O ESTADO NON É SEGURO

    – Miriam González Francisco – 

  A escusa da seguridade é un dos baluartes máis empregados para a defensa do Estado como organización política necesaria para que reine a paz entre os individuos dunha sociedade. Aínda que é certo que a seguridade total é unha quimera imposible de alcanzar neste mundo, deixar aos Estados o monopolio da defensa non ten por qué ser a mellor opción para vivir nun mundo máis pacífico.

  A seguridade é un ben subxectivo, pero debido ao poder comunicativo e propagandístico que emana dos Estados modernos parece tratarse dun concepto totalmente obxectivo, aínda que este sempre estará definido desde a propia organización estatal. Jeffrey Hummel manifesta que a seguridade é unha noción puramente ideolóxica sostida na lexitimidade que goza o Estado grazas ao monopolio do uso da forza e a coacción sobre os individuos.[i] No caso do Estado español esta concepción da seguridade e defensa denomínase Directiva de Defensa Nacional,[ii] en Estados Unidos é a Estratexia Nacional de Seguridade (National Security Strategy)[iii] e, deste xeito, cada un dos Estados e democracias modernas trata de xustificar e materializar este monopolio e “comunismo” na produción da seguridade.

  Esta formulación por parte dos Estados contradí o Dereito Natural que establece, por exemplo, a libre competencia que xerará redución nos prezos, e a primacía do interese do consumidor fronte ao productor, tal e como afirma Gustave de Molinari no seu artigo “Sobre a Produción da Seguridade”.[iv]

  Cada un dos Estados trata de dar forma á idea de interese nacional a través dunha noción que se identificou históricamente co interese dinástico e trala Revolución Francesa de 1789 coa raison d´etat.[v]

  Admitir que existe un interese xeral ou razón de estado para todos os individuos que compoñen unha sociedade é unha premisa que está moi afastada da realidade, ata si falamos de seguridade e defensa, pois as necesidades dun habitante da “Cañada da Morte” de Melilla pouco teñen que ver coas doutro que viva na Rúa Serrano de Madrid, aínda tratándose do mesmo país.

  Ademais, o interese que uns individuos (políticos en última instancia) determinan como nacional non ten por qué coincidir co interese dos gobernados; Duroselle asume que o interese nacional non é máis que o interese dunha determinada clase: “Vemos vivir ao noso ao redor sociedades humanas infinitamente complexas e diversificadas, divididas non soamente en “clases”, senón tamén en “grupos de intereses”; e comprobamos continuamente que as aspiracións destas clases e destes grupos son moitas veces contradictorias. (…) É tal a contradición entre os intereses dos grupos e dos individuos, dentro dun mesmo Estado, que custa admitir a idea dun interese nacional obxectivo. ¿Non son, salvo casos excepcionais, os “intereses superiores do Estado”, invocados con tanta frecuencia, un simple medio de enmascarar intereses infinitamente menos nobres e, en todo caso, particulares?[vi]

  A seguridade e a defensa son materias nas que o Estado trata de manter o monopolio e nas que se mostra extremadamente receloso a súa liberalización e privatización e, como todas as áreas intervidas pola planificación socialista, presenta serios problemas de cálculo: como definir o prezo, a cantidade ou calidade, ou o mellor método a aplicar. Os recentes ataques terroristas en Alemania de decembro de 2016, ou o atentado de Niza en xullo do pasado ano, puxeron de manifesto a falta de capacidade de adaptación que teñen os sistemas de seguridade europeos ante estas novas ameazas malia a grande cantidade de recursos que se destinan aos Ministerios de Interior e Defensa.

  Hayek afirmaba en La Fatal Arrogancia que é totalmente imposible que un grupo de planificadores poida acceder a toda a información dispersa entre os diferentes individuos que compoñen unha sociedade e, tendo en conta que a orde social é espontánea e evolutiva, este tipo de planificación estatal da seguridade está incapacitada para resolver do xeito máis efectivo posible os problemas que se xeran nestas áreas sensibles da convivencia humana. Ademais, a orde xerárquica que reina nas institucións policiais e militares, onde en última instancia a decisión é tomada en base ao criterio dun político (contradicindo nalgunhas ocasións aos expertos na materia) que exerce tal poder grazas ao sistema clientelar que reina nas democracias, engade aínda máis problemas a este método de prover a seguridade e defensa aos cidadáns.

  Tanto a guerra como os fenómenos terroristas están en constante mutación, e o motivo último deste tipo de manifestacións adoita ser un conflito de intereses coa oligarquía dominante, un grupo de persoas organizadas que, en base á idea de Estado, exerce o seu poder sobre o resto de individuos. No momento histórico actual (no que a orde internacional baséase nun sistema anárquico) case desapareceron os conflitos directos a gran escala entre os Estados, xa que, o maior risco, agora, trasládase ás áreas onde existe un poder planificador efectivo e contrapoderes que tratan de conquistalo en función de diversos intereses.

  A loita trasládase ao interior dos Estados, de tal xeito que chega tamén a pervertir a área da xustiza, por ser o Estado o proveedor da mesma. Hai milleiros de exemplos: a guerra sucia contra ETA na que o Estado español creou aos GAL, o ataque aos manifestantes en Derry durante o denominado Domingo Sanguento por parte do exército británico, a guerra contra as drogas levada a cabo en Colombia ou México… non é preciso dicir que os principais responsables destas accións saíron impunes.

  Aínda que é imposible elaborar agora mesmo un mecanismo de seguridade e defensa que substitúa ao Estado, por non terse dado aínda as condicións que faciliten o proceso de xeración de información pertinente para logralo, o certo é que admitir a necesidade do control da organización estatal nestas áreas non as exime de sufrir graves deficiencias debido ao gran poder infraestructural que están alcanzando as encomiadas democracias occidentais, xa que a maioría de veces é o propio Estado o que crea os problemas que despois tratará de resolver.

  Xa o advertiu fai tempo Benjamin Franklin: “Aqueles que renunciarían a unha liberdade esencial para comprar un pouco de seguridade momentánea, non merecen nin liberdade nin seguridade”.

[i] Víd.:HUMMEL, Jeffrey: “The Will to be Free: The Role of Ideology in National Defense” en: HOPPE, Hans-Herman (ed.): The Myth of National Defense: Essays on the Theory and History of Security Production,Mises Institute, 2003, Alabama, pp.275-298

[ii] Directiva de Defensa Nacional en curso 1/2012 http://www.defensa.gob.es/defensa/politicadefensa/directivadefensa/

[iii] http://nssarchive.us/national-security-strategy-2015/

[iv] DE MOLINARI, Gustav: “Sobre la producción de Seguridad” en: Journal des Économistes, el 15 de febrero de 1849, http://www.liberalismo.org/articulo/261/240/produccion/seguridad/

[v] SONDERMANN, Fred “The Concept of the National Interest” en: SONDERMANN, Fred y OLSON, William (eds):The Theory and Practice of International Relations, Prentice Hall ,New Jersey 1966, p. 86

[vi] DUROSELLE, Jean-Baptiste; RENOUVIN, Pierre: Introducción a la Historia de las Relaciones Internacionales, S.L. Fondo de Cultura Económica Española, Madrid, 2000, p. 357