cunha produtividade moi alta pero sería nefasta nun país cunha produtividade moi baixa. Por iso, Juan Ramón Rallo sinalou que os efectos das leis de salario mínimo son ou ben irrelevantes (sen supoñer mellora algunha para ninguén) ou danosos.

   O SMI ou é irrelevante (cando é moi baixo en relación coa capacidade de xeración de riqueza dos traballadores dun país) ou é moi danoso (cando supera a capacidade de xeración de riqueza de boa parte dos traballadores).[v]

   Henry Hazlitt destacou os efectos danosos do SMI cando se sitúa por encima da produtividade.

   Non se pode facer que un home valla una certa cantidade facendo ilegal ofrecerlle menos. O único que se consegue é privarlle do dereito de gañar a cantidade que a súa situación e habilidades lle permiten, ao mesmo tempo que se priva á comunidade dos moderados servizos que é capaz de ofrecer. En resumo, substitúese un salario baixo polo desemprego.[vi]

 

4) Os máis afectados polo desemprego institucional son os menos produtivos: os mozos, os discapacitados, as minorías e os traballadores pouco cualificados.

  A idea de que se protexe aos traballadores desfavorecidos é, probablemente, a falacia máis tráxicamente perniciosa de todas as relacionadas coas leis de salario mínimo. Como vimos, o SMI vai provocar o desemprego de todos aqueles traballadores cuxa produtividade marxinal se atope por baixo da cifra establecida. Os traballadores de menor produtividade adoitan ser, normalmente, aqueles con menor experiencia, formación, habilidades ou capacidades, dentro dos que se adoita atopar grupos como os mozos (que non tiveron tempo aínda de adquirir experiencia ou mellorar a súa formación), os discapacitados (que teñen incapacidades físicas que, normalmente, provocan que sexan menos produtivos que as persoas sen as mesmas incapacidades), os pobres (que poden non gozar dos recursos necesarios para adquirir unha formación que os faga máis produtivos) ou as minorías (que, habitualmente, adoitan formar parte de grupos de extracción máis pobre que os habitantes nativos do país e que poden ter outras desvantaxes como un peor coñecemento da lingua e os costumes).

  As leis de salario mínimo privan a estes grupos da principal ferramenta de que dispoñen para competir no mercado de traballo: a capacidade de traballar por salarios máis baixos. De feito, a principal razón histórica pola que os sindicatos esixiron sempre o establecemento de salarios mínimos foi a de evitar a competencia. Dese modo, os grupos organizados de traballadores cualificados intentaron previr a competencia dos traballadores non cualificados, condenándoos así ao desemprego.

  En resumo, os gobernos non poden xerar un aumento dos salarios por medio do establecemento de leis, o único que poden xerar é desemprego, especialmente daqueles máis desfavorecidos. Ante isto, debería resultar evidente que o único curso de acción racional e humanitario sería a erradicación do SMI

[i] Ver http://www.elmundo.es/economia/2016/12/01/58400f21268e3e64448b480b.html

[ii] Ver Thomas DiLorenzo, “Do capitalists have superior bargaining power?” (6 de Septiembre de 2004), disponible en https://mises.org/library/do-capitalists-have-superior-bargaining-power

[iii] Ludwig von Mises, Human Action (Auburn: Mises Institute, 1998), p. 764.

[iv] Walter Block, Labor Economics from a Free Market Perspective (Nueva Jersey: World Scientific, 2008), p. 145.

[v] Juan Ramón Rallo, “Suprimamos el salario mínimo” (31 de Diciembre de 2013), disponible en http://juanramonrallo.com/2013/12/suprimamos-el-salario-minimo/

[vi] Henry Hazlitt, Economics in One Lesson (Nueva York y Londres: Harper & Brothers, 1946), p. 138.